Discurso de Néstor Rego, Secretario Xeral da UPG, no acto de tributo a Moncho Reboiras cando se fan 44 anos do seu asasinato.
Se algo probabelmente non temos valorizado o suficiente é que todo o que leva construído o nacionalismo galego -e non é pouco- foi feito coas propias mans, coas mans do povo traballador, e con inmenso esforzo e sacrificio militante: organizacións políticas, sociais, sindicais, iniciativas de normalización lingüística, defensa do territorio, proxectos culturais, de comunicación… Todas elas, ferramentas impresindíbeis para asentar a consciencia de que o povo galego existe e que ten dereitos; todas elas tamén, parte indispensábel do proceso de autodeterminación que temos en marcha para garantir un futuro de benestar e de liberdade para o noso povo.
Todos nós, todas nós, recoñecemos na traxectoria política de Moncho Reboiras e, con el, de toda unha xeración de patriotas que militaban na Unión do Povo Galego ou se agrupaban ao redor do noso Partido neses anos difíceis da ditadura, a entrega militante, a determinación necesaria para enfrontar o combate político e a vontade expresa de organizar o noso povo de maneira soberana. A autorganización foi, é e será sempre a única garantía de podermos decidir, de maneira libre, en función dos propios interes como nación.
Na xa dilatada experiencia política do nacionalismo, esta foi non só pedra basilar en que asenta a propia existencia como proxecto político de liberación, senón tamén unha constante que, para ben ou para mal, podemos acreditar no día a día. Onde hai organizacións políticas e sociais propias, onde está o nacionalismo, está a Galiza e están presentes os seus intereses. Mais a premisa é valida tamén sensu contrario. Infelizmente puidemos constatalo de maneira reiterada nos últimos tempos no Congreso e certificalo aínda nestas semanas en que o noso País estivo ausente do debate político no Estado no proceso de investidura.
Aí o vello e o novo sucursalismo, da dereita ou da chamada esquerda española, tiveron idéntico comportamento. Impera a lóxica da submisión política desde a asunción como natural da inserción dependente da Galiza no Estado español e da aceptación do rexime burgués e monárquico vigorante. Mais é xustamente para acabar con iso, para conquistar unha Galiza libre, que xorde o nacionalismo galego. Esa é a nosa razón de ser. Esa é a razón que trouxo Moncho Reboiras á militancia no noso Partido. Esa é a razón tamén que nos congrega hoxe aquí e que nos move no traballo político diario.
O combate que temos que librar contra a opresión colonial da nosa nación e contra esa idea dunha Galiza submisa aos ditados de Madrid e dócil servidora dos intereses da oligarquía española ten, sen dúbida o seu albo principal no bipartidismo que sustenta o rexime constitucional español e nas políticas que executan.
Un Partido Popular na Xunta da Galiza, e un Feixoo, que como bon colonizado se esforza en ser obediente executor de políticas que prexudican gravemente os nosos intereses económicos, sociais, culturais e lingüísticos e avalía como un éxito unha xestión e unha situación política que ten provocado que en apenas 10 anos máis de 300.000 galegos e galegas -máis de 10% da nosa populación- tivesen que abandonar o noso País camiño da emigración.
E un Partido Socialista no goberno central que sistematicamente, cando goberna, desatende os problemas e necesidades da Galiza. Xa estamos afeitos, mais non por iso o imos aceptar e deixar de denunciar, que a alternacia de PP e PSOE en Madrid é apenas a alternancia na marxinación e discriminación da Galiza. Aí está, para mostralo, por falar só dos últimos meses, os peores orzamentos para a Galiza en 17 anos -a propósito, coa connivencia de Unidas Podemos- ou a despreocupación coa crise industrial que está a padecer o noso País con millares de postos de traballo en risco de desaparecer.
Mais tamén esa autoproclamada ‘nova política’ veu xogando un papel negativo para os intereses do noso povo e para o obxectivo dunha Galiza con capacidade política propia soberana, especialmente polo que supuxo de engano e fraude política para segmentos importantes da nosa sociedade e ainda, de reforzamento da españolización e enfraquecemento dunha dinámica política propiamente galega.
Nos últimos anos observamos como esa nova versión da esquerda española, convenientemente apoiada polos medios do sistema na medida en que lle podía ser funcional, foi capaz de conseguir un importante apoio electoral, mermando mesmo significativamente o do nacionalismo. E iso, a pesar de se sustentar nunha retórica anti-sistema que non casaba coa práctica política, na palabrería oca que tentaba ocultar a falta de ideoloxía e de vontade real de confrontar co rexime e no marketing puramente electoral. Mais tamén constatamos como cando, en función dos intereses do propio rexime, ese apoio mediático é retirado, a ausencia de consistencia política, ideolóxica e organizativa provoca que os apoios electorais se esvaezan coa mesma rapidez con que chegaron.
Frente a iso, foi precisamente a firmeza política e ideolóxica, a perseveranza nos principios e no criterio de autoorganización e a capacidade organizativa e mobilizadora o que fixo que o nacionalismo fose capaz de reconquistar terreo e hoxe se ache nun proceso claro de recuperación de apoios políticos e sociais. Estamos conscientes de que, pola propia natureza dos nosos obxectivos estratéxicos, o movemento nacionalista non vai contar nunca co apoio dos medios do sistema. Ao contrario, o habitual é a franca hostilidade. Razón de máis para contribuírmos a construír, tamén na comunicación, espazos plenamente soberanos.
A grande fortaleza do movemento nacionalista está na organización, na estrutura militante por todo o País, na introdución social, no traballo nas organizacións de base, na claridade de ideas, no activismo e no proselitismo social… Son estes os elementos que é preciso reforzar para aumentar a nosa capacidade de incidencia social. A propia experiencia indica que a consciencia nacional, a organización e o mesmo movemento soberanista só avanzan con mobilización e cun traballo social e institucional que enfronte con decisión o conflito social e político e a batalla das ideas. É precisamente nos momentos de confusionismo político interesado, como o que aínda estamos a viver, cando máis necesario é mantermos un discurso claro e con fondo contido político nacionalista.
Os nosos obxectivos políticos son incompatíbeis co sistema e co rexime político español. Sempre tivemos claro que non estamos aquí para xestionar o que hai -aínda que podemos facelo infinitamente mellor que as forzas españolas, como temos demostrado moitas veces- nin para nos limitar a reformas parciais que non poñan en cuestión o modelo constitucional e autonómico. A nosa práctica política nunca pasou -e nunca pasará- por naturalizar, por activa ou por pasiva, a nosa situación de dependencia porque se non existe o problema, non ten tampouco porque formularse ningunha solución. A asunción con normalidade da opresión que padece a nosa nación -aínda que fose por obviala no debate político- sería o primeiro síntoma da nosa derrota colectiva como povo. E a iso nunca estaremos dispostos.
Precisamente, a chave de que o nacionalismo continúe a avanzar e o faga aínda con máis forza está en que consiga evidenciar diante de amplos sectores sociais, e no terreo da práctica, que a dependencia política da Galiza é un mal negocio para o povo galego; que a dependencia implica espolio económico, marxinación cultural, discriminación lingüística e lastra inevitabelmente as nosas posibilidades de desenvolvemento e de benestar. O movemento nacionalista avanzará desde que sexa capaz de confrontar a maioría social coa evidencia de que o modelo autonómico non serve para dar solución aos nosos problemas e está a provocar que un país rico en recursos e potencialidades se vexa empobrecido e abocado ao desemprego, á precariedade e á emigración.
O noso partido e o nacionalismo que partillamos nunca caeu nese ideoloxismo estéril que en moitos casos semella máis orientado a unha inútil satisfacción persoal que á eficacia política do proxecto que se di defender. Nunca desprezou as propostas tácticas, entre outras cousas, necesarias para facer pedagoxía política na sociedade. Mais tamén, nunca perdeu de vista o obxectivo estratéxico da soberanía nacional, conscientes de que na historia da humanidade ningunha idea política ten avanzado sen que sexa defendida.
E para que proceso de autodeterminación nacional avance, é preciso defendelo, con intelixencia e pedagoxía política, mais tamén con firmeza e con decisión. O noso obxectivo é gañar máis povo para a nosa causa, mais non será por nos acomodarmos ao pensamento maioritario, senón por sermos capaces de achegar, pouco a pouco, as maiorías sociais, ás teses do nacionalismo galego.
Tamén sobre isto nos veu fornecendo experiencias instrutivas a práctica política nos últimos anos, como constatamos nunha análise máis de fondo dos últimos procesos electorais. Nos debates que levamos abordados neste tempo -especialmente desde 2012- sempre se confrontou a defensa da autoorganización do povo galego e unha liña nacionalista claramente popular, antiimperialista e de ruptura co rexime español, con correntes que, ainda que resultasen contraditorias entre si, concordaban en cuestionar estes postulados históricos do nacionalismo.
Por un lado unha tendencia que, xustamente obviando o problema da opresión nacional, defendía unha liña “máis asumíbel socialmente” concretada nunha especie de galeguismo autonomista que marcaba como obxectivo máximo aumentar as competencias autonómicas sen pór en cuestión o marco xurídico-político; liña que, na teoría, había de levar a conquistar facilmente segmentos máis amplos -e mesmo maioritarios- da sociedade galega.
Por outro, a de quen afirmaba explicitamente que o povo galego, por si só non ten capacidade e “non pode” avanzar no camiño da soberanía, polo que era preciso aliarse coa esquerda española para lograr primeiro a ruptura co rexime de 78 -posición que na práctica tampouco foi defendida- e xa despois poder falar dos dereitos nacionais da Galiza.
En ambos os casos a intención real era preterir o nacionalismo, deixándoo de lado tendo en vista -pretendidamente- gañar apoios electorais. Mais hoxe unha e outra aparecen como vías claramente fracasadas. A primeira, após anos de posicionamentos confesionalmente autonomistas, confirmou, máis unha vez, a súa condición marxinal. Unha experiencia que evidencia a inutilidade de se acomodar ao marco -polo menos se a perspectiva é unha nova Galiza con capacidade política propia- sen impugnar un modelo constitucional e autonómico que nos mantén na dependencia e non dá saída -nin sequera solucións conxunturalmente visíbeis- aos principais problemas sociais e económicos que padecemos.
A segunda, é a expresión -agora enfeitada de ‘nova política’ e coa colaboración inestimábel de organizacións galegas que se din nacionalistas- dun vello debate que o noso Partido e o nacionalismo tiveron que enfrontar desde o comezo frente á esquerda española. A premisa da autorganización do povo galego na loita pola emancipación nacional e social como única garantía de manter a independencia de criterio e a capacidade de decisión soberana. En todo o caso, para nós esta premisa sempre foi a consecuencia lóxica de ter colocado acertadamente a contradición principal entre o povo traballador da nación oprimida e a burguesía imperialista do estado opresor e, por tanto, tamén politicamente entre nacionalismo galego e españolismo.
Tamén en ambos os casos o pretexto perfecto para agochar o nacionalismo foi a febleza da consciencia nacional no noso País. Mais a análise da traxectoria destas opcións e da evolución política do País certificou -polo menos para quen quixer ver- que o resultado foi enfraquecer aínda máis a identificación coa nación e as dinámicas políticas propias. A conclusión debe ir xustamente na dirección a contraria: é precisamente a Galiza a nación do estado que precisa de maior pedagoxía política a respecto da súa condición nacional. E fica claro que nunca vira das universidades, nin dos “opinadores” ou dos grandes medios de comunicación. Ou vén de nós, do propio movemento nacionalista, ou non existirá.
En todo o caso, frente ao fracaso desas dúas correntes, o nacionalismo foi capaz de retomar o pulso mantendo os seu principios e o discurso. O tempo veu constatar que as nosas análises eran e continúan a ser acertadas. Ou hai autoorganización ou hai sucursalismo, que só reforza a españolización da Galiza. E o traballo realizado con coherencia e confianza no noso povo acaba por dar resultados. Con todas as dificultades que aínda debe superar, hoxe o nacionalismo está avanzando, en posición de recuperar o terreo perdido e de conquistar mesmo novos apoios.
E nese camiño temos que continuar, mellorando o que for preciso, mais sempre con confianza nas nosas capacidades e nas nosas posibilidades. Temos claro que a posición soberanista do nacionalismo non vai nunca convencer todo o mundo, mais tamén sabemos que obxectivamente interesa á maioría social deste País. O noso obxectivo é chegar á clase traballadora e ao conxunto das clases populares galegas para irmos conquistando a hexemonía social. Temos que abrir círculos concéntricos cada vez maiores, cada vez máis amplos, fomentando o orgullo e a autoestima colectiva, creando conciencia social e nacional e mantendo sempre os elementos centrais do proxecto político do nacionalismo galego.
Temos por diante desafíos políticos, sociais e electorais fundamentais, se callar algún relativamente axiña. Asentar un proxecto de comunicación propio, reactivar o activismo cultural, impulsar o traballo social e sindical nacionalista, alentar a defensa dos dereitos nacionais da Galiza, desenvolver iniciativas de normalización da nosa lingua, defender os servizos públicos, promover a mobilización social…
Se finalmente houber eleccións en novembro, estamos preparad@s para enfrontalas como a oportunidade definitiva de que a Galiza recupere unha voz propia en Madrid. E temos no horizonte unhas eleccións galegas que, sen dúbida, serán transcendentais para consolidar o avance electoral do nacionalismo e para comezar a mudar a situación política do noso País.
A todos estes desafíos daremos cumprida resposta desde a consciencia de estarmos dando tamén pasos decisivos no camiño da nosa liberdade.
Recentemente, unha xornalista preguntoume por que homenaxear Moncho Reboiras 44 anos despois do seu asasinato. Pois é simple, e témolo dito moitas veces: este non é un acto de nostalxia, senón de xustiza e de fondo sentido político. Para alén do máis, porque sabemos que a memoria non fala só do pasado; fala fundamentalmente de como enfrontamos o presente e, sobre todo, de como concibimos o futuro.
Para nós, homenaxear Moncho Reboiras, alén dun acto de recoñecemento necesario, é traer a primeiro plano a vixencia dun proxecto político que loita pola liberdade da nosa Patria e por construír unha nación soberana e unha sociedade diferente, xusta, democrática, igualitaria e libre.
Render tributo ao compañeiro Moncho Reboiras é exaltar o espírito de rebeldía frente á opresión e a inxustiza, valorizar o compromiso militante, tomar exemplo da entrega xenerosa á causa da liberdade do noso povo.
É tamén recoñecer, como dicía ao comezo, o que o nacionalismo leva construído colectivamente, non por autocomplacencia, senón xustamente por perseverar nos acertos ao tempo que somos capaces de rectificar os erros. Reboiras, que foi un dos actores cruciais na creación dun sindicalismo nacionalista e de clase estaría hoxe orgulloso de ver como a CIG é a primeira central sindical do noso País na rúa e tamén nas urnas. Reboiras, que tanto traballou pola autoorganización do povo galego estaría, sen dúbida, orgulloso de comprobar como o BNG non claudicou nunca nin se deixou engaiolar por cantos de serea que terían levado á desaparición práctica do nacionalismo político na Galiza.
Por iso este acto de homenaxe é tamén, e sobre todo, a oportunidade de revalidar publicamente o firme compromiso de continuar a loita pola idependencia nacional pola que o noso camarada deu a súa vida, coa certeza de que a Galiza soberana e socialista será, máis cedo do que tarde, unha frutífera realidade.