A crise sanitaria, social e económica provocada polo coronarivus ocúpao todo, das preocupacións da xente até o foco informativo case en exclusiva. Tanto que pode ocultar preocupantes actuacións que colocan en risco, cando non conculcan directamente, dereitos democráticos e liberdades públicas. Algunhas desas actuacións xorden precisamente ao amparo do Estado de alarma decretado no pasado 14 de marzo.

É verdade que a calidade democrática do Estado español xa ten ficado moitas veces en entredito. Non é cuestión aquí de repasar todas as vulneracións de dereitos como consecuencia de decisións políticas e xudiciais. Partamos de que continúa en vigor -e en aplicación- a Lei de Seguranza Cidadá (Lei da mordaza), aínda non derrogada polo goberno, apesar dos case dous anos que transcorreron desde a moción de censura e de que era un compromiso tanto do PSOE como de Podemos.

Aliás, para alén de non derrogar a Lei da mordaza do Partido Popular, o goberno do PSOE aprobou en outubro de 2019 o “Decreto da mordaza dixital”, validado cos votos a favor do PP e Cs e a abstención de Unidas Podemos. O decreto -que se vendeu como unha acción contra a ‘República dixital catalá’– na realidade permite a limitación da liberdade de expresión en internet, mesmo sen control ou autorización xudicial. Constitúe, por tanto, unha grave ameaza a un dereito democrático fundamental e é impropio dun sistema que se diga democrático.

Coa declaración do Estado de alarma aceptamos, polo interesse común, a restrición temporal de algúns dereitos, como o de movemento. Mais, ao amparo desta situación están a se producir situacións que non condicen cun Estado verdadeiramente democrático. E a escenificación militarizada, con uniformados protagonizando todos os días as conferencias de imprensa sobre unha crise sanitaria ou a desfilar polas rúas -máis propia dun Estado de excepción que dun Estado de alarma-, é apenas a face visíbel, mais non nos escapa que ten unha intencionalidade política evidente.

Estamos a ver que son numerosos os vídeos que circulan nas redes de brutalidade e abusos policiais nun contexto en que a cidadanía ve limitada a súa capacidade de se defender, de denunciar ou de protestar. E, que saibamos, non houbo ningunha reacción, moito menos investigación por parte do Ministerio de Interior, o que sen dúbida, incentiva este tipo de comportamentos por parte de policiais que se senten impunes.

E con razón. A instrución que o próprio Ministerio do Interior envía ás Delegacións do Goberno, para as trasladar aos corpos policiais sobre como actuar para facer cumprir o Estado de alarma é escandalosa.

Primeiro porque, a pesar de que o Real Decreto 463/2020, en relación cos incumprimentos do nel previsto remite xenericamente ás leis, a instrución sinala directamente á amplicación da Lei 4/2015 (Lei da mordaza) á hora de sancionar, en especial ao artigo 36.6 que considera infraccións graves, sancionábeis con multa de 601 a 30.000 euros, “a desobediencia ou a resistencia á autoridade ou aos seus axentes no exercicio das súas funcións”.

Aliás, isto é completado cunha “descrición” sobre a “actitude do denunciado” que considera “actitude inapropiada do infractor” todo o que non sexa “aceptación resignada da denuncia”, que resultaría nunha sanción mínima (por “menosprezo, xactancia ou mala educación”) de 2.000 euros, mais que podería chegar até os 10.400 euros.

En todo o caso, segundo xuristas, a instrución non se axusta a dereito e a propia Avogacía Xeral do Estado indica nun informe que para o imcumprimento do estado de alarma non é aplicábel o artigo 36.6 da Lei da Mordaza salvo que se “desatenda o requirimento da autoridade”. Un informe que Interior parece desouvir.

Mais as actuacións que poden pór en risco dereitos continúan. A Orde SND/297/2020, de 27 de marzo, habilita para disponibilizar unha “solución tecnolóxica” que permita a xeolocalización do usuario “para os únicos efectos de verificar que se encontra na comunidade autónoma en que declara estar” e tamén estabelece “a análise da mobilidade das persoas” nos días previos e durante o confinamiento, a partir do “cruzamento de datos dos operadores móbiles, de maneira agregada e anonimizada”. Son solucións que se revisten de lóxica na loita contra unha pandemia, mais que representan un enorme risco de cara ao futuro.

Risco que avaliamos máis próximo se tomarmos en conta as declaracións do próprio ministro do Interior na conferencia de imprensa de 15 de abril en que informou de que funcionarios de Interior están rastreando as redes sociais “co fin de comprobar algúns discursos que poidan ser perigosos ou delitivos”. É dicir, admite que procuran opinións que, sen seren delitivas, achan -a xuízo de quen?- perigosas.

Fontes do Ministerio confirmaron que era así porque “hai elementos que vemos a diario e que, sen revestiren carácter delitivo, tratan de intoxicar, causar desasosego e de manipular a opinión pública”. En que estado democrático é a policía a que ten a potestade para determinar o que é unha opinión perigosa? Perigosas son este tipo de actuacións que, aliás, son recoñecidas publicamente con total normalidade.

Mais isto non parece resultado dun repente do Ministro do Interior. A pregunta que o CIS deslizou no seu último inquérito sobre se as informacións sobre o coronavirus só poderían proceder de fontes oficiais vai nesa mesma dirección e ambas atentan directamente contra a liberdade de expresión.

Como dicía, semella que a loita contra a epidemia tapa todo, mais non pode xustificar todo. Que razón haberá entón para que en calquera outro asunto que o goberno considere de “especial interese público” non se tente limitar a información a “fontes oficiais”. E, mais unha vez, en que Estado democrático só pode ser divulgada a información que facilita o goberno?

E aínda temos máis. Neste momento está en tramitación parlamentaria un proxecto de lei orgánica (ao que xa o BNG ten presentado emenda à totalidade, de devolución) que pretende facultar as autoridades para coñecer e cruzar os datos particulares das persoas que pretendar utilizar un avión. Máis unha vez, o argumento da seguranza para vulnerar dereitos básicos das persoas.

A limitación aos dereitos democráticos e ás liberdades públicas xa está aquí e os riscos de vulneración grave no futuro son evidentes: Lei da Mordaza, Decreto da mordaza dixital, abusos policiais, instrucións aos corpos de policía que exceden mesmo as previsións legais, militarización dunha emerxencia sanitaria, control dos datos de localización através da telefonía móbil, varrido nas redes de opinións “perigosas”, globo sonda do CIS para a limitación da liberdade de información, lei para control da pasaxe dos avións…

Non teño dúbida de que se estas medidas todas as estivese a executar o Partido Popular, habería un forte movemento de rexeitamento. Mais se un goberno que se denomina “progresista” conformado por partidos que se definen de esquerda, fai políticas de dereita e implementa medidas que coartan dereitos e liberdades públicas, é exactamente igual de perigoso e merece exactamente o mesmo rexeitamento.