Discurso de Néstor Rego no acto de homenaxe da UPG a Moncho Reboriras cando se fan 43 anos do seu asasinato.


Mais un ano a memoria de Moncho Reboiras congréganos aquí, en Ferrrol, para reafirmar alto e claro a necesidade de continuar a loita por unha Galiza libre e socialista á que o noso camarada entregou a súa vida. Mais ides permitirme que nesta ocasión xunte á lembranza do compañeiro asasinado a de outro camarada que por vez primeira neste ano non está fisicamente con nós, Bautista Álvarez.

Moncho e Bautista son hoxe referentes imprescindíbeis para o nacionalismo galego. Os dous eran homes do povo que de moi novos se comprometeron coa causa da liberdade da Galiza. Os dous partillaron militancia clandestina neses últimos anos da ditadura e contribuíron de maneira decidida a impulsar o activismo e a presenza nacionalista entre as clases populares galegas. Os dous dedicaron a súa vida, intensamente, á emancipación do noso povo. Infelizmente a prometedora vida de Reboiras foi segada de maneira brutal en plena xuventude polas armas do opresor, mais o seu contributo foi inmenso e continúa a ser fundamental para entender o nacionalismo e a Galiza de hoxe. Pola súa parte, Bautista Álvarez realizou un percurso de máis de cinco décadas de militancia na Unión do Povo Galego en que máis de 30 anos foron de decisivo liderado político nacionalista como Presidente do Partido e como dirixente do Bloque Nacionalista Galego. E o que é máis importante aínda, fíxoo sempre con absoluta coherencia política, con honestidade e con xenerosidade.

Comunistas e patriotas galegos. Bautista Álvarez e Moncho Reboiras, estes son os nosos referentes éticos e políticos. Frente ao mar de lama ao que nos teñen afeitos os partidos do rexime, tamén frente ao oportunismo, ao tacticismo, ao transfuguismo, á falta de confianza na capacidade do povo galego ou ao sometemento a directrices alleas, nós temos neles dous farois que marcan, sen dúbida, coa súa traxectoria exemplar, tamén un campo de acción do nacionalismo absolutamente exemplarizante: estamos aquí para loitar, con determinación, polos intereses do povo traballador galego e pola independencia de nosa nación e iso é o que imos colocar sempre, sempre, sempre por diante de calquera outra consideración.

Mais para conseguirmos avanzar realmente para o obxectivo da soberanía temos que percorrer o camiño combinando adecuadamente táctica e estratexia de forma que as propostas tácticas levanten as contradicións e as coloquen á vista do noso povo para lograr que a súa superación apunte para a necesidade de mudarmos os parámetros políticos existentes e deseñar uns novos sobre a base da decisión soberana do povo galego. Se callar, metidos no rodicio do intensísimo traballo político, social e institucional diario, en que as necesarias posicións tácticas gañan máis visibilidade, nen sempre somos capaces de que sexa percibida adecuadamente a razón de ser do nacionalismo que, aliás, estabelece unha diferenza fundamental con calquera outra forza política.

Mais nós sabémolo e debemos esforzarnos por que o noso povo así o entenda: o noso labor non consiste en facer oposición só a Feixoo senón a todo un rexime político constitucional e autonómico que nega os nosos dereitos nacionais, que perpetúa o espolio colonial do noso País e que cercea as nosas posibilidades de desenvolvemento e benestar. Por iso, para alén de criticar a permanente actitude de Feixoo como bon colonizado con aspiracións madrileñas, de submisión ao goberno central, colocamos a énfase en denunciar as limitacións do marco autonómico e os prexuízos que para o povo galego acarretan as decisións que outros toman por nós, sexa en Madrid ou en Bruxelas, ao tempo que levantamos unha alternativa de capacidade real de decisión para a nosa nación.

Nós sabémolo e, por tanto, debemos procurar que todo o mundo o saiba: o noso obxectivo político non é só tombar o Partido Popular, senón un rexime español autoritario e corrupto para o que a nación galega non existe e co que é preciso romper canto antes. Por iso, mesmo tendo sido o nacionalismo o impulsor real, nas institucións e na rúa, da contestación às políticas antisociais e antigalegas do Partido Popular e mesmo valorando como necesaria e positiva a súa saída do goberno, advertimos logo que os problemas do noso País non se solucionaban cunha remuda en Madrid entre os partidos do réxime, senón que a mudanza que a Galiza precisa é bem diferente e pasa por romper a dependencia e asumir e exercer a propia soberanía.

Mesmo, cando asumimos gobernar, temos claro que a nosa misión non é simplemente xestionar o que hai, ainda que o fagamos mellor, entre outras razóns porque o facemos sempre con honestidade e cun criterio social, nacional e de servizo público. A nosa tarefa consiste en aplicar políticas realmente transformadoras e que muden as cousas en positivo; políticas nacionalizadoras, que coloquen as institucións ao servizo do fortalecemento da nación galega e da conciencia nacional e, en todo o caso, sempre confrontando as necesidades sociais e públicas coas limitacións legais do marco político que impiden satisfacelas. É iso o que vai posibilitar crear conciencia sobre a necesidade de superalo.

En fin, esta nosa razón de existir, este noso obxectivo obxectivo estratéxico que continúa sendo semente de futuro, ten xa tras de si unha dilatada traxectoria que nos permite velo con perspectiva e recoñecelo hoxe expresado con palabras centenarias e inequívocas: “Son chegados os tempos de erguer a alma e o pensamento da Galiza, e sobre todo a súa soberanía, completa e sen cativeces. Nisto non caben discusións: Galiza ten direito, un direito fundamental, a ser dona absoluta de si mesma”. Sentimos que unha corrente de dignidade colectiva e de patriotismo percorre todo un śeculo e une aquel distante 1918 en que estas palabras foron escritas e asinadas con este momento. O mesmo obxectivo, mais tamén a mesma determinación e a mesma convicción de que a liberdade da nosa patria e o besnestar do noso povo valen todo o compromiso e todo o sacrifico que caben en 100 anos de loita.

Acontece que somos moi conscientes de que para alcanzarmos a nosa emancipación nacional non chega con desexala. Como todo proceso social revolucionario é preciso organizalo, xerando e potenciando os instrumentos que permitan desenvolvelo gañando apoio popular até tornalo inevitábel. Os homes e mulleres das Irmandades puxéronse logo ao traballo, creando organizacións, institucións, publicacións e empresas que actuasen ao servizo do obxectivo de galeguización da sociedade e da “Santa Causa da Redención da Nai Terra”, como eles a denominaban.

Ese mesmo espírito animou sempre o nacionalismo galego desde entón até o momento presente. A longa experiencia revolucionaria á volta do mundo e tamén a propia, ensínanos que sen organización sólida non hai proxecto libertador que teña posibilidade de triunfar e que sen autoorganización tampouco haberá liberdade para a nosa nación. Por iso asumimos como tarefa central ir fortalecendo e alargando cada día as ferramentas de autodefensa, de intervención social e de combate que tan necesarias son neste País e que Reboiras entendeu esenciais para que un movemento que ten como eixo a defensa da nación galega puidese resistir primeiro, avanzar despois e finalmente triunfar. Nin máis nin menos que iso que chamamos autoorganización e que é simplemente o resultado de convicción de que para chegarmos a ser libres temos que comezar por actuar por nós mesm@s, con plena liberdade e independencia de criterio e con absoluta confianza nas propias forzas.

Sabemos ademais que dese traballo miúdo entre o povo, que se beneficia, sen dúbida, de liderados con ideas claras e compromiso decidido como o do noso camarada Reboiras mais que é tamén e sobre todo un labor colectivo, acaban por xurdir froitos extraordinarios. Aquel esforzo de organización da clase traballadora galega, ao que Moncho dedicou boa parte do seu labor militante, e que resultaría na creación dos primeiros xermolos sindicais e posteriormente do Sindicato Obreiro Galego, virou hoxe na magnífica realidade que é a Confederación Intersindical Galega, a primeira central sindical do noso País e todo un exemplo de coherencia e combatividade.

Foi, é claro, o resultado da xenerosidade e do compromiso militante de centenas, de millares de patriotas, de traballadores e traballadoras ao logo de corenta anos, cun contributo esencial, sen dúbida, de militantes do noso Partido, de que nos sentimos lexitimamente orgullos@s. Mais hoxe queremos, para alén de parabenizar a CIG polo traballo realizado, comprometernos aquí publicamente a reforzar no posíbel o noso contributo para que a clase traballadora galega e o País conten máis cedo do que tarde cunha forza de combate hexemónica e con capacidade reduplicada de defender eficazmente os seus intereses.

E ese mesmo compromiso manifestamos para con iniciativas plurais e integradoras que, por seren necesarias e positivas para o País, contan con todo o impulso que poda dar o noso Partido e a súa militancia. Achamos esencial que exista unha entidade poderosa, con capacidade para chegar a sectores sociais amplos, que traballe para incentivar a identificación co País, o amor pola Galiza e, en consecuencia, a necesidade de actuar para defender os seus intereses e dereitos. Pensemos na importancia de colocar o País diante do espello para ver reflectida a súa situación e que isto sirva de motor para a acción. Algo tan sinxelo, como nos lembra amiúde o camarada Francisco Rodríguez, como formular unha simple pregunta: O povo galego existe? Simple, si; mais tamén, sen dúbida, incómoda e reveladora; pois se existe ten dereito a ser recoñecido como tal, a aproveitar os seus recursos e potencialidades en beneficio próprio e do benestar colectivo, a falar a súa lingua, a desenvolver a súa cultura, ou a decidir libremente o seu futuro, en definitiva, ten dereito a exercer a autodeterminación e a se tornar nunha nación libre.

Igualmente imprescindíbel para que a Galiza se poda recoñecer a si própria é dotarse dun espazo galego de comunicación e medios con capacidade informativa e influencia social. Contar, analisar, interpretar o País e o mundo desde aquí, en chave galega, é un feito simplemente revolucionario no contexto actual de pensamento único e de imperio da pos-verdade. Fagamos, pois, todo o posíbel e máis para que o País non desaproveite esta oportunidade de recibir unha boa dose de entusiasmo e auto-estima colectiva de que tanto está a precisar.

Son, sen dúbida, pasos fundamentais que é imprescindíbel dar aos que habemos destinar boa parte dos nosos esforzos nos tempos vindeiros, pois somos moi conscientes do impacto positivo que o seu éxito vai ter para o País que queremos construír. Mais tamén nos próximos meses teremos que enfrontar dous ou tres procesos electorais absolutamente determinantes. E debemos facelo coa perspectiva de que sirvan para fortalecer o nacionalismo, para consolidar a recuperación de apoios políticos e electorais e para alargar a capacidade de intervención social e institucional que permita a representación obtida. Mais non esquecemos que nunhas eleccións, especialmente se foren municipais, o traballo comeza moito antes da campaña electoral e o proceso de elaboración das candidaturas concello a concello pode e debe servir para reforzar a organización, estendela por todo o País e incorporar novas persoas militantes que insuflen tamén novos azos e novo impulso ao traballo que hai que realizar. Se así se fixer, con certeza de que xa temos gañado.

As eleccións europeas son tamén unha boa oportunidade para estender o debate social que resulte esclarecedor sobre o papel da UE e das consecuencias das políticas comunitarias no noso País a partir da análise que historicamente ten realizado o nacionalismo e do rexeitamento dunha Unión Europea ao servizo das oligarquías e do imperialismo. No plano político isto é esencial e debe contribuír tamén para lograr o noso obxectivo electoral que non é outro que revalidar e reforzar a representación nacionalista de modo que permita unha maior capacidade de actuación para o futuro.

E, por último, debemos estar preparados para un eventual adiantamento das eleccións xerais, en que o grande desafío será que a Galiza recupere a súa voz cunha representación do BNG, especialmente nun momento en que o debate sobre os dereitos das nacións que aínda facemos parte deste Estado vai estar moi presente. Se é verdade que o realmente esencial para nós é que consigamos levar as nosas razóns á sociedade galega e xuntar povo detrás da nosa causa, tamén o é que para o conseguir é fundamental poder utilizar todos os resortes políticos, organizativos, sociais e institucionais ao noso alcance.

Nese sentido, se algo ficou en evidencia no recente debate da moción de censura contra Raxoi foi a ausencia no Congreso dos Deputados dunha voz soberana da Galiza que defendese alí os nosos intereses como povo. Mais unha vez, ficou retratado o papel subordinado da representación galega das forzas políticas españolas, quer das tradicionais quer da chamada nova política. Aqueles que anunciaron que viñan para mudalo todo o único que mudaron foi a palabra dada na campaña electoral de defenderen a Galiza pola submisión ás directrices da dirección española e mesmo polo silencio servil frente ao humillante esquecemento da Galiza por parte do gran líder madrileño. Agora o povo galego xa sabe o que pode esperar de cada quen. Así pois, recuperar a representación nacionalista nas Cortes devén un obxectivo fundamental como medio de reforzar as dinámicas políticas propias, fortalecer a autoorganización do povo galego e dotar de máis impulso a loita pola soberanía.

Camaradas, amigas e amigos, como vedes son moitas e moi importantes as tarefas que fican por diante para os próximos tempos. Mais nós sempre asumimos que o que é necesario tamén debe ser posíbel, nós debemos facelo posíbel. Ese é o espírito militante que nos fixo chegar até aquí e que nos impele a continuar. E nada nos vai parar. Nas próximas semanas teremos de enfrontar os intentos de criminalizar a loita democrática pola memoria e contra a herdanza do franquismo cos procesos a unha trintena de militantes nacionalistas, aos 19 de Meirás e aos 9 da Casa de Cornide. Farémolo coa determinación con que este Partido e o nacionalismo sempre enfrentou a represión do Estado español e coa convicción de que temos o povo da nosa parte. E aínda, aproveitarémolos para dar un último e definitivo impulso á loita pola recuperación do patrimonio espoliado polo ditador Franco, que é tamén a loita pola recuperación da memoria e da dignidade colectiva das vítimas do franquismo entre as que se encontra o camarada Moncho, que hoxe homenaxeamos.

Quero, antes de finalizar, saudar afectuosamente os e as camaradas da Unión da Mocidade Galega que veñen de realizar o seu XVII Congreso de elixir o camarada Paulo Ríos como Secretario Xeral. Como dixen na clausura do Congreso, hoxe a UMG está conformada por mozos e mozas de firmes conviccións patrióticas e revolucionarias, con capacidade de iniciativa e cargados de entusiasmo. Non perdades nunca esas virtudes. E tende sempre como referencia no voso labor militante o exemplo daquel mozo ao que hoxe rendemos tributo. Traballade entre as masas xuvenís e estudantís, con iniciativas, asumindo riscos e sen medo ao fracaso. Mantede sempre afiada a capacidade de convicción e o espírito proselitista, pois o principal obxectivo debe ser mobilizar, concienciar, organizar. E, sobre todo, non esquezades, como non esquecemos nunca, que a mellor homenaxe que podemos tributar a Reboiras é a permanente lealdade á causa da independencia nacional e do socialismo que foi a razón da súa vida. O soño dunha Galiza libre polo que Reboiras foi asasinado sería logo recollido por millares de mans ao longo e largo do País, está máis vivo do que nunca e manterémolo en alto até o facer realidade. Ese é o grande fracaso dos que o mataron e ese será tamén o principio da nosa vitoria.