Discurso de encerramento do XVI Congreso da UPG

Moi boa tarde, camaradas, amigas e amigos.

Permitídeme que comece esta intervención por onde finalicei nesta mañá a de apertura deste Congreso. No próximo Día da Patria Galega faranse exactamente 60 anos da fundación da UPG. A aparición do noso Partido, en 1964, significou a recuperación do nacionalismo organizado con vontade de actuar politicamente e aliás, desde unha perspectiva popular e de esquerda, decididamente marxista e de orientación antiimperialista, profundando nunha liña que o propio Castelao tiña marcado con claridade no seu Sempre en Galiza.

Este, como todos os proxectos políticos serios, que xorden da necesidade do pobo, sempre foi un proxecto colectivo. Mais é evidente que seis décadas agranda esa dimensión colectiva. Estamos a falar de xeracións de militantes que contribuíron a este fermoso proxecto nun ou noutro momento, algúns a vida toda, moitos, moitas, destas están hoxe aquí e é de xustiza recoñecer décadas de entrega militante.

Lembramos tamén aos que non nos acompañan, aos que deron a vida pola causa, como Moncho Reboiras. Achamos e acharemos sempre en falta o noso Presidente Bautista Álvarez. Máis permitídeme que simbolice especialmente as persoas que xa non están, que nos deixaron desde o último Congreso, nunha militante exemplar, que sempre tiña a gala enfatizar que ela era unha muller do Partido: a nosa inesquecíbel camarada Saleta Goi.

Mais tamén quero dar a benvinda a toda esa nova militancia que se incorpora ao noso Partido, especialmente aos mozos e mozas que fan parte da Unión da Mocidade Galega, coa enerxía e entusiasmo que os caracteriza, que non só garanten continuidade para o noso Partido e para o nacionalismo, senón tamén un futuro brillante para a Galiza. Sede benvindos e benvindas.

Creo que xa ninguén discute que o nacionalismo de hoxe non sería posíbel sen a existencia da UPG, sen o esforzo por reorganizar a actividade política nacionalista en tempos difíciles, por lle dar introdución social e unha dimensión popular, por orientalo para posicións de esquerda e antiimperialistas. Mais tamén pola lucidez de fomentar a autoorganización popular en todos os ámbitos en que foi posíbel, en impulsar un sindicalismo nacionalista e de clase que hoxe recoñecemos con orgullo, co nome de Confederación Intersindical Galega, como a primeira forza sindical da Galiza e a máis grande organización do nacionalismo. Pola xenerosidade para impulsar, quer en 1975 a Asemblea Nacional-Popular Galega, quer en 1982, o Bloque Nacionalista Galego, frentes amplas que fosen capaces de agrupar sectores e posicións ideolóxicas diferentes que concordasen na defensa do dereito de autodeterminación e da soberanía da Galiza.

Ninguén nega a entrega, o traballo incansábel, xeneroso, tantas veces sacrificado, de xeracións de militantes que deron o mellor de si á causa dunha Galiza libre e socialista e que continúan a dalo. Si, até moitos dos nosos adversarios recoñecen os imprescindíbeis contributos da UPG ao nacionalismo e á Galiza contemporánea. E diso podemos e debemos sentirnos lexitimamente orgullosos, mais non nos pode levar a perdernos nunha autocomplacencia estéril.

Somos un Partido Comunista e Patriótico que leva seis décadas loitando pola independencia nacional da Galiza e polo socialismo no noso País; temos detrás unha historia referencial, mais do que se trata é de ollar para a frente e decidir o que debemos facer para chegarmos a ese obxectivo aínda non alcanzado. Porque nós, como Castelao, só deixaremos de loitar pola liberdade da Galiza cando a conquistarmos. Por tanto, a pesar de conmemorarmos hoxe este sesenta aniversario, este non é un Congreso autorreferencial, non. Se estamos aquí é para analizarmos co maior rigor posíbel a Galiza e o mundo en que nos toca vivir e actuar politicamente, pondo o máximo esforzo en acertar nas propostas e nas alternativas a desenvolver nos próximos anos.

Estamos aquí porque nun mundo cada vez máis desigual, deshumano e inxusto, na era do capitalismo depredador, é máis necesario do que nunca a existencia de forzas políticas que cuestionen o modo de produción capitalista e aposten decididamente por unha sociedade nova e diferente, a camiño do socialismo. E o que estrañamos é precisamente que neste mundo de voracidade capitalista, polo menos no contexto europeo -e non esquecemos que a pesar da propaganda persistente o mundo é moito máis grande e diverso-, asistamos a unha esquerda cada vez máis desarmada ideoloxicamente, que se contenta con xestionar reformas no capitalismo en vez de impugnalo decididamente, posibilitando que se abran paso modelos cada vez máis autoritarios e antipopulares.

Estamos aquí porque nun mundo marcado pola crecente agresividade do imperialismo en decadencia, que hostiliza povos soberanos e que patrocina unha escalada belicista que dificulta a vida dos traballadores e traballadoras e pon en risco a paz mundial, son máis precisas do que nunca forzas coherentemente antiimperialistas. E tamén aquí non deixa de asombrar que outras forzas, por caso a esquerda española, que hai apenas unhas décadas se opuñan á OTAN agora a bendigan ou a xustifiquen, mesmo coloquen como modelo progresista os EUA de Biden, precisamente nun momento en que de forma absolutamente irresponsábel están a xogar co futuro e coa vida dos povos e das clases populares para tentar salvar os seus ilexítimos intereses xeoestratéxicos.

E, sobre todo, estamos aquí porque nunha Galiza cada vez máis dependente e espoliada, empobrecida polas políticas que padece, vítima dun proceso programado de desnacionalización que afecta a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa propia existencia como povo, é absolutamente necesario un nacionalismo cada vez máis forte capaz de avanzar e de se situar en posición de disputar a hexemonía política ao españolismo como paso previo e imprescindíbel para verificar o obxectivo final da soberanía.

A ese proceso de consolidación, de reforzamento do nacionalismo, quere contribuír, como sempre fixemos, a UPG e a súa militancia, ombro con ombro con toda a militancia nacionalista. Queremos facelo coas nosas propostas e análises, desde a perspectiva de clase, sempre necesaria porque os traballadores e traballadoras, as clases populares somos a maioría social deste País, e coa firmeza política e ideolóxica sempre precisa tamén para manter o rumbo especialmente nos momentos máis complexos.
Con humildade, con cordialidade, mais tamén con absoluta honestidade, estamos dispostos e dispostas a dar os debates necesarios para acertarmos colectivamente coas liñas de acción máis adecuadas para que o nacionalismo continúe avanzando.

Lembraba na apertura do Congreso que o nacionalismo se acha nun bon momento, cun proceso de crecemento organizativo e de aumento do apoio electoral que o levou a grandes resultados en diferentes procesos e ao mellor resultado da súa historia nunha eleccións galegas. É o triunfo da constancia e da firmeza política e ideolóxica. E temos que sabelo e temos que dicilo así.

Porque houbo quen, en 2012, puxo en cuestión que o nacionalismo galego fose capaz de avanzar por si propio e optou por vías alleas que acabaron por se demostrar falladas a pesar de seren descaradamente engrosadas a base de marketing e publicidade sistémica. Nós confiamos sempre, sempre, no noso povo e nas propias forzas. Nós, a UPG que, como a inmensa maioría da militancia do BNG, reafirmamos o principio e a práctica da autoorganización e sempre tivemos claro que ese é o único camiño posíbel para alcanzarmos os nosos obxectivos.

Nós non só teorizamos sobre a necesidade imprescindíbel da autoorganización para avanzar para a independencia da nosa nación. Temos imnúmeras demostracións empíricas, na propia Galiza e mundo fóra ao longo da historia, sobre algo que o Celso Emilio nacionalista, sentenciou de maneira sinxela en bela expresión poética: “nunca virá de fóra remedio ou esperanza”. Sabémolo ben e non o esquecemos nin o esqueceremos nunca.

Non foi, é verdade, o primeiro poeta a afirmar a evidencia de que os galegos e galegas só podemos confiar en nós propios, en nós propias, para segurar o futuro nas nosas mans. Como nestes días tiven ocasión de reler textos do noso admirado Francisco Rodríguez sobre a non menos admirada poeta nacional, permitídeme recordar que hai xa máis de 160 anos, após negar con valente e insólita rotundidade naquela altura a españolidade da Galiza -lembrade “pobre Galiza, non debes chamarte nunca española”- Rosalía afirmou “Naide porque te levantes che alarga a man bondadosa”.

Alguén chegou a pensar realmente que a man bondadosa podía ser a dunha esquerda española que coa boca pequena defende o dereito de autodeterminación en canto traballa os 365 días do ano contra el reforzando o marco xurídico-político que oprime o noso pobo? Curiosamente, Rosalía xa intuía que non. “[Galiza] ti vives no mundo soa”. Só o pobo salva o pobo. Só os galegos e galegas podemos dar un futuro diferente ao noso País. Un futuro de dignidade, de benestar e de liberdade.

Escoitando isto, alguén pode pensar: xa non hai dúbidas, polo menos no campo do nacionalismo, por fortuna, sobre esta cuestión. Mais a verdade é que a nosa obriga é dirixírmonos non apenas aos e ás nacionalistas, senón ao conxunto do pobo galego, aos traballadores e traballadoras, para lles trasladar as análises que facemos da realidade do noso País e as saídas que se queremos que foren con xustiza social e liberdade nacional só poden vir da man do nacionalismo.

Que hoxe o movemento nacionalista se ache no seu mellor momento político, sindical e electoral, para alén da lóxica satisfacción, formúlanos novos desafíos e responsabilidades, especialmente, como actuar para consolidar o terreo gañado e, a partir de aí, producir novos avances. É fundamental acertar nisto. E sabemos que non hai fórmulas máximas, mais tamén estamos convencidas de que do debate e as decisións colectivas sairán as mellores propostas, e nós queremos contribuír para iso.

Temos escoitado que sen bons resultados electorais é difícil organizar máis xente no BNG. E é absolutamente certo. Mais enganarase quen fique só niso. Porque tamén é verdade, e con certeza totalmente relevante, que sen unha organización cada vez máis grande e sólida, implicada no traballo social e político ao longo e largo do país é imposíbel para unha organización como o BNG, que vai contracorrente, que non goza do beneplácito mediático conseguir bons resultados electorais e, sobre todo, sostelos no tempo, que é realmente unha das chaves do noso futuro.

Desde a nosa perspectiva, como sinalaba esta mañá na apertura do Congreso, o camiño é alargar a conciencia nacional mantendo con firmeza o discurso nacionalista que nos trouxo até aquí, aumentar a organización e a militancia politicamente activa, consolidar unha base municipal máis ampla e sólida, reforzar a autoorganización do pobo galego prestando especial atención a aqueles ámbitos en que estamos máis fracos, activando a mobilización popular e os conflitos que existen no noso País e perfeccionando as sinerxías do traballo social co traballo institucional.

Por iso eu quero facer un apelo a toda a militancia do noso Partido. Na nosa lingua, por fortuna, distinguimos entre os verbos ser e estar. É magnífico, claro -e ademais sabemos que nin sempre fácil- estar na Unión do Povo Galego. Mais o que realmente necesitamos é ser da UPG, quer dicir, sermos militantes activos e consecuentes alí onde a cada un, a cada unha de nós nos toque traballar.

Non entendades que con isto estou dicindo que quen leva toda unha vida de entrega e de sacrificada militancia -e aquí hai moitos e honrosos exemplos que nunca nos cansaremos de recoñecer- non teña dereito a un certo relaxamento e a un merecido descanso. Mais sempre hai cousas que se poden facer, e algunhas teñen a ver precisamente coa capacidade de convicción que dá a autoridade derivada dunha longa e entregada traxectoria militante.

Mais en todo o caso, estou pensando máis na militancia aínda nova -entre a que me inclúo, evidentemente!- que podemos e debemos facer máis e mellor. Estou pensando en toda esa xeración de mozos e mozas, novos e novas militantes que se incorporan á Unión da Mocidade Galega coa convicción de que nas súas mans está construír un País novo, unha República da Galiza libre e soberana.

E estou pensando tamén nas persoas que sen serdes aínda militantes hoxe estades aquí porque vos interesa coñecer as análises e as propostas do noso Partido e porque vedes con simpatía o noso traballo. A vós, quero pedirvos que deades o paso, porque esta é unha causa nobre e xusta en que todas as mans, todas as cabezas e todos os corazóns son absolutamente necesarios.

E como todos e todas nós somos militantes do BNG, podemos e debemos aplicar o mesmo criterio. Do que se trata é ser do BNG, é ser militante activo e permanente da causa da Galiza. Este País viviu numerosas situacións conflitivas en que sempre o nacionalismo estivo presente, activo, liderando e levando en moitos casos o noso povo á vitoria. Diso estamos orgullosos e orgullosas.

E hoxe a situación da Galiza non é menos conflitiva que no pasado, infelizmente, todo o contrario, vivimos autenticas ofensivas contra os intereses populares que, como sempre é preciso enfrentar con decisión. E aí esta e aí estará sempre o nacionalismo e aí está e aí estará sempre o noso Partido.

Sexa o espolio eólico na terra e no mar, sexa Altri, sexa ENCE, sexa a mina de Touro, sexa Alcoa, sexa Inditex, sexan as ambulancias en loita, sexa a pesca, sexa o sector agrogandeiro, sexa o feminismo, a loita contra a homofobia, a transfobia e pola igualdade real; sexa a defensa da lingua, de emprego para a nosa mocidade ou de salarios e pensións dignas… Podemos estar lexitimamente orgullosos e orgullosas da militancia da Unión do Povo Galego, do conxunto da militancia nacionalista, que está sempre presente nos conflitos, acompañando, organizando, liderando, dando alternativas e conseguindo dobregar o poder en non poucas ocasións.

E hai que sabelo e hai que lembralo, porque se o fixemos unha e outra vez tamén podemos facelo no futuro. Ollade, hoxe a grande aposta do poder contra os intereses populares é Altri, como nos anos 70 foi a central nuclear de Xove. Puro colonialismo. Dixemos NON XOVE NUCLEAR! e con mobilización, con loita, con determinación política impedimos a construción dunha nuclear no noso País. Dicimos ALTRI NON! e tende a certeza de que con mobilización, con loita, con determinación política tamén imos impedir a construción da macrocelulosa na Ulloa.

Co nacionalismo, o pobo galego ten a garantía de se defender e mesmo de triunfar para construír un país diferente. Mais tamén coa nosa posición firmemente antiimperialista, contribuímos para construír un mundo mellor, en paz, en liberdade e con respecto para a soberanía de todos os povos.

A nosa fraterna conciencia internacionalista sempre estivo e está cos povos que loitan pola súa liberdade, sempre estivo e está por exemplo, co povo do Sáhara occidental, de novo en guerra pola súa independencia. Mais hoxe o noso corazón está especialmente co povo palestino, diante do xenocidio, do masacre criminal que está a perpetrar o sionismo en Gaza, mais tamén na Cisxordania. Máis unha vez, reclamamos parar o masacre, condena aos criminosos e acabar dunha vez por todas co apartheid e a ocupación colonial da Palestina. Do río até o mar, Palestina vencerá!

Camaradas, amigas e amigos. Este Congreso foi só un alto no camiño para retomar forzas, para recoller ideas e propostas de futuro. Mañá estaremos de novo na rúa e na loita. E non descansaremos até facer realidade o obxectivo que nos trouxo até aquí: a independencia nacional da nosa patria e a construción do socialismo na Galiza.

Viva a Unión do Povo Galego!
Viva o Bloque Nacionalista Galego!
Viva Galiza Ceibe e Socialista!