Nunha recente comparecencia no Congreso, Pedro Sánchez, a respecto da miña intervención sobre as previsións orzamentarias de investimento na Galiza, afirmou: “A vostede todo lle parece pouco, se por vostede fose, todo o investimento iría para a Galiza”. Dicíao como unha crítica, claro, mais terémoslle que agradecer o recoñecemento implícito do papel do BNG en defensa dos intereses de Galiza, de todos os galegos e galegas. Un papel que pasa en ocasións, como acontece nos Orzamentos, por pór preto no branco as necesidades do noso País e mesmo a denuncia dun reiterado trato inxusto que ten a ver, sen dúbida, coa nosa condición de nación politicamente dependente. Porque a realidade é que o noso país vén sufrindo unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos tanto por parte de Gobernos do Partido Popular como do Partido Socialista.

E iso tradúcese nun déficit constatábel en infraestruturas, equipamentos e servizos, particularmente, no ámbito dos camiños de ferro: sen tren de proximidade (os servizos de ‘cercanías’ de Renfe) nas áreas urbanas, sen conexións entre cidades como Santiago e Lugo, con liñas anacrónicas como A Coruña-Lugo ou A Coruña-Ferrol, sen completar o  eixo atlántico, sen atender o progresivo deterioramento da liña de FEVE, etcétera. Gábase agora o Goberno español da chegada do AVE á Galiza mais, para alén dunha demora de case trinta anos sobre a primeira data anunciada polo naquel entón ministro de Transportes, Abel Caballero, ―1993― parece esquecer ou descoñecer que a principal preocupación da inmensa maioría de galegos e galegas non é chegar unha hora antes a Madrid, senón poder moverse todos os días nos seus desprazamentos habituais. E aí é onde máis claramente se evidencia o inxusto das políticas do Estado coa Galiza.

Por iso, a pesar do incremento que se produciu no investimento territorializado no noso País en relación co ano anterior, o BNG valorou os Orzamentos do Estado para 2022 como manifestamente mellorábeis e insuficientes, que non compensan ese déficit histórico. En realidade, non compensan sequera a baixada inxustificada que se produciu nas contas de 2021 nun contexto de crecemento do investimento en todas as comunidades autónomas, en todas menos na Galiza.

Mais tampouco serven os orzamentos de 2022 para atallar a grave crise industrial que padece o noso País nin, como mínimo, para asegurar a actividade económica existente e salvagardar o postos de traballo, non falemos xa de impulsar novas actividades e de creación de emprego. Por iso o BNG presentou numerosas propostas que visaban a reactivación industrial e económica frente ao esmorecemento do pouco tecido industrial que posuímos.

Os traballadores e traballadoras de Alcoa e a poboación da Mariña estaban á expectativa para comprobar se esta vez si, os partidos do Goberno ―PSOE e Podemos― demostraban de verdade querer resolver a situación a través da única solución posíbel, a intervención pública temporal da planta. Non foi así. Tampouco a mostrou vontade de facelo o Partido Popular que, a pesar de que hai apenas quince días Feixoo solicitou a Reyes Maroto a intervención pública, votou en contra da emenda do BNG, nun exercicio de hipocrisía e malabarismo político que comparten todas as forzas políticas estatais. Din unha cousa na Galiza, onde sería penalizado non apoiar causas sociais xustas, mais despois fan a contraria en Madrid. Por desgraza, un comportamento reiterado nas últimas décadas.

Infelizmente, tampouco PSOE e Podemos fixeron o esforzo de profundar en políticas sociais como subir as pensións mínimas -como propuña o BNG- ou en camiñar cara a políticas fiscais máis xustas e redistributivas, facendo que pague máis quen máis ten e se alixeire a carga fiscal ás clases populares. Aliás, mantiveron a negativa  a reparar inxustizas e agravios evidentes, como acontece co porto da Coruña.

O BNG presentou unha emenda para que o Goberno compensase con recursos públicos a débeda de 200 millóns de euros provocada polas obras do porto exterior, mais foi rexeitada por PSOE e Podemos. A pesar de que en anos anteriores condonaron os 400 millóns de euros da débeda do porto de Valencia, no caso da Coruña votaron en contra, de aí o agravio comparativo. O que se pedía eran partidas, mesmo nunha programación plurianual, que permitisen transformar os terreos do porto interior para dotar a cidade de novos espazos públicos, equipamentos e zonas verdes. É de sentido común, porque o que nunca vai aceptar o BNG é unha operación especulativa nos terreos do porto coruñés ou ter que pagar outra vez polo que xa é público.

Creo que na Coruña, PSOE e Podemos van ter que dar moitas explicacións. Como as terán que dar en Vigo, por se opor a un plan de reactivación económica e industrial ou á creación dun centro de reparacións no naval; en Ferrol por non apoiar a conversión de Navantia nun complexo industrial integral que posibilite crear emprego sobre a base de diversificar actividade e incorporar a construción naval civil; nas Pontes por rexeitar propostas de alternativas económicas para garantir unha transición xusta, ou en Lugo por refusar iniciativas para mellorar as conexións ferroviarias e tirar a cidade do seu illamento.

Ademais de ser a proposta inicial insuficiente, non houbo vontade por parte dos partidos do Goberno de incorporar partidas que a mellorasen, sen dúbida unha actitude decepcionante, non tanto para o BNG, senón especialmente para os seus propios votantes, que dificilmente entenderán a negativa para mudar o trato dado ao noso país nas contas do Estado. En todo caso, o BNG non vai recuar no empeño de conseguir máis recursos porque, á fin e ao cabo, un aumento en partidas e investimentos tradúcese en mellores servizos, máis emprego, maior benestar e tamén maiores garantías do exercicio efectivo de dereitos recoñecidos.

Vexamos senón. Por acaso, os Orzamentos do Estado foron votados a 25 de novembro. A loita contra a violencia machista é unha prioridade absoluta para o BNG, por iso incorporamos ao Acordo de Investidura a creación de tres novos xulgados de violencia de xénero en Santiago, Lugo e Ourense. Pretendemos facelo realidade nestes orzamentos, mais faltou vontade por parte do Goberno para dar ese paso. Curiosamente, no mesmo día foi asinado o ditame do Pacto contra a violencia de xénero, polo que non tivemos máis remedio que lembrar que na loita contra a violencia machista máis que as boas palabras e as declaracións, o realmente importante son os feitos.

Após as votacións, parece que a estratexia das forzas estatais é considerar o BNG como “irrelevante” porque non fixo parte da maioría que votou a favor das contas e “non conseguiu nada”. Á partida, non deixa de ser curioso que se traslade exclusivamente ao BNG -que ten 1 deputado de 23- a responsabilidade de conseguir cousas para a Galiza e esa mesma exixencia non se teña con quen ten 10 e ademais fai parte quer do Goberno galego quer do español. Será que teñen moi asumido que están alí tan só para votar o que lles mandan.

En todo o caso, é evidente que a posición de firmeza do nacionalismo no pasado ano, denunciando uns orzamentos que discriminaban a Galiza e votando en contra, obrigou o Goberno a rectificar e está, sen dúbida, detrás do incremento de 242 millóns de euros no investimento territorializado na Galiza. Mais mesmo se formos ás contas de 2022, hai cuestións que fican claras.

 

É verdade que só foi aprobada unha emenda do BNG -que xa presentáramos no pasado ano e que este asinamos con outras dúas forzas soberanistas (ERC e Bildu)- pola que se crea un fondo dotado con 10,5 millóns de euros para apoio á produción audiovisual en galego, eusquera e catalán. É unha cantidade modesta, porén moi importante porque se recupera unha liña de axudas fundamentais para apoiar o grandísimo talento que existe no noso audiovisual. Con todo, mesmo con ser pouco, é infinitamente máis do que conseguiron os 22 deputados e deputadas de PP, PSOE e Unidas Podemos, exactamente cero. A propósito, estas dúas últimas forzas nen sequera se molestaron en presentar emendas para mellorar o Orzamento, limitáronse a votar ao ditado das súas direccións en Madrid.

Para alén de que a utilidade do BNG en Madrid se mide fundamentalmente na coherencia e nun traballo permanente -ao longo de todo o ano- para trasladar os problemas da Galiza e as solucións que precisan, parece claro que se alguén ten de dar explicacións sobre o seu comportamento político na tramitación destes Orzamentos son as forzas estatais. PSOE e Podemos terán que explicar por que non quixeron acordar co BNG e incorporar propostas boas para a Galiza e útiles para mellorar a calidade de vida e benestar das galegas e galegos.

Se callar consideran que castigando a Galiza castigan ou debilitan o BNG, mais é evidente que niso se enganan totalmente. O único que debilitan é a súa propia credibilidade -e, por tanto, a súas expectativas políticas e electorais- diante dunha cidadanía decepcionada ao comprobar que ao que se dedican os deputados e deputadas de PSOE e UP é a tentar xustificar o maltrato á Galicia por parte do seu Goberno no canto de defenderen os intereses dos galegos e as galegas.

Por iso, no debate dos Orzamentos no Congreso lancei unha pregunta directa: que ten que acontecer para que o Goberno español, que se di progresista, comece a tratar a Galiza cun mínimo de xustiza? Acho que podemos concordar en non é posíbel un verdadeiro trato xusto en canto existir unha relación de dependencia política e, por tanto, o escenario ideal é exercer a soberanía para colocar todos os recursos do noso País ao servizo do seu desenvolvemento e do benestar da nosa xente.

No entanto, tamén concordaremos en que se poden mudar as cousas e avanzar na medida en que a Galiza se faga valer como nación, que o BNG se fortaleza cada vez máis e que pase a ter tres, catro, cinco… deputados e deputadas; que haxa un Grupo  Galego que condicione cos seus votos de forma permanente as decisións do Goberno. E temos a certeza de que acontecerá. É só cuestión de tempo -eleccións por medio-, porque cada vez son máis os galegos e as galegas convictos de que só o BNG garante unha defensa coherente dos intereses da Galiza. Cada vez son máis os galegos e as galegas que saben que a Galiza só está se está o BNG.

O orixinal atópase en Nós Diario.