Artigo de Néstor Rego, Secretario Xeral da UPG
A mobilización masiva neste Día da Patria Galega ten que servir para que o nacionalismo saia fortalecido e sexa capaz de dar máis un paso decisivo para gañar a maioría social para a causa da soberanía da Galiza. O momento político non é fácil, mais tamén se abren vías polas que podemos camiñar.
Con efecto, hoxe o debate político no Estado español xira arredor da cuestión nacional e iso, a pesar da notoria ausencia da Galiza como nación -especialmente após perder a voz soberana no Congreso-, pode ser unha oportunidade se a soubermos aproveitar. É claro que o proceso de independencia de Cataluña é agora mesmo o principal factor de cuestionamento do sistema político español, monárquico e centralista, e o único que neste momento o coloca en risco real de ruptura.
Infelizmente tamén é evidente que na Galiza de hoxe o debate sobre a soberanía non fai parte aínda da preocupación cotiá do conxunto dunha sociedade galega aínda non consciente da relación dos problemas sociais, das dificultades materiais de existencia, coa situación de dependencia do noso País. Mais nós temos que introducilo se quixermos avanzar nese camiño, pois non serve de moito se fica reducido aos sectores máis concienciados e que xa apoian o nacionalismo. E temos que facelo con decisión e sen complexos mais tamén con argumentos e con capacidade de convicción.
Non podemos limitarnos a confiar en que o desenvolvemento do proceso de independencia de Cataluña e a crecente confrontación co Estado actúe automaticamente a favor da causa da soberanía da Galiza. Xa temos analizado que á par de moitos elementos positivos, nun contexto como o noso en que o poder de influencia dos medios do sistema é practicamente total, o anticatalanismo que destilan a diario acaba por callar na sociedade galega e por actuar como un elemento máis de españolización.
Tamén non adiantaría o mimetismo formal co que alí acontece, obviando que as situacións sociais e políticas son moi diferentes en ambos os países. Por tanto, a nosa actuación non se pode limitar a explicitar a nosa aspiración á soberanía ou á independencia nacional, nin -con ser necesaria- a expresar a nosa solidariedade con Cataluña e co lexítimo exercicio do dereito de autodeterminación que está a realizar.
Galiza ten de percorrer o seu propio camiño e o nacionalismo, neste momento complexo, ten de marcalo con claridade. E iso pasa necesariamente por que o debate -tamén en relación coa soberanía- xire arredor do noso País, da súa situación e das súas necesidades. É preciso chegar á maioría social coa evidencia do espolio dos nosos recursos, dos nosos impostos e dos nosos aforros; coas consecuencias prácticas nas nosas vidas da dependencia; coa constatación de que o sistema autonómico -para alén de padecermos un goberno submiso aos ditados de Madrid- é absolutamente inadecuado para resolver os nosos problemas. E por tanto, tamén coa consciencia da necesidade de mudarmos o marco político se quixermos mudar o presente que vivimos.
O desafío está en que o nacionalismo sexa capaz de estabelecer, de forma clara e asumíbel por sectores crecentes da sociedade galega, as bases políticas para deixar definitivamente atrás o actual marco constitucional e autonómico que perpetua a nosa situación de dependencia. Unhas bases que, apoiándose no principio recoñecido internacionalmente do dereito de autodeterminación, parta da premisa de que para mudarmos as cousas a Galiza debe ter capacidade de decidir de maneira soberana sobre os seus asuntos.
E é preciso facelo baixando ao terreo da concreción, buscando a ligazón coas posibilidades reais de mellorar as condicións materiais de vida e de desenvolver as potencialidades do País en todos os ámbitos: financiamento, recadación de impostos, control público sobre os sectores estratéxicos da economía, relacións laborais, salarios, seguranza social e pensións, infraestruturas de transporte, seguranza pública e viaria, lingua, cultura, xustiza, servizos públicos, relacións internacionais…
Nesa liña está xa traballar o BNG, a partir dos puntos presentados no pasado 28 de xuño e que, convenientemente desenvolvidos, terán de constituír unas auténticas Bases políticas para unha nova Galiza con capacidade de decidir. En todo o caso, convén non perder a perspectiva de que o obxectivo é fomentar un debate que evidencie as posicións de cada forza política, facendo aflorar as contradicións; que permita alargar a base social do nacionalismo, aumentar a conciencia nacional, ampliar a organización, reforzar a autoorganización do povo galego e gañar apoio político e social. Estas son sempre as máis sólidas bases, a mellor garantía de poder avanzar no camiño da soberanía.
Con todo, como diciamos, o debate aberto no Estado a propósito de Cataluña incorpora elementos positivos que convén saber aproveitar. Para comezar, evidencia a absoluta incapacidade do rexime político español para asumir a existencia de nacións diferentes da española e menos aínda a posibilidade de que democraticamente exerzan os seus dereitos nacionais. Mesmo, co seu comportamento autoritario, saca á luz para amplos sectores sociais a faceta máis antidemocrática dun Estado que nega e persegue o exercicio do dereito democrático do voto.
Alén diso, desmascara o comportamento hipócrita dunha esquerda española autoproclamada ‘rupturista’ que na hora da verdade se posiciona claramente contra a realización do referendo de autodeterminación programado polo Goberno catalán para o día 1 de outubro. Na teoría asume o dereito a decidir das nacións. Na práctica alíñase co tradicional bipartidismo do sistema PP-PSOE para se opor a el, nunha actitude que non ten escrúpulos en pasar por alto o respecto aos máis elementais principios democráticos e que contribúe eficazmente para reforzar o rexime político español.
O feito de que as catro principais forzas do escenario político español coincidan na necesidade de manter no esencial a estrutura unitaria do Estado e mesmo a Constitución -iso si, coa posibilidade de reformala “para mellorala”- pode resultar esclarecedor para algúns sectores proclives ao nacionalismo. Como analizabamos no XIV Congreso da UPG, “as perspectivas de mudanzas positivas para os intereses nacionais da Galiza desde as dinámicas políticas españolas son absolutamente inexistentes e nin sequera se albisca unha posibilidade certa de democratización real do Estado”.
Nese sentido, fica máis claro que a única vía para mudar a situación actual é a ruptura democrática co réxime español e a asunción da soberanía por medio dun proceso constituínte propio. Como Partido asumimos que o noso obxectivo estratéxico é a independencia nacional da Galiza. Como militantes nacionalistas sabemos que o noso traballo diario consiste en chegar coas nosas razóns á maioría social, ás clases populares; en evidenciar as contradicións e aproveitalas para crear conciencia; en mobilizar e organizar o povo; en definitiva, en sentar as bases para que, máis cedo do que tarde, poidamos ver cumprido o obxectivo da soberanía.