Intervención de Néstor Rego no acto de conmemoración do 60 aniversario da UPG

“Galiza só deixará de loitar pola súa liberdade cando a conquiste”. Esta idea-forza que tan ben expresou Castelao é chave para entender a creación, a existencia e mesmo a persistencia da Unión do Povo Galego. A nosa razón primixenia de ser é a loita por una Patria libre e soberana en que o pobo asuma o poder para colocar os recursos da nación ao servizo do desenvolvemento social e económico do País e do progreso e benestar da maioría social de galegos e galegas.

Os 10 puntos que serviron de declaración programática inicial do noso Partido continúan sendo esclarecedores sesenta anos despois da vontade explícita de construír unha patria soberana e unha sociedade radicalmente nova, igualitaria e xusta. “Galiza é unha nación e como tal ten dereito á súa autodeterminación”; “Os medios de produción pertencen ao povo”; “a empresa capitalista será socializada de inmediato”, “O idioma oficial da Galiza será o galego”.

Ningunha dúbida sobre a vontade revolucionaria que informa o nacemento da UPG, a decidida convicción de que era preciso transformar radicalmente a Galiza oprimida e dependente, que padecía ademais a brutal ditadura franquista,nunha nación libre en mans do povo traballador galego.

No entanto, cando se trata de falar sobre a UPG, creo que convén sinalar algo que debería ser obvio, mais, mediatizados como estamos polo presente, talvez non o sexa para todo o mundo. Vivimos nun momento en que partidos e forzas políticas poden chegar a ser até produtos de deseño e laboratorio, regados xenerosamente con diñeiro e apoios mediáticos en función do que interesar en cada caso ao sistema; poden chegar a ser até xigantes, mais con pés de barro e mesmo con obsolescencia programada, pois os mesmos intereses que os uparon poden facelos baixar ou desaparecer cando consideraren conveniente.

Pola contra, a aparición da UPG responde a unha necesidade intrínseca do povo galego de se dotar de ferramentas políticas de autodefensa e de loita por un futuro diferente, de dignidade e de liberdade. Somos, por tanto, o resultado dunha necesidade sociopolítica que persiste, porque por moito que as circunstancias mudasen nestes 60 anos, non mudou o que é estrutural: a situación de dependencia colonial do noso País.

A UPG nace porque era preciso recuperar o nacionalismo político organizado e con vontade de actuar socialmente para mudar aquel presente gris por un futuro luminoso para a nosa nación. E esa vontade traduciuse inmediatamente na decisión de actuar politicamente no seo do povo, de se implicar directamente nos conflitos sociais.

Reparemos que un dos primeiros conflitos importantes en que participa a UPG é a loita contra o encoro de Castrelo do Miño e lembrade que hai apenas 6 días estábamos nunha mobilización histórica contra a marco-celulosa de Altri en Palas de Rei. Hai un fío negro que une ambos os proxectos, o do espolio colonial do noso País; mais tamén é ben visíbel un fío vermello, azul e branco que une ambas as loitas, a firmeza e a determinación dun povo digno que non está disposto a se deixar asoballar.

Entre un e outro decorren 60 anos de loita, de coherente defensa do noso povo e de crecente capacidade de intervención e influencia social. Nestes anos non houbo conflito no noso País, grande ou pequeno, en que non estivese a militancia da UPG participando activamente, liderando en moitas ocasións, fornecendo alternativas e conducindo a vitorias populares.

Decorreu tamén un intenso traballo político e social de concienciación e de organización do noso povo, que se traduciu especialmente no esforzo consciente por levantar estruturas de autoorganización do povo galego en todos os ámbitos, con especial énfase no mundo labrego, operario, estudantil ou cultural, estruturas que non só se manteñen senón que son unha realidade brillante e esperanzadora, como acontece co sindicalismo nacionalista, maioritario no noso País.

Esforzo consciente tamén por erguer unha frente patriótica plural capaz de agrupar todos os sectores dispostos a colocar en primeiro lugar -como nós sempre fixemos- a loita pola soberanía da Galiza e, en consecuencia, décadas tamén de traballo político, social e institucional,  en que a nosa militancia contribuíu de forma extraordinaria a que hoxe o nacionalismo estea nunha moi boa posición para seguir dando pasos decisivos no camiño da liberdade.

Esta é a realidade empírica, contrastábel, e hoxe ninguén nega o inmenso contributo da UPG ao nacionalismo contemporáneo e mesmo a que a Galiza actual sexa, do punto de vista político, un pouquiño mellor e máis forte do que outros quixesen. Pola contra, o que si pretenden, a nós e ao conxunto do nacionalismo, é negarnos o futuro. Mais eu dígovos que, mal que lles pese, o futuro é noso!

Os propagandistas da ‘España una’, da Constitución e da ‘democracia plena que nos hemos dado’ empéñanse en predicar a inutilidade do nacionalismo galego, porque “a Galiza xa é libre, xa vota e elixe”, e en afirmar que carece de sentido “nun mundo cada vez máis unido”, como se nós quixésemos desunir o mundo… E non é, infelizmente, unha premisa exclusiva da dereita, mais tamén partillada pola esquerda española, mesmo por aquela que se alcuma de máis radical. En fin, o problema é que o seu mundo mental está limitado polas fronteiras do Reino de España en canto o noso é inmenso porque está concibido a partir do verdadeiro internacionalismo.

Mais a realidade é que a Constitución nega a Galiza como nación e os dereitos que como tal lle corresponden, como o dereito de autodeterminación; consagra unha institución profundamente antidemocrática, anacrónica e corrupta, como a monarquía; limita a capacidade real de autogoberno, e estabelece un escenario político en que mesmo dereitos básicos e liberdades públicas son permanentemente cuestionados polo réxime, por caso, por un poder xudicial herdeiro en boa medida -grazas á chamada transición- da ditadura e situado en parámetros políticos e ideolóxicos profundamente reaccionarios.

A realidade é que a inserción dependente da Galiza no Estado español serve a este para manter a explotación colonial do noso País, para succionar os seus recursos, para o espolio enerxético, para o roubo dos nosos impostos, para a drenaxe de millares de millóns cada ano do noso aforro, o que provoca que un País rico continúe á cola do Estado e de Europa en indicadores socioeconómicos, co desmantelamento de sectores básicos como os primarios, cunha crise industrial cronificada e cun fluxo migratorio que continúa, coa mocidade que non acha oportunidades no País como vítima principal e causa básica dunha crise demográfica extrema.

A realidade é que a falta de soberanía impide o noso País desenvolver plenamente a súas inmensas potencialidades, non apenas no ámbito económico, tamén no social e cultural e está a provocar un proceso extremo de substitución lingüística que nos debe levar a reaccionar para revertelo, sen perder a perspectiva de que a nosa lingua precisa de estruturas de Estado propio para poder estar plenamente normalizada.

A realidade é que a dependencia colonial é letal para o noso País, para calquera País. Hoxe mesmo puidemos ver como o presidente francés, Emmanuel Macron, frente ás protestas dos habitantes de Mayotte que veñen de sufrir un furacán que deixou destrución total e ducias de mortos e se senten abandonados polas autoridades francesas, lles espetou con arrogancia: “Deberíades estar contentos de estar en Francia, porque senón estaríades 10 000 veces máis na merda”. O colonialismo sempre é brutal, mais aquí vémolo expresado en toda a súa crueza.

A cuestión é que nos lembra moito a aquilo que temos escoitado tantas veces por parte do españolismo centralista de “que fariades sen nós!”, mesmo cando este povo foi absolutamente abandonado diante de situacións catastróficas como a xerada polo Prestige. Ou a aquilo, máis directo de “Galiza non sobreviviría sen a solidariedade de España”, cando a realidade é que España nos rouba cada ano por volta de 5000 millóns de euros en impostos que non devolve.

Como non vai ser necesario un movemento nacionalista que defenda os intereses dos galegos e galegas frente ao abandono, discriminación e marxinación por parte do Estado? Que coloque no centro o dereito do noso País a producir e a se desenvolver sobre a base dos seus recursos e potencialidades; que pretenda pór punto final á subtracción dos nosos recursos para que revertan no benestar da nosa xente; que queira normalizar a nosa lingua e impulsar a nosa cultura como un factor de enriquecemento mais tamén de desenvolvemento; que estea empeñado en reter o talento da nosa mocidade, especialmente en ámbitos como a creación ou a investigación, para o colocar ao servizo do País. Un movemento nacionalista que confíe no noso povo e que sabe que unha Galiza soberana é precisa para todo iso, mais tamén que ten a certeza de que pode e debe facer un contributo esencial para un mundo máis xusto.

Eu dígovos que o nacionalismo galego é máis necesario do que nunca. E por fortuna, desmentindo os propagandistas do non, non o dicimos só nós, dío o povo galego que apoia cada vez con maior contundencia, con maior firmeza e con maior forza o Bloque Nacionalista Galego.

En paralelo, os propagandistas do capitalismo -da chamada nova esquerda e a socialdemocracia á dereita e ultradereita- aplícanse a nos convencer de que vivimos no mellor dos mundos posíbeis, de que xa non existen clases nin explotación, de que a democracia burguesa -que chaman liberal- é o paradigma da organización social e de que, por tanto, a existencia dun partido comunista nesta altura non fai ningún sentido. Lembraredes que non hai tanto lemos case a diario na imprensa galega reiteradas diatribas deste teor en relación co noso Partido.

Mais a realidade é moi outra da que nos presenta a propaganda do sistema. Non só persisten as clases senón que a desigualdades sociais se agrandan; non só se manteñen a explotación e a plusvalía, senón que as rendas do capital -especialmente en momentos de crise como os que vivimos- comen literalmente as do traballo, pois en canto aquelas se incrementan, estas sofren; non só permanece unha división internacional do traballo inxusta, senón que para soster a voracidade do capitalismo occidental e os niveis de consumo se acentúa o espolio dos recursos do terceiro mundo e a violación dos dereitos humanos que arrastra consigo, estendendo a miseria e provocando masivas migracións forzadas; non só continúan as políticas de rapina e as prácticas extractivistas, senón que a dinámica capitalista de crecemento permanente e de incremento dos lucros é hoxe por hoxe a maior ameaza para o planeta; non só se manteñen políticas inxerencistas e imperialistas, que vulneran a soberanía dos povos, senón que o imperialismo norteamericano, vendo cuestionada a súa hexemonía mundial, se comporta con maior agresividade seguido submisamente por unha Unión Europea cada vez máis servil e dependente; non só se mantén unha estrutura militar agresiva como a OTAN senón que se reactiva á par dunha escalada belicista que arrisca deflagrar un conflito militar a grande escala…

Como non van ser necesarias forzas, como o noso Partido, que confronten a crueldade deshumana do capitalismo, que loiten por dereitos e vida digna para os traballadores e traballadoras, que alcen a bandeira do anti-imperialismo e defendan a soberanía dos povos, que aposten na cooperación internacional para o desenvolvemento mutuo e no combate ás mudanzas climáticas con xustiza social e nacional; que abandeiren políticas de paz e de resolución dialogada e pacífica dos conflitos internacionais… Que aposten, en definitiva por un outro mundo e por sociedades igualitarias, xustas, democráticas e libres.

Eu dígovos que somos máis necesarios do que nunca, que ese outro mundo non só é posíbel senón tamén necesario e que contribuiremos a construílo. Desde aquí, desde a Galiza. Porque unha Galiza soberana será vangarda para levantar relacións internacionais e sociedades diferentes ás que nos queren impor os propagandistas do “mellor dos mundos posíbeis”.

As razóns témolas claras e os obxectivos estratéxicos ben definidos: a conquista da soberanía da Galiza, da independencia nacional e a construción do socialismo no noso País. Mais xa sabemos que non son obxectivos que podan ser alcanzados apenas con slogans; é preciso desenvolver un intenso traballo social e institucional, fornecer alternativas, impulsar os conflitos sociais, crear conciencia, reforzar a organización e mesmo definir alternativas tácticas que entronquen directamente co debate sobre a capacidade que debe ter a Galiza para decidir por si propia.

Por iso hoxe propostas como un novo modelo de financiamento que poña fin ao espolio fiscal ou un novo cadro xurídico-político que nos recoñeza como nación e blinde as competencias galegas teñen unha relevancia excepcional. Como o ten a defensa permanente da lingua e o seu uso vehicular xeral no ensino e en calquera ámbito público. Como o ten fortalecer a presenza pola base do nacionalismo alargando a representación e os gobernos locais nacionalistas nas próximas eleccións municipais. Ou como o ten que neste proceso de crecemento sostido de apoios sexamos capaces de situar o nacionalismo á frente do Goberno Galego, non como un fin en si mesmo, senón como a mellor maneira de comezar a mudar o país e de situar o movemento nacionalista en mellores condicións de continuar a dar pasos no camiño da soberanía.

Mais tamén o é, non o esquecemos nunca, o traballo social e a participación directa na intensa conflitividade que existe no País e o impulso á mobilización popular. A UPG forxou o seu carácter durante a ditadura nas loitas populares, nas labregas, nas folgas obreiras. Xa dixemos que a partir de aí foron décadas de traballo continuado e vigoroso. Non só debe continuar a ser unha prioridade, debemos aspirar a intensificalo na certeza de que é a mellor maneira de crear conciencia e organización.

Organización, si. Somos nisto un Partido que segue a estela leninista de dar importancia maior á organización. Non só á nosa, que debemos reforzar, senón á do conxunto do movemento nacionalista. Un BNG con máis militancia organizada será sempre un BNG máis forte e con máis capacidade de actuar e avanzar.

Así pois, mobilizar, concienciar, organizar, eis a principal tarefa revolucionaria. Mais unha vez apelamos á lucidez de Castelao: “Bater na alma do povo até conseguir un estado de opinión revolucionario.

Camaradas, amigas e amigos:

Este é un acto de conmemoración dos sesenta anos de existencia de traballo e de loita da UPG. Por tanto, é de xustiza, e así o quero facer en nome do Comité Central e do Secretariado Político do noso Partido, recoñecer e agradecer o compromiso militante de todas as persoas, sen excepción,  que, quer nunha etapa determinada quer de maneira continuada, contribuíron para o avance do noso Partido e do nacionalismo.

Quero, especialmente, recoñecer o papel excepcional de quen, en momentos difíciles, o entregou todo, incluída a propia vida, como o noso camarada Moncho Reboiras; de quen dedicou toda a súa vida á causa, como o noso inesquecíbel Presidente, Bautista Álvarez, ou como moitos e moitas que estades hoxe aquí, que mantedes unha militancia e un compromiso activo co noso Partido, co nacionalismo e co País e que gustaría simbolizar en dúas persoas excepcionais, a compañeira Marisa Vázquez,cuntraballo ininterrompido desde a clandestinidade, pasando pola prisión e até hoxe militante activa coma o primeiro día, eo compañeiro Francisco Rodríguez que, para alén da súa inmensa achega intelectual ao nacionalismo e á Galiza, foi durante anos Secretario Xeral do UPG e dirixente destacado do BNG.

Mais quero tamén agradecer o compromiso da nova militancia e da militancia máis nova, de toda esa mocidade que se incorpora á UMG, que logo fará 50 anos de existencia, e que se implica activamente no traballo político no estudantado,na mocidade e no nacionalismo. E que, para alén do máis, o fai con toda a enerxía e entusiasmo de que é capaz a xuventude, na certeza de que están facendo un contributo impagábel á causa da Galiza.

Frente á verborrea radical que reaparece periodicamente entre nós para enmascarar o españolismo anti-nacionalista, e como ben dixo o Secretario Xeral da UMG, Iago Suárez, non hai hoxe nada máis radical na Galiza que ser nacionalista, nada máis revolucionario que loitar pola independencia e o socialismo.

Moitas veces dise que a mocidade é o futuro, para nós xa é presente e un presente vizoso e será tamén garantía de que o proxecto político que representamos continuará e conquistará os seus obxectivos.

Porque este acto é de conmemoración, si, mais non unha celebración nostálxica do pasado senón unha expresión de futuro, de reafirmación do noso compromiso inequívoco de continuar a loita até que a Galiza sexa libre,  dona do seu destino e guiada polo povo traballador galego.