É claro que o rexime político español non goza da boa saúde de décadas atrás, mais conviría recoñecer, para non errar no diagnóstico, que mantén unha grande fortaleza, especialmente despois de superar, en certa medida, a crise de lexitimidade que acompañou a crise social e económica desde 2008.

A isto non é alleo a falta de cuestionamento real por parte da esquerda española, nun comportamento que confirma, máis unha vez, que só os movementos soberanistas das nacións representan unha impugnación efectiva do rexime de 78. De facto, o momento de maior crise que coñeceu nos últimos tempos foi o proceso en prol da autodeterminación e a construción dunha República catalá soberana.

Con efecto, coa perspectiva que dá o tempo, hoxe é máis fácil constatar -como o nacionalismo galego analizou xa naquela altura- como a esquerda española, envolta na retórica da ‘nova política’, absorbeu o descontento e a indignación popular e conduciuno ao terreo electoral e institucional onde sería conveniente neutralizado e desposuído da súa potencial carga revolucionaria.

De “abrir o cadeado do 78” a apoiar o reforzamento do carácter corrupto e reaccionario do Tribunal Constitucional, un dos principais resortes políticos do rexime, vai un traxecto político relativamente curto no tempo. O mesmo que media entre “asaltar os ceos” e saltar ás cadeiras ministeriais. Neste último aniversario da Constitución española as forzas soberanistas asinamos un comunicado conxunto cuestionándoa e reclamando dereitos democráticos -incluído, claro, o dereito de autodeterminación-, en canto a esquerda española gobernante se dedicou a enxalzala (PSOE) ou se limitou a reclamar “actualizala” (UP).

Nada novo. É a mesma tensión que se mantivo nos estertores da ditadura franquista entre ruptura e pacto, de forma singular nas nacións do Estado. No caso da Galiza, convén lembrar -ou explicar, porque probabelmente este é un feito pouco coñecido en Cataluña(*)– que o nacionalismo galego, desde posicións soberanistas e de esquerda, sostivo unha firme estratexia de ruptura democrática. En canto a esquerda española pactaba cos últimos xestores do franquismo a mal chamada transición e a Constitución -monarquía incluída-, o Bloque Nacional-Popular Galego (AN-PG / UPG) lanzou unha proposta articulada para a creación dun Goberno Provisorio Galego, as denominadas Bases Constitucionais da Nación Galega.

Con esa alternativa, que recollía as bases xurídicas e políticas para a constitución dun Estado Galego soberano, o BN-PG desenvolveu unha intensa e continuada campaña pola soberanía, primeiro polo non no referendo constitucional (“Contra a Constitución española e colonial, un NON galego e popular”) e despois frente a un Estatuto de autonomía (“Estatuto nunca máis, Bases Constitucionais!”) que implantaba un modelo autonómico insuficiente e inadecuado para as necesidades e as aspiracións do pobo traballador galego.

En todo o caso, o triunfo do pactismo frente ás forzas que propugnábamos a ruptura democrática, deu lugar a unha ‘transición’ que asentou un marco político de baixísima calidade democrática e que posibilitou a continuidade de moitas estruturas herdadas da ditadura en ámbitos como o político (do Xefe de Estado para abaixo), o económico, o mediático, o militar/policial ou o xudicial.

Foi un triunfo da oligarquía española, que conseguiu impor un modelo que sob a aparencia da descentralización e do ‘Estado social e de dereito’ garantía a unidade de mercado e a estabilidade política necesarias para manter os seus privilexios e intereses de clase.

No ámbito político só unha das dúas patas daquela esquerda que viña da República e da oposición ao franquismo -agora xa definitivamente situada en parámetros de socialdemocracia moderada- se beneficiou do pacto constitucional e se tornou nunha das patas imprescindíbeis do turnismo bipartidista que asegurou un funcionamento estábel do rexime durante tres décadas.

No momento en que o descontento provocado pola crise social e económica desatada en 2008 puido representar unha ameazou para esa estabilidade, o propio rexime reaxiu provocando mudanzas no sistema de partidos de ámbito estatal que alargasen as opcións de encadramento político frente ao vello bipartidismo, co obxectivo de asegurar a súa continuidade. Infelizmente, no caso da ampla corrente de indignación con un rexime político caduco o que aconteceu foi que, como digo, foi rapidamente conducida a un plano institucional máis facilmente controlábel, nun proceso de que só escapou -non sen afectacións momentáneas, como resultou evidente na Galiza- a esquerda soberanista das nacións sen estado.

A consecuencia máis visíbel dese proceso é a incorporación de Unidas Podemos ao Goberno de coalición xunto ao PSOE. Mais, cal pode ser o balance destes dous anos de ‘Goberno progresista’? Mesmo partindo das limitacións que ten gobernar no marco do rexime, acho que o resultado ten de ser en moitos aspectos decepcionante para todas as persoas que creron na posibilidade de mudanzas importantes. E iso, a pesar de lles recoñecer grande habilidade para a propaganda e de que o feito da polarización política coa ultradereita e a dereita cada vez máis ultra pode facer pasar por moi positivas medidas que na realidade non son tal.

Un bon exemplo disto é a LOMLOE. Non cabe dúbida de que corrixiu aspectos moi negativos da ‘Lei Wert’, mais ficou lonxe de ser unha lei de educación realmente progresista, transformadora e respectuosa cos marcos competenciais en materia educativa. No entanto, a desaforada campaña en contra da dereita e do ultraespañolismo con falacias como que eliminaba o español como lingua vehicular, prohibía a relixión e acababa coa concertada, fíxoa pasar por unha boa lei. A realidade é que nada diso era verdade: na Galiza o español continúa sendo maioritario e abafante no sistema educativo, a relixión permanece nas aulas e mantense o negocio dos centros privados -moitos deles de confesións relixiosas- á conta dos recursos públicos.

En todo o caso, mesmo no contexto complexo xerado pola emerxencia sanitaria, non ten xustificación posíbel o incumprimento de compromisos electorais e programáticos e a aplicación de políticas socialmente regresivas. Entre as primeiras, a permanencia aínda da ‘Lei Mordaza’ ou a non derrogación das reformas laborais. Entre as últimas, a aprobación dunha nova Lei de pensións que consolida os aspectos máis lesivos da reforma de 2011 (xubilación aos 67 anos, aumento do período de cálculo de 15 para 25 anos) penaliza as xubilacións anticipadas e incentiva as ‘demoradas’ e avanza novos recortes como un novo aumento do período de cálculo até os 35 anos, o que suporía unha caída das contías de entre 6 e 10%. A pesar diso, e de que incumpre o compromiso de subir as pensións mínimas até igualalas co Salario Mínimo Interprofesional, foi defendida con entusiasmo por Unidas Podemos no Congreso.

A realidade é que os mínimos avances que se producen ou se puideren producir en materia de xustiza social, respecto ás linguas e culturas nacionais ou avances democráticos, é e será consecuencia da presión das forzas nacionalistas, soberanistas e independentistas. A proposta conxunta de PSOE e Podemos para modificar a ‘Lei Mordaza -até onde a coñecemos- é decepcionante, porque non corrixe en moitos casos a vulneración de dereitos democráticos: Como o é a proposta de emenda á Lei de memoria democrática, que non acaba coa impunidade do franquismo. Terán que mudar de posición se o Goberno quixer contar cos votos soberanistas para aprobalas.

Somos as forzas soberanistas as que, frente a un republicanismo de boca para fóra condicionado pola prioridade á permanencia no Goberno, cuestionamos a monarquía, defendemos repúblicas democráticas e impulsamos numerosas iniciativas para investigar a corrupción dos Borbóns, que topan sempre coa entente de PSOE, PP e Vox para amparar as tropelías de Juan Carlos e familia. Fomos as forzas soberanistas as que denunciamos o pacto de PP, PSOE e Podemos que permitiu colocar xuíces corruptos e reaccionarios no Tribunal Constitucional e reforzar o papel político, antisocial e ultra dese órgano.

Somos, en definitiva, as forzas nacionalistas, soberanistas e independentistas as que, frente á renuncia da esquerda española, mantemos en alto proxectos de emancipación nacional e social que son tamén a única hipótese dunha verdadeira ruptura democrática co rexime de 78 e de abrir a porta a sociedades novas, máis xustas, igualitarias e libres.

(*) O artigo foi publicado orixinalmente no La realitat, órgano de Comunistes de Catalunya, a 20 de decembro de 2021.