Nos últimos tempos, estamos a vivir unha situación política única, na cal a non posíbel democratización do Estado español é totalmente palpábel. Nun momento de ataque brutal cara aos dereitos, como son os recortes no ensino, en materia laboral e, como observamos na reacción do goberno español no referente ao proceso de independencia catalá, tamén nos dereitos de expresión e de autodeterminación. A mocidade independentista galega, así como o conxunto do nacionalismo galego, non só non pode quedar á marxe e poñerse de perfil sobre estas cuestións, senón que é o momento no que a acción diaria en cada centro de ensino, de traballo ou lugar de reunión é mais importante.

Máis ca nunca debemos ter claro que as forzas españolas, tanto políticas como económicas, xogan en contra dos intereses dos povos oprimidos e espoliados polo capital. No caso da Galiza, onde existe unha manipulación mediática extrema, onde as redes clientelares do PP e do españolismo están tan consolidadas e espalladas, non é de estrañar que a fobia cara a soberanismo callara nunha parte imporante da poboación. Estamos nun momento onde as conversas sobre política ou sobre temas políticos, con maior ou menor acerto, con argumentos mellores ou sen eles, están instaladas na rúa, nos espazos de traballo e nos centros de ensino.

Este é o terreo no cal o nacionalismo organizado debe actuar. Nun contexto onde se está a poñer en entredito a unidade do Estado español, no que o españolismo só é quen de atallar as cuestións nacionais recorrendo ao uso da forza -sempre para salvagardar os privilexios e o status quo da clase dominante- e no que mesmo se está a poñer en entredito a propia Constitución, o nacionalismo galego debe demostrar a firmeza e coherencia política e ideolóxica suficientes para poñer sobre a mesa os seus postulados e análises, demostrados correctos perante as actuacións das distintas forzas estatais.

A mocidade organizada galega responde, e faino con contundencia, manifestando que a irreformabilidade do Estado español é un feito, e que a sociedade galega debe camiñar cara á consecución da súa liberación nacional para conquerir a súa liberación social. “Non virá de fóra remedio ou esperanza” que dicía Castelao, palabras que seguen totalemente vixentes. O povo galego precisa unha resposta contundente fronte aos ataques do españolismo, e neste senso, a mocidade independentista organizada, Galiza Nova, ven de elaborar 50 medidas para liberar á mocidade galega, encadradas na campaña nacional “Rebélate, organízate e loita por unha Galiza Ceibe”, a cal pon de manifesto a necesidade urxente de acadar unha república galega independente na que podermos desenvolver estas aspiracións.

Estas 50 medidas para liberar á mocidade galega son o que precisamos para acadar melloras nas nosas condicións materiais de vida diaria: medidas como a eliminación das ETT´s, a redución da xornada laboral ou o aumento do SMI no tocante ao emprego, a supresión da LOMCE, a implantación dunha Lei Galega de Educación, a desaparición de centros de ensino privados e concertados e o avance cara a un ensino integrado e de avaliación continua, desbotando as reválidas e as probas de selectividade. No social, un aspecto fundamental e transversal a toda a sociedade galega é a creación de medidas concretas no ámbito dos dereitos das mulleres e tamén nos dereitos do colectivo LGTBI, medidas concretas como a prohibición da mercantilización dos corpos das mulleres, o dereito ao aborto nos centros de saúde públicos ou o acceso a unha educación sexual de calidade que desbote dogmas e estigmas.

Non menos importante é o carácter de colonia que Galiza ten a día de hoxe como parte do Estado español: falamos de sectores concretos como a economía, a industria ou o transporte. Neste ámbito, Galiza Nova, aposta pola nacionalización dos sectores produtivos estratéxicos, pola creación dunha industria galega que aposte polo país, creando valor engadido nos nosos produtos e garantindo postos de traballo dignos na nosa terra, e por unha banca pública galega posta ao servizo do povo galego no seu conxunto. Precisamos tamén da creación dunha rede ferroviaria de proximidade que vertebre o territorio nacional, así como tamén a modernización do transporte marítimo e terrestre dentro do noso país, definindo tamén para este último a supresión das peaxes nas autoestradas galegas.

Nestas 50 medidas tampouco esquecemos os nosos montes, convertidos en negocio da industria papeleira, e que desgraciadamente, e debido a intereses privados e nefasta xestión política da Xunta de Galiza, vimos arder vai escasos días. É inadmisíbel que a nosa riqueza forestal sexa reducida a cinzas sen que o goberno galego faga nada ao respecto.

Os nosos montes precisan dun cambio de política forestal, que garanta o traballo diversificado nos nosos montes, e dende o punto de vista dunha explotación responsábel e integral do noso territorio, desbotando dunha vez as plantacións indiscriminadas de eucalipto con fins comerciais e suspendendo a prórroga a ENCE, concedida polo goberno español, naquel intre en funcións, por 60 anos máis, para seguirse lucrando da eucaliptización dos nosos montes. Lembremos a relación entre as grandes empresas que espolian o noso país e o Partido Popular, xa que ENCE a día de hoxe conta cun ex-Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galiza e a unha ex-Ministra de Medio Ambiente do Estado español no seu Consello de Administración.

Estamos ante un novo contexto político que vén a demostrar que a única forma de rachar co entramado político e económico do neoliberalismo e o gran capital e conquerir melloras reais a nivel social é mediante a ruptura co Estado español, un camiño comezado pola sociedade catalá e que os diferentes povos que o conforman tamén seguiremos, analizando as distintas realidades socioeconómicas e expulsando da ostentación do poder ao neoliberalismo español, que sustentado polo entramado político e monárquico estatal fai que Galiza permaneza como unha colonia espoliada polo Estado español. Galiza, ao igual que o resto de nacións sen estado do mundo, ten o dereito de decidir o seu futuro, de poñer a súa nación ao servizo do seu povo. Neste senso a mocidade do BNG seguiremos loitando día tras día en cada centro de ensino, traballo e reunión de todo o país, levando propostas concretas para acadar a liberación nacional e social que tanto precisa o noso país.

Avante a loita da mocidade galega!

 

O orixinal atópase no dixital Terra e Tempo: http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=4776&seccion=4