Escoitando o debate producido hoxe no Congreso, a respecto da prórroga do decreto do estado de alarma xórdenme varias consideracións:

 

 

  1. O goberno de PSOE-Unidas Podemos non ten maioría absoluta. Iso non é, per se, nin bo nin malo. Porén, obriga escoitar, negociar e consensuar para poder aprobar as túas propostas. Tentar impor ou chantaxear nunca será a mellor opción para un goberno en minoría que teña unha vocación de se manter no goberno.

 

  1. Case todos os estados europeos están a xestionar esta crise sen recorrer a figuras xurídicas tan drásticas como o estado de alarma ou o fixeron por tempo máis limitado que no estado español. Casos paradigmáticos e empregados como mostra de boas prácticas no combate a esta pandemia son os de Portugal e Alemaña que a pesar de ter recollidas no seu ordenamento xurídico figuras análogas, non fixeron uso delas.No propio estado español, a maioría de xuristas coinciden en que existe un abuso desta figura absolutamente excepcionale moi delicada en termos democráticos.

 

  1. Existen múltiples posibilidades no actual ordenamento xurídico para manter todas e cada unhas das medidas que está a implementar o goberno español sen ter que alongar, máis do estritamente necesario, unha medida tan extraordinaria como esta.Non é certo que a alternativa ao estado de alarma sexa o caos. A alternativa é o mantemento do control do proceso de desconfinamento (incluídas as medidas de limitación da mobilidade) a través de mecanismos legais convencionais e a devolución das competencias as CC.AA. Sería máis axustado a dereito, tería máis garantías democráticas, estaría mellor adaptado ás necesidades e características de cada comunidade autónoma ou nación e sería máis eficaz (como se demostrou coa rectificación na compra centralizada de material sanitario e de protección). A comezar porque até o de agora, o goberno español non tivo nunca en conta ningún dos elementos diferencias de Galiza (dispersión, envellecemento, realidade comarcal,carácter transfronteirizo etc.). O uso das provincias ou o emprego das franxas horarias por Concellos en vez de por núcleos, son boa mostra.

 

  1. O centralismo férreo e a anulación política das CC.AA. (que teñen as competencias e o coñecemento do territorio) que rexe este estado de alarma son un profundo erro e a evidencia de que España como suposto“estado máis descentralizado do mundo” non pasa do slogan. A mínima comparación con Alemaña, faino evidente. Xa non é que non se recoñeza a existencia das diferentes nacións que o compoñen, senón que, directamente, anula no terreo práctico ás Comunidades Autónomas. O goberno de PSOE-Podemos borrou dun plumazo a suposta España plural de “nación de naciones” para se pasar á España unitaria, centralista e de provincias nunha clara involución abertamente aplaudida por PP, Cs e VOX.

 

  1. A pesar de non estar de acordo coa forma de se materializar e de que multitude de propostas realizadas polo BNG nestes meses non se tiveron en conta por parte do goberno (ou o foron de xeito tardío e insuficiente) o BNG veu votando até o día de hoxe a favor da declaración do estado de alarma dando un voto de confianza e agardando unha rectificación.

 

  1. É unha irresponsabilidade que o goberno non teña preparada unha alternativa ao estado de alarma. Porén,sería igualmente irresponsábel deixar caer hoxe o estado de alarma sen ter esa alternativa lista. Por ese motivo, coido que foi moi correcta a intervención e a abstención do BNG da man de Néstor Rego de cara a non dificultar a súa aprobaciónmais tamén evidenciando que o nacionalismo galego non vai asumir acriticamenteque se negue a Galiza e que non se busquen os mellores instrumentos para combater ao virus no noso país do mellor xeito posíbel.

 

  1. Ciudadanos é a antítese dunha saída a esta crise en termos favorábeis ás maiorías socias e os dereitos dos pobos. O tempo dirá se a negociación e apoio nos seus votos foi algo puntual ou non. Porque, aínda que parece que xa pasamos a parte máis dura desta crise, agárdanos a máis difícil: o rescate do estado español e a súa condicionalidade. Pedro Sánchez debería coidar o bloque que o investiu, para afrontar ese proceso, ou mudar definitivamente a orientación do seu goberno e apoios.

 

  1. O PNV pactou o apoio ao estado de alarma a cambio de que o goberno central permita a realizar eleccións en xullo aínda que siga en vigor o estado de alarma. Mais unha vez, as eleccións en Galiza decídense en Euskadi. Coido que non é o máis responsábel, que cando a pandemia aínda non está controlada, cando sigue en vigor un estado de alarma e cando a vida de tantos galego e galegas dependen das accións do seu goberno, a principal preocupación de Feijóo sexan convocar eleccións porque pense que pode tirar réditos electorais desta crise. Porén, Feijóo farao porque aínda que asinou o decreto de suspensión das eleccións galegas el nunca deixou de estar en campaña. Coida que un escenario como o actual (sen control por parte da oposición porque o Parlamento está disolto, cun apagón informativo a respecto das críticas a súa xestión e unha manipulación máis obscena que nunca da CRTVG e medios privados e sen que a oposición poida facer unha campaña electoral normalizada) lle favorece. Está nas nosas mans que non sexa así.