A compra do Banco Popular-Pastor polo poderoso Banco Santander, por apenas un euro e reducindo a cero o valor das súas accións, inscríbese dentro do proceso de concentración do capital financeiro no Estado iniciado a cabalo da vixente crise. É, pois, un episodio máis na xeira iniciada coa bancarización e expatriación das caixas galegas.

A operación, beizoada por Bruxelas e o FROB español, prodúcese despois da desastrosa xestión de Ángel Ron e dunha vaga de ataques en bolsa contra o Popular-Pastor, consentidos polo organismo regulador (CNMV). Foi pois unha implosión deliberada, para facilitar a absorción polo Santander dunha entidade que representaba o 20% dos depósitos no noso país, e na que só as administracións públicas galegas teñen 250 millóns de euros. A compra do Pastor polo grupo Popular xa anticipaba un desenlace como o que enfrontamos. Mais esta operación supón unha estafa colosal cos 60 mil accionistas, en moitos casos particulares e traballadoras da propia entidade, para alén de ameazar o emprego e a supervivencia da súa rede de oficinas no noso país e mais da Fundación Barrié. A pretensión da dirección do Santander de prescindir das marcas Popular e Pastor, é só o corolario simbólico dunha absorción pura e dura, que só tencionaba apropiarse dos depósitos e do volume de negocio de ambas as dúas entidades. Após esta operación, o 70% do negocio bancario en Galiza pasa a estar en mans de dous bancos privados: Abanca e o propio Santander. Un nivel de concentración, que supera o do Estado español, cuxo mercado bancario fica nun 60% repartido entre as cinco principais entidades, e que supón importantes ameazas e riscos tanto para o público-cliente como para o tecido socioeconómico.

O Pastor era unha das entidades con maior arraigo e implantación en Galiza. Unha marca valorada en 43,1 millóns de euros e asociada a un banco de proximidade, con importantes ligazóns cos sectores produtivos. Todo apunta a que a súa reabsorción no Santander farao desaparecer definitivamente. A duplicidade de oficinas en máis dun cento de concellos (o Santander ten en Galiza 160 e o Popular-Pastor 200) e a integración total na que aposta Botín, dan consistencia ao temor sindical de que máis unha vez estes xogos de mercado acaben por destruír emprego. O Santander conta con 850 traballadores e traballadoras nas oficinas galegas. O plantel do Popular-Pastor é de 1.350 persoas empregadas. A estas hai que engadir outros 200 postos de traballo do centro de chamadas Universal Support, vinculado ao banco.

Fronte á “mala noticia” da compra do Popular-Pastor, o presidente Feijóo escusouse alegando que a Xunta tiña cero competencias. Tantas, como vontade política para intervir para evitalo. No entanto, Feijóo puxo, sen querer, o foco na cuestión central. Que se Galiza quere dispor dunha banca de seu, esta non pode depender do casino das finanzas privadas. Que garantir un sistema financeiro propio exixe, si ou si, a intervención pública directa nacionalizando un sector estratéxico para o país. Nacionalícese!

 

Este artigo foi publicado no número 81 d’A Nova Peneira, do mes de xuño de 2017.