Orzamentos do estado: “O BNG representa aquí a dignidade e a firmeza en defensa dos intereses de todos os galegos e galegas”
O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, defendeu o voto en contra do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2021 aprobado no Congreso, unhas contas “que castigan o noso País cunha baixada de 104 millóns de euros en relación aos orzamentos do PP de 2018” e salientou que “a firmeza nacionalista en defensa dos intereses dos galegos e galegas é fundamental para que nos próximos orzamentos non se repita esta discriminación”.
O deputado nacionalista considera incomprensíbel a “actitude pechada” do Partido Socialista e de Podemos a incluír calquera emenda que implicase modificar á alza “nin un euro” as partidas que teñen que ver coa Galiza. E foi claro ao indicar que o BNG responsabiliza a PSOE e Podemos de marxinar a Galiza nos Orzamentos do Estado. Nese sentido sinalou que:
“Terá que explicar Yolanda Díaz por que rexeita unha partida para converter Navantia nun Complexo Industrial Integral que acolla tamén a construción naval civil para xerar novos postos de traballo, ou unha partida para garantir a intervención pública de Alcoa. Gómez Reino ou Pilar Candela, congresistas pola Coruña, terán que explicar por que votan en contra dunha partida de 20 M€ para a conexión ferroviaria co Porto Exterior ou dunha partida de só 1.300.000 euros para compensar as mariscadoras da Ría do Burgo que teñen que parar a actividade durante as obras de dragado e rexeneración”.
Tamén salientou que o BNG considera que estes orzamentos ficaron lonxe de ser realmente sociais, pola aposta insuficiente por políticas tributarias e orzamentarias que fosen na dirección de reforzar a protección social e os servizos públicos.mesma liña. Entre elas citou un imposto á banca e ás eléctricas, unha taxa COVID ás grandes fortunas para facer fronte á reactivación social e económica ou incrementar o imposto de patrimonio a partir de 1 millón de euros en vez de 10, como fixo o goberno.
Subliñou tamén Néstor Rego que os partidos do Goberno rexeitaron emendas do BNG para que sectores especialmente vulnerábeis neste contexto paguen menos impostos, como a eliminación do IVE ás máscaras e materiais de protección fronte ao coronavirus, a rebaixa a 4% aos produtos culturais, produtos de hixiene feminina ou a servizos esenciais como auga, luz ou gas “para que ninguén teña que optar entre comer ou pór a calefacción” e a baixada a 10% nos salóns de peiteados.
Polo contrario “Estes son uns orzamentos en que se opta por incrementar o gasto militar en case 5%, máis de 400 millóns de euros a maiores, ou 300 millóns máis para o CNI para que espíe máis e mellor ou continúa subindo a partida asignada á Casa Real en vez de concentrar eses recursos en políticas de protección social”. Nese sentido, destacou que o BNG presentou unha emenda para que fose incrementada a partida destinada a financiar a Lei de Dependencia en 250 millóns de euros para que o Estado se aproximase da obriga legal de financiar 50% das accións que teñen que ver coa dependencia, emenda que foi rexeitada por PSOE e Podemos.
“O BNG representa aquí a dignidade e a firmeza en defensa dos intereses de todos os galegos e galegas, do pobo traballador da Galiza. E esta firmeza do BNG é fundamental para que nos próximos orzamentos non se repita este agravio, non se repita esta discriminación” subliñou Néstor Rego, que destacou que o BNG seguirá traballando para que todas as medidas que PSOE e Podemos non quixeron incorporar a estes orzamentos poidan saír adiante nos próximos tempos.