Contra os ataques ao galego do poder xudicial e o PP, concentración a cuarta feira 6 de marzo ás 12h diante do Concello de Lugo

A vaga de ataques políticos ao galego para impedir calquera recoñecemento que supoña un avance legal, por mínimo que for, regresa de novo.

Por unha banda O Tribunal Supremo vén de confirmar a sentenza do TSXG contra a ordenanza de uso do galego do Concello de Lugo, proposta no seu momento polo BNG co apoio unánime da corporación. Por outra banda a vella teima da extrema dereita española contra as linguas diferentes do español colle agora a forma de propostas de PP e Ciudadanos para prohibir o requisito de coñecemento da lingua propia para o acceso á función pública en Galiza, EuskalHerria e os Países Cataláns.

A sentenza do TSXG e agora do TS sinala que calquera mención á oficialidade da lingua galega só é válida se for acompañada do español. Baixo esta aparencia formal trata de  impedir calquera acción encamiñada a igualala minimamente respecto ao castelán e estabelece uns máximos que o galego non debe traspasar baixo ningún concepto.

A sentenza indica que na rotulación, formación do funcionariado ou subvencións municipais o galego só pode ter presenza se for conxuntamente co español.

No caso de servizos públicos municipais privatizados primar o suposto dereito de descoñecemento do galego por parte das empresas emprestadoras de servizos fronte ao dereito a empregalo e ser atendido en igualdade de condicións por parte das e dos cidadáns.

Fronte a abafante presenza exclusiva do español na maior parte dos espazos de uso, amparada legalmente por máis de 500 disposicións, o galego, no caso de estar, debe permanecer sempre baixo tutela.

Segundo denuncian da plataforma cidadá Queremos Galego e A Mesa pola Normalización Lingüística a sentenza do TSXG e TS utiliza prexuízos ideolóxicos e políticos subministrados para agredir a lingua galega e ás persoas que queren utilizala fortalecendo a consideración do galego como un idioma inferior.

Trátase dunha sentenza preventiva sobre un proceso de normalización do noso idioma que nin sequera comezou a andar. Fronte a esta sentenza, mais tamén fronte á crecente agresividade galegófoba, participemos en todas as acción en defensa da lingua galega comezando pola cuarta feira 6 de marzo, ás 12h, diante do concello de Lugo.