A OTAN reúnese en Bruxelas ás ordes de Joe Biden
Hoxe luns celébrase en Bruxelas a 29 Cimeira da Organización do Tratado do Atlántico Norte-OTAN, principal instrumento militar do imperialismo, unha reunión na que estará presente o presidente dos EUA, e que segundo fontes da propia OTAN estará centrada fundamentalmente na adopción de medidas contra Rusia e China, e contra o terrorismo internacional.
A celebración desta importante reunión vén precedida nas últimas semanas dunha intensa campaña de propaganda sobre os perigos que supoñen as políticas de Rusia e China, a quen se acusan dun suposto expansionismo e dunha agresividade realmente inexistentes, pois eses dous países non ameazan nin atacan a ninguén, ao contrario dos EUA que directamente ou por medio da OTAN ten centos de miles de soldados nos cinco continentes. Con esa campaña de propaganda, que vai acompañada de importantes sancións económicas e comerciais, búscase crear unha sensación colectiva de inseguridade e temor, que traslada a idea de que hai un perigo inminente, de xeito que ese medo instalado na poboación faga que asuma sen discusión a necesidade de aumentar o gasto en armamento, e non se opoña ás operacións militares agresivas executadas pola OTAN.
Nesta Cimeira está previsto ademais avanzar na chamada Axenda 2030, e dela díxenos que xunto co establecemento de mecanismos para resolver discrepancias entre os integrantes, ten o obxectivo de facer unha aportación da OTAN á loita contra o cambio climático, partindo da necesidade de transformar os exercicios militares en actividades amigas do medio ambiente; agachando así baixo un manto verde hoxe tan de moda a realidade de que unha guerra é morte, sufrimento e destrución. Coa Axenda 2030 o que se pretende é afondar aínda máis nas decisión adoptadas en 2010 na Cimeira de Lisboa, cando a OTAN decidiu que o seu campo de actuación era o conxunto do planeta, e pasou a exercer como auténtico xendarme internacional impoñendo as súas regras como únicas e obrigatorias.
A UPG mostra a súa preocupación polo incremento da tensión no ámbito internacional, debida ás actuacións ameazantes dos EUA secundadas pola UE, incluído o sempre obediente goberno español; unha tensión que só responde ao medo do imperio a perder a hexemonía e que pon o planeta en grave perigo.
Consideramos que a OTAN ao longo de setenta e dous anos de existencia ten demostrado que só produce morte e destrución, atacando aos pobos que se opoñen aos ditados do imperialismo e deciden iniciar camiños contrarios á globalización neoliberal, e saltándose ademais a legalidade internacional e as resolucións das Nacións Unidas. Por iso seguimos esixindo con firmeza a súa disolución, dado que a desaparición da OTAN sería un gran avance na distensión.