Paremos o xenocidio do Povo Palestino

A Unión do Povo Galego condena a actuación xenocida do goberno sionista de Israel contra o povo palestino na franxa de Gaza, unha actuación que se enmarca  na decisión de Israel de impedir cun baño de sangue inocente que Palestina poida convertirse en estado independente exercendo o seu lexítimo dereito de autodeterminación.

Os bombardeos do exército israelí sobre poboación civil na franxa de Gaza en menos dunha semana teñen producido máis de 120 asasinatos de civís e perto dun milleiro de persoas feridas, sufrindo ademáis a povoación a destrución das súas vivendas, malleiras, torturas, prisión indiscriminada e discriminación no seu propio territorio, exercido todo por unha potencia estranxeira que na súa actuación xenocida planificada conta co apoio total do imperialismo estadounidense, da Unión Europea e dos gobernos de algún países árabes da zona.

A UPG quere trasmitir ao povo palestino e ás organizacións políticas e sociais palestinas o apoio solidario á súa loita ao tempo que condemos a hipocresía da chamada comunidade internacional e dunha Organización das Nacións Unidas que miran cara outro lado diante desta masacre actuando como verdadeiros cómplices dos xenocidas e do imperialismo.

Aplaudimos as iniciativas presentadas polo Bloque Nacionalista Galego-BNG tanto no Parlamento Galego como no Congreso dos Deputados e noutras institucións esixindo a condena do ataque israelí e unha intervención enérxica para  que se poña fin a esta masacre. Facemos un chamamento aos galegos e ás galegas a amosar activamente a súa solidariedade cun povo mártir que só loita polo dereito a existir e a poder construír un futuro de paz nunha patria soberana.

Animamos ao noso povo a participar nas diversas accións convocadas estes días en cidades e vilas de Galiza, pois a loita do povo palestino é a loita de todos os povos.