Día da Patria 2019: A UPG chama a participar nos actos do BNG dunha forma masiva

Achégase o 25 de xullo, Día da Patria Galega, cunha ampla axenda que comezou o pasado 15 de xullo coa Semana da Patria, con actos por todo o territorio nacional.

A nivel nacional comezan os actos na capital no 24 de xullo, coa Homenaxe a Rosalía e Castelao no parque de Bonaval a partir das 17:30, organizada por Galiza Nova con diversas actuacións musicais. Alí mesmo comezará ás 19 horas a III Ruada pola Independencia. A noite é tempo de Festigal no Campus Sul con concertos para todos os gustos: Brassica Rapa, De Ninghures, Banda Bassotti, Arrhythmia.

O 25 de xullo chega o acto central desta celebración coa manifestación nacional que sae ás 12 da mañá da Alameda cara a Praza da Quintana, onde intervirá Ana Pontón, Portavoz Nacional do BNG.

Despois do xantar popular na carballeira de San Lourenzo é a hora da cultura, con presentacións literarias, obradoiros ou ludoteca para as cativas, ademais dos postos de artesanía. Ás 18:30 horas presentarase o novo volume da revista Terra e Tempo, co monográfico Resistencia e expansión cultural. Crónica do movemento cultural galego na ditadura (1961-1976), que recolle artigos de 25 entidades culturais elaborados por 32 autoras e autores. O colofón porano o café concerto desde as 17 horas, coas Pandereteiras de Verducido, DudeCan e Güintervan.

Nesta data, 51 anos despois da convocatoria da UPG que levou a restaurar a celebración do Día da Patria, facemos un chamamento á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego a participar masivamente nos actos do BNG, coa convicción de que o seu éxito consolidará a alternativa que vai mudar as cousas no noso País.