Por un monte galego con futuro. Manifestación nacional o domingo 14 de setembro
E este domingo 14 de setembro tamén ás 12h na Alameda de Compostela a Plataforma “Por un Monte Galego con Futuro” convoca unha manifestación baixo o lema “A política forestal da Xunta é quen nos queima! Por un monte galego con futuro. Lumes Nunca Máis”.
Unha mobilización coa que se quere denunciar a responsabilidade da Xunta de Galiza nos devastadores incendios que recentemente arrasaron máis de 150.000 hectáreas, especialmente nas comarcas de Ourense, e exixir un cambio radical nas políticas forestais, agrarias e ambientais.

A vaga de incendios, que se estendeu de norte a sur e de leste a oeste de Galiza, é unha nova traxedia ambiental, social, cultural e económica, comparada cun “Prestige do interior” da que a Xunta de Galiza ten moita responsabilidade polo abandono do rural, as políticas agrarias nefastas e o monocultivo de especies de crecemento rápido, como o eucalipto. Causas clave nestes incendios, agravadas pola mudanza climática.
Xunto a isto hai que criticar a inacción do goberno galego do PP, que ano tras ano permite a propagación do lume en comarcas rurais e zonas próximas ás cidades, con extensións crecentes cando as condicións climáticas son adversas. Como tamén as consecuencias que isto tivo, con persoas queimadas, casas arrasadas e milleiros de evacuadas, abandonadas pola Xunta ante a falta de medios. Unha situación fronte á que hai que salientar a resistencia das aldeas, co apoio de soutos, carballeiras e fragas, que foi clave para salvar algunhas zonas.
Así pois faemos un chamamento ao conxunto do pobo glego a participar nesta manifestación que precisa ser masiva para lanzar unha contundente mensaxe ao goberno galego do PP.
Máis información aquí.
