Escritora e profesora de lingua e literatura galegas, delegada sindical da CIG-Ensino, da que foi membro da súa Executiva Nacional, e integrante do Consello directivo da Asocación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Como escritora a súa obra poética está recollida en diversas antoloxías, nalgunhas traducida ao ruso, ao catalán ou ao español. Publicou até o de agora os seguintes libros: Crear o mar en Compostela, premio de poesía “O Grelo” 1993, Pel de ameixa, premio González Garcés 1995, Setembro, premio “Martín Códax” 1998, En atalaia alerta, accésit do Esquío 1999, As Amantes de Hamlet, 2003, Cinsa, 2009, Acuática alma 2011, Argola, premio O Figurante edicións 2013, Dun lago escuro, premio Joham Carballeira 2013 e Na casa da avoa, 2017. A súa obra está recollida en antoloxías como: Veinte puntos de fuga, do Ministerio de Cultura de Venezuela, Compañeira tristeza, Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo, Poetes gallecs d’avui, Llibres del Segle ou Galician poetyr, Metamorphoses 22, Massachussetts.
Publicou varios artigos sobre terminoloxía da natureza ou toponimia relacionada cos mamíferos mariños, investigou sobre a sintaxe do galego medieval e ten publicado estudos sobre a obra poética de Manuel María, Méndez Ferrín ou Victoriano Taibo.