Posicionamento da UPG sobre a situación en Siria

Os acontecementos dos últimos días na República Árabe Siria, que remataron coa toma de Damasco por parte de grupos armados liderados polo xihaidismo islamita, e a creación de un goberno provisional liderado polo máximo dirixente do grupo xihaidista máis importante, o HTS, supoñen un paso máis na perigosa escalada de tensión que desde hai meses está a ser provocada polo imperialismo; e vén a sumarse ao xenocidio do pobo palestino por parte do estado sionista israelí e ás agresións que Israel co apoio da OTAN ten perpetrado en Iraq, no Libano, en Irán ou no Iemen.

Siria levaba máis de dez anos de guerra, con parte do seu territorio ocupado, directa ou indirectamente, por diversos actores externos, interesados no seu colapso para aproveitarse dos recursos enerxéticos fundamentalmente, e para facer desaparecer un actor político fundamental en Oriente Medio. E durante esta década asistimos a múltiples episodios de manipulación informativa, buscando lexitimar calquera tipo de actuación que tivera como obxectivo destruír Siria; episodios de manipulación que chegan ao paroxismo nos últimos días, cando os mesmos que tiñan incluído no listado de organizacións terroristas a HTS, organización que nace arredor de Al-Qaeda, agora preséntano como grupos de “rebeldes” e “libertadores” que se teñen organizado para derrocar unha tiranía.

Descoñecemos cal vai ser a evolución, pero o que está claro é que as potencias imperialistas implicadas nos acontecementos destes días, EUA, Gran Bretaña, Turquía e Israel, buscan converter Siria noutra Libia ou noutro Iraq; estados falidos que deixan de asumir un papel no marco internacional, e sobre todo nun marco rexional tan complexo.

O avance militar de Israel adentrándose nas últimas horas en territorio sirio chegando a poucos quilómetros da súa capital, mostra que na nova reconfiguración de Oriente Medio que busca, desestabilizar o Líbano e borrar Siria do mapa son pasos previos e necesarios cara o seu obxectivo de rematar o xenocidio do pobo palestino.

Diante da actual situación a UPG, como partido antiimperialista, condena unha vez máis as políticas inxerencistas de occidente que provocan guerras en distintas partes do planeta; guerras que son presentadas coa careta de defensa da democracia e dos dereitos humanos, pero que non buscan outra cousa que o control dos recursos, e a eliminación de aqueles cos que non concordan e que non lles son submisos.

Denunciamos as declaracións da  Alta Representante da Unión Europea para a Política Exterior, que en vez de mostrar a súa preocupación polos acontecementos en Siria e defender a fin da violencia; saudou o avance do xihaidismo como unha derrota de Rusia, mostrando así a súa coñecida rusofobia e o seu desprezo polo sufrimento dos pobos que viven no estado sirio.

Mostramos a nosa preocupación pola situación da poboación civil, e en especial das mulleres, que teñen sido obxectivo principal da actuación dos grupos xihadistas.

Esiximos que por parte das Nacións Unidas se adopten as medidas necesarias para rematar coa actual situación.

Manifestamos unha vez máis o noso compromiso coa paz, e co dereito de todos os pobos a construír sen inxerencias externas o seu futuro, exercendo o lexítimo dereito de autodeterminación.

Facemos un chamamento ao pobo galego a mostrar a súa solidariedade e a denunciar as prácticas imperialistas.