Primeira longametraxe sobre Moncho Reboiras

As vindeiras semanas comeza a rodaxe do primeiro filme sobre a vida do noso camarada Moncho Reboiras, derradeira vítima do franquismo en Galiza, após o seu asasinato en agosto de 1975.

A película Reboiras. Acción e corazón, estará dirixida por Alberte Mera e producida pola Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas. A data prevista para a estrea é o 2020, cando se cumpren 45 anos da súa morte. O filme levará á pantalla un retrato fiel construíndo a vida de Moncho Reboiras desde a vertente humana e política.

Para este proxecto contan con testemuños de distintas persoas que o coñeceron e partillaron tempo con el, e que vertebran o proceso da toma de conciencia social e nacional por parte de Reboiras que o levaron a involucrarse activamente na Unión do Povo Galego para enfrontar a ditadura e conseguir unha Galiza libre e xusta.

No tocante o financiamento, a Fundación Terra e Tempo vén de anunciar unha campaña de micromecenado activa dende o 1 de agosto para acadar os 20 mil euros precisos para rodar a película.  Todas aquelas persoas que desexen colaborar economicamente coa realización do filme poden facelo a través da páxina web www.reboiras.gal ou directamente nesta ligazón, e serán consideradas como “participantes do filme”, sendo nomeadas como tal nos créditos e recibirán información puntual sobre os avances dos traballos, así como diversos agasallos en función da cuantía da doazón.

Dende a UPG damos a benvida a este novo filme sobre a nosa historia; un elemento imprescindíbel para o coñecemento dos sacrificios que Moncho Reboiras e outras tiveron que facer para construír moitas das ferramentas coas que hoxe en día conta o povo galego para lograr unha Galiza libre e socialmente xusta. Animamos a colaborar activamente na campaña de micromecenado para lograr a realización desta importante obra fílmica.