Queremos galego convoca concentración na praza do Obradoiro para o 17 de maio

A plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país, convoca unha concentración na praza do Obradoiro ao medio día do vindeiro 17 de maio, Día das Letras galegas. “Os éxitos na denuncia da situación da lingua galega teñen que ir acompañados da mobilización social para revertela e mudar a política lingüística da Xunta e do Estado”, recordou o voceiro da plataforma, Macos Maceira. Por iso, animan as persoas interesadas na defensa da lingua a reservar a súa praza na concentración, que levará por lema Queremos vivir en galego, inscribíndose nesta ligazón.  A organización distribuirá o espazo entre as primeiras persoas que se inscriban, mantendo a distancia de seguranza e cumprindo todas as medidas de seguranza sanitaria.

“Desde decembro do 2019 até hoxe contamos cun informe da ONU e dous do Consello de Europa que recollen o que vimos denunciando: que o marco legal para o ensino non respecta a Carta Europea das Linguas, que na xustiza non se garante o uso do galego en calquera proceso ou as dificuldades para a atención na administración pública” salientou Maceira na presentación pública da actividade.
Dende a plataforma salientaron que a sociedade galega mantivo este ano a súa mobilización, con centos de iniciativas para gañar novos espazos para o galego ou evitar retrocesos noutros. Destacaron a Inicitiva Xabarín, que chega ao Parlamento con máis de 33000 sinaturas para garantir a posibilidade de gozar de contidos audiovisuais en galego, nomeadamente para a infancia e a mocidade. “Temos, por tanto, un 17 de maio para celebrar os pequenos pasos e para reclamar avances nos que a administración da Xunta e do Estado teñen xa que atender as demandas da sociedade galega e das institucións internacionais” asegurou o voceiro de Queremos Galego.
 
A reinvidicación é “queremos vivir en galego“. “Queremos vivir en galego con toda liberdade, con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións”, explicaron. “Podermos usar e dispor da nosa lingua en todo e para todo, un dereito humano recollido na declaración universal dos dereitos humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos ou a Carta Europea das linguas, mais que para o galego aínda temos que conquistar día a día”, concluíron.
Información tirada da web de Queremos Galego.