Saudamos a esquerda brasileira
A UPG enviou na tarde de onte un saúdo ao Partido Comunista do Brasil e ao Partido dos Trabalhadores, parabenizando a ambos polos resultados obtidos o domingo na primeira volta das eleccións celebradas no Brasil.
Unha vez se confirma que vai haber unha segunda volta o 30 de outubro, facemos a nosa aposta para que ese día se consolide o resultado, de xeito de Lula da Silva acceda á presidencia do Brasil, e a Federação Brasil da Esperança (integrada entre outros por PT e PCdoB) aumente a importante representación obtida o domingo. Unha vitoria de Lula da Silva e un aumento da representación da esquerda abrirían unha nova etapa, e permitirían ao pobo brasileiro iniciar o camiño para construír un futuro de xustiza social, botando terra definitivamente sobre estes anos de goberno Bolsonaro; un goberno que supuxo un retroceso en todos os sentidos, coa submisión do Brasil aos intereses do imperialismo, a fascistización da sociedade e a degradación das condicións de vida da clase traballadora e do conxunto das clases populares.
Dese a UPG solidarizámonos coa esquerda e coas outras forzas progresistas brasileiras, sabedores de que seguirán firmes nas semanas que restan de campaña, mobilizándose para sumar o máximo de apoios, e prestando atención a calquera movemento ou provocación que teña por obxectivo impedir a consolidación do camiño de mudanza polo que vén de apostar a maioría do pobo brasileiro.
Secretaría de Relacións Internacionais