Saudamos a vitoria das forzas progresistas en Bolivia

A  Unión do Povo Galego quere trasladar a súa felicitación ao povo de Bolivia, ás súas clases populares e aos pobos orixinarios polo gran resultado na eleccións presidenciais celebradas o pasado domingo; resultados que supoñen o triunfo en primeira volta do binomio do Movemento ao Socialismo-IPSP conformado por Luís Arce e David  Choquehuanca, e a obtención da maioría nas dúas cámaras da Asemblea Lexislativa Plurinacional, candidaturas que contaban co apoio das distintas forzas progresistas e de esquerdas.

O regreso do MAS-IPSP ao goberno supón un duro golpe para unha extrema dereita, que no pasado mes de novembro tentou pola forza das armas poñer fin a un proceso político que encabezado por Evo Morales desde 2006 devolveu a capacidade de decisión sobre o seu futuro ao povo, mellorando as súas condicións de vida e rompendo coa dependencia dos intereses da oligarquía e do imperialismo.

Ábrese un novo período de gran ilusión no que será posíbel recuperar a senda da soberanía e o progreso, un período no que Bolivia precisa de seguir contando coa nosa solidariedade, pois o imperialismo recibiu un duro golpe pero manterá o seu empeño, e empregará todos os medios ao seu alcance para acabar co novo proceso que se abre.

Finalmente queremos reiterar ao MAIS-IPSP e ao PCB o noso apoio e disposición a estreitar a colaboración entre as nosas organizacións.

Compostela; 19 de outubro de 2020
Secretaría de Relacións Internacionais