Saudamos a vitoria do Pacto Histórico en Colombia
A UPG saúda a vitoria da candidatura do Pacto Histórico nas Eleccións Presidenciais celebradas onte en Colombia; unha vitoria que co acceso de Gustavo Petro á Presidencia do país e Francia Márquez á Vicepresidencia, ten un importante significado político. Pois supón a derrota electoral da oligarquía e a apertura dun novo tempo.
Esta vitoria é resultado de décadas deloita da clase traballadora e do conxunto das clases populares colombianas fronte á inxustiza; unha inxustiza que ten provocado milleiros de mortes en enfrontamentos entre as guerrillas, os militares e o exército; e o asasinato de milleiros de militantes da esquerda política e sindical. Décadas de resistencia e loita, a máis recente a onda de protestas que desde o inicio do Paro Nacional de abril de 2021, se desenvolveron en todo o país, e impulsaron esta vitoria electoral.
A derrota da oligarquía e do uribismo é tamén un duro golpe para os plans do imperialismo norteamericano, pois Colombia é un estado estratéxico na política agresiva dos EUA no continente, e desde alí se dirixen moitas das actuacións contra os procesos políticos emancipadores de América Latina.
Ábrese un novo tempo, non exento de perigos pois o inimigo non vai aceptar a derrota, e empeza desde xa a poñer paus nas rodas. Pero o resultado electoral, e o acceso de Gustavo Petro á presidencia pode permitir que se empecen a cumprir moitas das aspiracións de xustiza social, o inicio de unha reforma agraria, o cumprimento dos Acordos de Paz da Habana.
Animamos aos integrantes do Pacto Histórico a seguir traballando, organizando ao pobo colombiano para que o resultado electoral se transforme en forza organizada suficiente para impulsar políticas transformadoras.
A UPG enviou un saúdo solidario a Gustavo Petro, e ás organizacións políticas coas que mantemos relacións fraternais, Partido Comunista Colombiano, Unión Patriótica, Marcha Patriótica e Comunes.
Secretaría de Relacións Internacionais