Saúdo ao 8º Congreso do Partido Comunista de Cuba

Entre o 16 e o 19 de abril celébrase na cidade da Habana o 8º Congreso do Partido Comunista de Cuba. Baixo o lema “O Congreso da continuidade histórica da Revolución Cubana”, o PCC márcase como principais obxectivos actualizar a conceptualización do Modelo Económico e Social Cubano de Desenvolvemento Socialista,e avanzar no proceso de renovación das estruturas de dirección partidaria.

O Comité Central da UPG enviou un saúdo ao Congreso, asinado polo noso Secretario Xeral e o Secretario de Relacións Internacionais. Reproducímolo a continuación:

Ao 8º Congreso Nacional do Partido Comunista de Cuba

Compañeiros e compañeiras:

Desde Galiza queremos trasladar o cordial saúdo do Comité Central e do conxunto da militancia da Unión  do  Povo  Galego, aos delegados e delegadas que participan neste importante 8º Congreso do Partido Comunista de Cuba.

Se todos os congresos son importantes para un Partido, entendemos que un congreso como o que vostedes celebran, convocado como “O Congreso da continuidade histórica da Revolución Cubana”, ten unha importancia transcendental; pois como se recolle na resolución de convocatoria do mesmo “a Revolución non se circunscribe a quen a levou ao triunfo aquel glorioso Primeiro de Xaneiro, senón á vontade e o compromiso de quen a faga súa en todos estes anos e os que continuarán a obra”, e o  PCC márcase como un dos obxectivos centrais deste Congreso proceder a unha sempre necesaria renovación de cadros nas estruturas de dirección, que nesta ocasión supoñerá unha importante substitución xeracional.

Para a  UPG, e para o conxunto do nacionalismo galego, Cuba e a súa revolución foron sempre un referente, tanto pola relación histórica que une ao noso pobos, como pola importancia que para nós ten a firmeza de vostedes e a capacidade, para nunhas circunstancias sempre difíciles, ser capaces de manter izadas as bandeiras da soberanía nacional e da construción do socialismo.

Sabemos da intensidade do debate  pre-congresual, que se produciu en paralelo á posta en marcha de importantes cambios no ámbito da economía, buscando corrixir erros, eliminar vicios existentes e alcanzar unha maior eficiencia, para así garantir a xustiza social e preservar as conquistas que a Revolución deu ao pobo cubano.

Coincidimos con vostedes, en que na actual etapa histórica adquiren aínda maior importancia o traballo político ideolóxico para enfrontar a guerra cultural, e a estimulación da participación do pobo para que sexa protagonista na toma de decisións.

Temos a seguridade de que os acordos adoptados polo Congreso e  a nova dirección do Partido permitirán manter o rumbo firme, e que a firmeza ideolóxica da nova dirección, combinada coa necesaria flexibilidade táctica, permitirá salvar as dificultades e tropezos que inevitabelmente xurdirán. Sabemos que o prestixio do  PCC entre o pobo cubano é a mellor garantía de avanzar.

Reiterándolles o noso apoio e solidariedade coa causa da Revolución Cubana, que é a causa de todos os pobos pola súa liberdade, manifestámoslles a nosa disposición para seguir estreitando as fraternais relacións existentes entre o  PCC e a  UPG.

 

Viva a Solidariedade entre os pobos!

 

COMITÉ CENTRAL DA UNIÓN  DO  POVO  GALEGO