Saúdo ao Partido Comunista do Vietnam polo seu 95 aniversario
O día 3 de febreiro cumpríronse os 95 anos da fundación do Partido Comunista do Vietnam, baixo a dirección de Ho Chi Minh, na Conferencia de Unificación de diversos grupos comunistas que actuaban no país. Con motivo dese aniversario, o noso Partido enviou un saúdo ao PCV que reproducimos a continuación.
Galiza; 26 de xaneiro de 2025
Comité de Relacións Exteriores
Comité Central
Partido Comunista de Vietnam
HA NOI
Camaradas:
Con moito gusto respondemos á súa petición, e enviamos os nosos parabéns polo 95 aniversario da fundación do seu partido, que se conmemora o 3 de febreiro.
A creación do Partido Comunista do Vietnam supuxo un punto de inflexión fundamental para o pobo vietnamita, dando moita maior forza ao desenvolvemento da loita pola liberdade da nación vietnamita asoballada polo colonialismo, e na toma de conciencia por parte da clase traballadora, do campesiñado e do pobo no seu conxunto, sobre a necesidade facendo unha lectura correcta do marxismo leninismo, de unir a loita de liberación nacional e a loita polo socialismo.

Coñecemos o percorrido histórico desde a Conferencia de Unificación, na que entre o 3 e o 7 de febreiro de 1930, e baixo a dirección de Ho Chi Minh crearon o Partido; e estudamos con interese a realidade dun Vietnam que o vindeiro 2 de setembro conmemorará os 80 anos da súa independencia, e que baixo o lema “Independencia, Liberdade e Felicidade” está empeñado na construción de unha sociedade socialista partindo da propia realidade do seu país. Empeño que neste momento concreto, como acordou o Comité central celebrado hai uns días, marca como obxectivos manter a senda de crecemento económico e do perfeccionamento e mellora no funcionamento das institucións e organizacións, empezando polo Partido, a Asamblea Nacional, o Frente da Patria de Vietnam e o Goberno.
Camaradas, saiban que na Unión do Povo Galego contan con un Partido amigo, que loita pola liberación nacional e social do pobo galego, integrando o Bloque nacionalista Galego -segunda forza política no noso pais- e desenvolvendo desde hai 60 anos un traballo de organización do noso pobo nos distintos ámbitos.
No marco das nosas obrigas internacionalistas mantemos a solidariedade con todos os pobos que loitan pola liberdade e pola construción de sociedades máis xustas.
Por iso mostrámoslles a nosa disposición a estreitar relacións de colaboración entre o PCV e a UPG.
Secretaría de Relacións Internacionais
Comité Central