Saúdo ao XIII Congreso do Partido Comunista do Vietnam

Entre os días 25 de xaneiro e 2 de febreiro celébrase en Ha Noi o XIII Congreso Nacional do Partido Comunista do Vietnam, nun marco condicionado pola Covid-19 e que terá importantes repercusións no futuro, pero no caso de Vietnam hai que dicir que foron quen até o momento de adoptar medidas que que o levan a ser nestes momentos un dos países nos que a pandemia está a ter menores consecuencias na saúde da súa poboación e no seu desenvolvemento económico.

En resposta á petición da Comisión de Relacións Exteriores do PCV, o noso partido enviou o saúdo que transcribimos a continuación:

 

Ao  XIII Congreso Nacional

Partido Comunista de Vietnam

 

Compostela: 15 de xaneiro de 2021

 

Camaradas:

A Unión do Povo Galego saúda a celebración do XIII Congreso Nacional do Partido Comunista de Vietnam, saúda a todos os membros do PCV e ao irmán pobo vietnamita.

Sabemos da importancia que este XIII Congreso ten para vostedes, pois das súas resolucións sairán as liñas de actuación que permitan seguir avanzando na construción dun Vietnam máis próspero; unhas resolucións froito do amplo debate en todos os organismos partidarios e no conxunto da sociedade; analizando profundamente o período 2016-2020 para aprender dos acertos e tamén dos erros que puideran terse cometido.

Celebran vostedes este congreso nun novo marco mundial condicionado polos efectos da Covid-19, que afectan tanto o ámbito interno como o internacional; e da actual situación de pandemia derivaranse repercusións futuras que neste momento non podemos predicir. Pero si que podemos aprender da xestión que se está realizando neste momento, e sobre ela podemos dicir que vostedes teñen demostrado a capacidade que ten un estado para controlar e reducir os graves efectos de pandemia cando se pon o interese colectivo do seu pobo por diante.

Para nós, comunistas e patriotas galegos, o PCV sempre foi un exemplo de tenacidade e visión estratéxica, que lle permitiron superar circunstancias adversas; na etapa da liberación nacional non facendo caso a quen lles chamaba a esperar as directrices dos comunistas da metrópole e seguindo adiante até conquistar a plena independencia, nun proceso triunfante contra o imperialismo francés e dos EUA.

Na actualidade coa súa decisión firme de proseguir a senda da construción do socialismo, superando as dificultades atopadas no camiño, procedendo ás rectificacións e actualizacións cando son necesarias e aplicando o marxismo e o leninismo ás características propias do Vietnam. Pois son conscientes de que fronte ás dificultades nunca se pode  arriar a bandeira, dado que como dixo  Ho Chi Minh “unha tormenta non é máis nada que unha boa oportunidade para o piñeiro e o ciprés demostrar a súa forza”

Reiterámoslles o noso desexo de que as resolucións aprobadas, o Comité Central e os órganos executivos que sexan elixidos neste XIII Congreso permitan ao Partido Comunista e ao pobo de Vietnam seguir camiñando firmes, no cumprimento das tarefas para o próximo quinquenio e definindo as metas cara ao 2030, no que conmemoran o Centenario do seu Partido.

Finalmente camaradas, mostrámoslles a disposición do noso Partido para continuar traballando no fortalecemento das relacións de amizade, entre as nosas organizacións. Un esforzo que sen dúbida se expresará nunha maior unidade e solidariedade mutua, e que lles permitirá a vostedes coñecer mellor a loita do pobo galego pola súa soberanía, e a nós seguir os avances do Vietnam na construción dunha sociedade socialista.

 

Viva a Solidariedade Internacionalista!

 

Néstor Rego Candamil                                                                                        Duarte Correa Piñeiro

Secretario Xeral da UPG                                                                                 Secretario de RR.II.