Saúdo ao XIV Congreso do Partido Comunista do Vietnam

Entre os días 19 e 25 deste mes de xaneiro celébrase en Ha Noi o XIV Congreso Nacional do Partido Comunista do Vietnam, no que baixo o lema “Unidade – Democracia – Disciplina – Avance – Desenvolvemento”, 1.586 delegados e delegadas definirán o pensamento estratéxico, a visión e as grandes orientacións de política para o desenvolvemento do país nun mundo cada vez máis complexo, e elixirá o novo Comité Central

En resposta á petición da Comisión de Relacións Exteriores do PCV, o noso partido enviou o saúdo que transcribimos a continuación:

Ao XIV Congreso do

Partido Comunista do Vietnam

Camaradas:

Queremos transmitir un fraterno saúdo a todos os delegados e delegadas que participan neste importante XIV Congreso do Partido Comunista do Vietnam, a toda a militancia e ao conxunto do pobo vietnamita.

Sabemos da importancia dos temas a debatir e analizar neste XIV Congreso, a análise dos 40 anos da aplicación do Doi Moi e do resultado obtido coa aplicación das resolucións do XIII Congreso.

Manifestámoslles o desexo de que as decisións que adopten sobre as liñas de actuación para os próximos cinco anos, e o labor de perfilar o pensamento estratéxico, a visión e as orientacións para o desenvolvemento do país até mediados do século XXI, permitan ao novo Comité Central que vostedes elixan traballar para que a República Socialista de Vietnam siga avanzando no desenvolvemento e o benestar do pobo, tendo sempre como obxectivos a defensa da Soberanía Nacional e o perfeccionamento do Socialismo. Rectificando o que sexa preciso rectificar e afondando naquelas decisións que se teñen demostrado correctas ao longo destes anos, de xeito que favorezan o fortalecemento da autonomía estratéxica, da autosuficiencia e da confianza en que é posíbel cumprir con éxito os obxectivos de desenvolvemento do paísaté 2030, ano no que o Partido Comunista do Vietnam cumprirá 100 anos.

Celebran vostedes o seu XIV congreso nun momento moi complexo no contexto internacional, e con importantes desafíos. Contexto marcado por un aumento na agresividade dun imperialismo que se resiste a perder a hexemonía diante dunha nova orde multipolar que se abre, impulsada por países que fan da defensa da soberanía o eixe das súas políticas. Probas desa agresividade dun imperialismo que se resiste témolasnas prácticas neocoloniais que se tentan impoñer, no xenocidio do pobo palestino ou no recente ataque á Venezuela; e na tentativa por impoñer as súas políticas os EUA contan coa OTAN e co apoio cómplice da Unión Europea. Sendo, para alén diso, o rexurdir dos movementos de extrema dereita e neofascistas un elemento obxectivamente favorábel ao imperialismo.

Na actual situación a UPG considera que é moi necesario articular mecanismos que permitan a colaboración entre aquelas forzas políticas e sociais comprometidas na construción dun mundo máis xusto, desde unha perspectiva claramente antiimperialista; considerando ademais que, a nivel internacional nesta etapa, a contradición principal se sitúa entre a defensa da soberanía nacional e o imperialismo.

No que respecta á nosa actuación na Galiza, a UPG traballa para fortalecer a fronte patriótica BNG e a central sindical CIG, como  ferramentas imprescindíbeis para avanzarmos, e situarnos en posición de disputar a hexemonía política como paso previo e imprescindíbel para verificar o obxectivo da soberanía e o socialismo.

Camaradas, despedímonos mostrando o noso respecto polo digno pobo vietnamita, e reiterando a nosa disposición a estreitar lazos de amizade e colaboración bilateral entre o PCV e a UPG.

COMITÉ CENTRAL DA UNIÓN DO POVO GALEGO