Saúdo ao XXIII Congreso do Partido Comunista Colombiano

A UPG enviou un saúdo, asinado polo noso Secretario Xeral, ao Partido Comunista Colombiano, que celebra entre o 7 e o 10 de decembro o seu XXIII Congreso, nun momento histórico para o pobo de Colombia marcado polo acceso de Gustavo Petro á presidencia, encabezando a candidatura do Pacto Histórico, da que forman parte os camaradas colombianos.

Ao Partido Comunista Colombiano

Camaradas:

En nome do Comité Central e de toda a militancia da Unión do Povo Galego, queremos facer chegar un saúdo fraterno ao plenario do XXIII Congreso dos e as comunistas de Colombia. Congreso que celebran nun momento histórico para vostedes, dado que por primeira vez a oligarquía está fóra do goberno; e Colombia conta cun presidente digno, que encabeza un proceso de democratización, co impulso das forzas de esquerda e progresistas, que partindo da aposta unitaria electoral do Pacto Histórico empuñaron a bandeira dun país soberano, no que os colombianos e as colombianas sexan donos dos seus recursos, e poidan construír un futuro de paz e xustiza social.

Somos coñecedores do esforzo do PCC e da UP para poder chegar até aquí, un esforzo regado co sangue de miles de militantes e simpatizantes, asasinados por defender as súas ideas. E tamén sabemos que a alegría pola nova situación política e polos pasos adiante que deu xa o goberno do presidente Petro, non lles fai esquecer os perigos.

Saben ben que chegar ao goberno non significa ter o poder. E son moi fortes os sectores reaccionarios, encabezados pola oligarquía e polo imperialismo norteamericano, sectores que buscan o fracaso do actual goberno.

Desexámoslles un exitoso XXIII Congreso, de forma que os documentos aprobados sirvan de base para a acción política, e a nova dirección electa poida conseguir un aumento da influencia do PCC na clase traballadora e no conxunto das clases populares.

Camaradas, estamos con vostedes, e saiban que en Galiza contan cun partido irmán na loita común polo socialismo, disposto a seguir estreitando as fraternais relacións que mantemos desde hai xa anos.

Viva a Solidariedade entre os Pobos!
Néstor Rego
Secretario Xeral