Saúdo enviado ao 25 Congreso do Partido Comunista Alemán-DKP
Entre os días 17 e 19 de marzo o Partido Comunista Alemán-DKP celebrou en Gotha o seu 25 Congreso, no mesmo debatéronse a aprobáronse dous interesantes documentos, un deles de tipo organizativo, con medidas para a mellora da acción d@s comunistas alemáns entre a clase traballadora, e outro de carácter teórico no que o DKP adoptou unha posición sobre a República Popular China. O Congreso tamén elixiu unha nova dirección, e á fronte dela mantéñense Patrik Köbele como presidente e Wera Richter como vicepresidente.
O DKP e a UPG mantemos desde hai anos unha relación de amizade, con intercambio regular de información e coa presenza de unha delegación do noso partido na festa do semanario deles xa en dúas ocasións.
Texto do saúdo
Compostela (Galiza) 14 de marzo de 2023
Camaradas:
Diante da celebración do seu 25 Congreso, queremos facerlles chegar un fraternal saúdo do Comité Central e do conxunto da militancia da UPG.
Sendo sempre importantes os Congresos como máximo ámbito de decisión dun Partido Comunista, non podemos obviar a transcendencia que ten este 25 Congreso de vostedes, ao celebrarse en unha situación moi complexa a nivel internacional; con unha Alemaña e unha Unión Europea implicadas activamente na guerra económica contra Rusia e China e no apoio armamentístico e financeiro a Ucraína. Actuacións que ten consecuencias internas, coa precarización das condicións de vida da clase traballadora e do conxunto das clases populares da Alemaña
A clase traballadora e o conxunto do pobo galego vémonos tamén gravemente afectados por unha situación semellante, dada a implicación do goberno do estado español na estratexia imperialista dirixida polos EUA; e diante desta situación o noso partido e a fronte patriótica Bloque Nacionalista Galego-BNG (primeira forza política da oposición en Galiza) levantamos a esixencia da Paz; esixindo o fin da guerra e de calquera agresión, e a adopción de medidas que melloren as condicións de vida do pobo.
Desexámoslles uns exitoso congreso, e que os acordos adoptados e a nova dirección elixida permitan fortalecer o DKP, e mellorar a actuación dos e das militantes comunistas entre a clase traballadora e o pobo.
Camaradas, o internacionalismo e a colaboración son principios básicos dos partidos comunistas, e en momentos como os actuais consideramos que é aínda moito máis importante mantelos en alto; pois precisamos da unidade para enfrontar a delicada situación internacional e os grandes desafíos que dela derivan. Partindo desa necesidade mostrámoslles a disposición da UPG para fortalecer os lazos de amizade entre os nosos partidos.
Secretaría de Relacións Internacionais
Comité Central