Saúdo enviado ao Partido Comunista da China no 100 aniversario da súa fundación

En nome do Comité Central e de toda a militancia da Unión do Povo Galego queremos facerlles chegar as nosas felicitacións, no día no que conmemoran o Centenario do seu partido.

Os cen anos transcurridos desde a fundación do Partido Comunista da China, teñen demostrado que en xullo de 1921 en Shanghai  o pobo chinés entrou nunha nova etapa, cando os sectores máis conscientes da súa sociedade entenderon que a liberación da China, da ocupación e expoliación por parte das potencias extranxeiras, só poderia acadarse se se vinculaba coa loita da clase traballadora e do conxunto das clases populares.

A Revolución que deu como resultado a creación da República Popular China e os importantes logros conseguidos desde outubro de 1949, teñen demostrado que a actuación política é sempre un proceso contínuo; con acertos e erros que é preciso sempre analizar e correxir, pois non hai modelos universais nin deben aplicarse de xeito mimético a un pobo outras experiencias revolucionarias ou de construción do socialismo por moi exitosas que elas teñan sido. Só por medio do estudo da historia e da realidade social e da propia estrutura de clases un partido poderá enraizarse e avanzar.

Queremos saudar tamén os intentos da República Popular China no ámbito mundial para conseguir unhas relacións internacionais opostas ao actual sistema  inxerencista e agresivo imposto polo imperialismo, o que se ten demostrado coa actuación solidaria con outros pobos neste contexto de pandemia.

Sen máis reciban un saúdo desde Galiza ao tempo que mostramos  disposición a estreitar a relación entre os nosos partidos.

 

COMITÉ CENTRAL DA UNIÓN DO POVO GALEGO

Secretaría de Relacións Internacionais