O Secretario Xeral da UPG participa en Brasilia no 14 Congreso Nacional do Partido Comunista do Brasil

Respondendo ao convite realizado polo Partido Comunista do Brasil a UPG está presente no seu 14º Congreso Nacional, que baixo o lema “Em defesa da nação, da democracia, do desenvolvimento e dos dereitos sociais” se celebra desde hoxe venres até o domingo 19 en Brasília.

Nesta ocasión a UPG está representada polo seu Secretario Xeral Néstor Rego, que transmitirá un saúdo do noso partido aos e ás máis de 650 congresistas, desexando ao PCdoB un gran congreso, e amosando a solidariedade da UPG para coa clase traballadora e o povo brasileiro, na súa loita contra o golpe que derrocou á presidenta lexítima Dilma Rousseff.

O noso Secretario Xeral terá oportunidade de participar en diversas actividades programadas, nas que poderá informar ás 38 organizacións estranxeiras, de 32 países de todo o mundo, sobre a situación política e social na Galiza, a loita do nacionalismo galego e o proceso involutivo que se está a dar no estado español tentando afogar a loita dos povos que queremos exercer o noso lexítimo dereito de autodeterminación.

O PCdoB neste 14 Congreso aprobará as liñas de actuación dos e das comunistas brasileiros para os vindeiros catro anos, nun cadro político marcado pola ruptura co período de gobernos progresistas producida polo golpe de 2016. No domingo, ademais elixirase o novo Comité Central.

O PCdoB e a UPG manteñen desde hai anos unha fraternal relación, e nesa relación  ademais da coincidencia histórica de dous povos que compartimos  lingua e cultura, hai unha importante coincidencia en canto á análise da situación internacional e das alternativas, coincidencia que parte da defensa da soberanía nacional e da capacidade de cada povo para definir o seu camiño cara o socialismo.

Esta relación entre ambos partidos tense concretado no intercambio periódico de información, na presenza de dirixentes do PCdoB en Galiza, mantendo reunións de traballo co noso partido e participando nalgunha ocasión no Día da Patria Galega, e na asistencia da UPG a anteriores congresos do PCdoB.