A senteza de Meirás, unha vitoria do nacionalismo e da loita popular

A senteza histórica de 2 de setembro do Xulgado número 1 da Coruña declara nula a “doazón” do Pazo de Meirás a Francisco Franco en 1938, e cualifica de “ficción” a compra do inmóbel en 1941, “só co obxecto de pór o ben ao seu nome”.

Aínda que os sucesivos recursos xudiciais van adiar a devolución final do Pazo ao Estado, e posteriormente haberá que proceder á transferencia á Galiza, a senteza corrobora o éxito de décadas de reivindicación política e institucional por parte do Bloque Nacionalista Galego e da presión social -especialmente nas últimas décadas- en que o nacionalismo e os colectivos de memoria histórica intensificaron a loita pola restitución do patrimonio roubado polo ditador..

En 2007, co BNG na Xunta de Galiza e na alcaldía de Sada, comezou o proceso para declarar as Torres de Meirás Ben de Interese Cultural, o que obrigou a familia Franco a ter que abrir determinados días ao ano o Pazo ás visitas públicas desde 2011.

Unha década despois, co BNG gobernando na Deputación da Coruña, foi impulsada pola Vicepresidencia unha Xunta pro Devolución do Pazo, en que participaron organismos moi diversos como a Universidade da Coruña, a Iniciativa Galega da Memoria ou a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica. A solicitude de apoio aos concellos superou as expectativas e en pouco tempo sumou adhesións por todo o Estado.

Sumándose á presión institucional, a 30 de agosto de 2017 un grupo de militantes do BNG ocupou simbolicamente o pazo e despregaron nel faixas reivindicando a devolución de Meirás ao pobo galego.

“Aquela acción pacífica tivo a súa importancia na medida en que alcanzou relevancia mediática mesmo fóra do Estado, visualizando que o pobo galego segue espoliado polos herdeiros do ditador”, sinala Anxo Louzao, voceiro dese grupo de persoas que despois se denominaría 19 de Meirás, ao seren denunciados pola familia Franco por esa acción. Sobre elas e eles pesa unha petición de pena de até 13 anos de cadea por activista e medio millón de multa.

Precisamente a internacionalización do conflito foi moi útil para “xerar presión sobre o Estado español”, recoñece o investigador Manuel Pérez Lorenzo Lito, salientando as xornadas pola memoria histórica desenvolvidas en Bruxelas, no Parlamento europeo, onde Meirás foi protagonista, co impulso da representante do BNG na eurocámara.

En 2018 o BNG conseguiu a unanimidade do Parlamento da Galiza para reclamar a devolución de Meirás. A presión social e política obrigou mesmo o Partido Popular -que con anterioridade se negara a apoiar esta demanda- a mudar de posición.

En todo este proceso, cómpre salientar tamén o esforzo de Carlos Babío, quen, para alén do seulabor político como edil do BNG en Sada, impulsou e desenvolveu xunto com Manuel Pérez Lito un traballo de investigación no eido da memoria histórica que foi chave para a sentenza, plasmado no libro Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio.

A sentenza é resultado da constancia no traballo do nacionalismo e da loita popular pola recuperación do patrimonio espoliado por Franco. Haberá que manter a presión até lograr que o Pazo pase a Patrimonio do Estado e que, porteriormente, sexa devolto ao povo galego. E tamén para conseguir a restitución plena de todo o patrimonio espoliado, entre outras da Casa de Cornide e das estatuas de Isaac e Abraham do Pórtico da Gloria.