O soberanismo galego volverá a darlle voz a Galiza no Congreso

Galiza vai ter voz propia no Estado da man do BNG una vez logrado un escano pola provincia da Coruña nas eleccións xerais deste domingo que será ocupado por Néstor Rego.

Tanto Ana Pontón, Portavoz Nacional do BNG, como Néstor Rego, deputado electo, amosaron a súa satisfacción por ter logrado o principal obxectivo que se marcara a forza soberanista, recuperar a representación nas Cortes para o nacionalismo galego. Afirmaron que ese feito é a garantía da defensa dos dereitos e intereses da nosa nación no Congreso dos deputados.

Sinalaron tamén que a obtención do escano polo BNG serviu para frear a entrada do ultraespañolismo de estrema dereita na Galiza. E destacaron tamén a suba das forzas nacionalistas no conxunto das nación do Estado.

A outra idea que puxeron en destaque foi a consolidación do proceso de recuperación do BNG, con cada vez máis apoio electoral e social, que no máis inmediato, colócao nunha excelente oposición para afrontar o reto das elección galegas nas que o obxectivo é conseguir o cambio real na Xunta, que só garante o Bloque.

Rematamos coas palabras que Néstor Rego, deputado no Congreso, trasladou públicamente ao conxunto do povo galego:

“Quero expresar o agradecemento a todas as galegas e galegos que depositaron a súa confianza no BNG e asegurarlles que, como dixemos en campaña, non imos defraudar este país. Comprométome a que a voz de Galiza se escoite, a levar ao Congreso a defensa dos nosos intereses e a denuncia das discriminacións.

Dixemos que o BNG podía ofrecer compromiso polo país, que traballaríamos co corazón e coa cabeza postos en Galiza e así o faremos. A voz do BNG será tamén a da defensa da soberanía da Galiza e dos dereitos pobos.

Mais tamén nos comprometemos a que, despois de ter impedido que a ultradereita españolista tivese representantes no noso país, seremos firmes na defensa dos dereitos e as liberdades, nun momento grave de involución democrática.

Obrigado a todas as persoas que nos apoiaron e confiaron en nós, a todas as militantes que participaron de maneira activa nunha campaña en que se quixeron ocultar as propostas galegas e houbo que transmitilas persoa a persoa. Obrigado ás que fixeron público o seu voto para animar a outras a apoiarnos. A todas elas, quero dicirlles hoxe que o BNG fará valer Galiza en Madrid. Ese é o noso obxectivo e tamén o noso compromiso.”