Sobre a nova conxuntura política internacional
1.- Estamos ante unha situación internacional caracterizada por unha mudanza da posición xeo-estratéxica dos EUA, destinada a tentar restaurar o seu papel de imperio hexemónico. Por tanto, mesmo significando unha alteración das súas políticas e relacións coa UE, por unha parte, e con Rusia, pola outra, a cuestión básica e central continúa a ser o seu afán de dominio sobre amplas áreas do planeta e de hexemonía na xerarquía dos grandes Estados. O trumpismo é, pois, unha nova face do vello imperialismo americano para enfrentar a confrontación económica, política, cultural e militar coa China, a nova potencia emerxente.
2.- O imperialismo neste momento busca centrar as súas forzas no indo-pacífico, e para iso precisa retirarse do conflito en Ucraína e reconstruír as destruídas pontes de diálogo con Rusia, tentando danar dese xeito a actual alianza estratéxica deste estado coa China. A actual administración norteamericana non é pacifista, o que fai é analizar pros e contras, e para o futuro inmediato considera útil un achegamento a Rusia, buscando que diante de futuros movementos agresivos cara á China ou na complexa zona de Oriente Medio, Rusia non tome partido activamente.
3.- Isto prodúcese nun contexto de ofensiva do capital, mais tamén de choque de visións contrapostas que fan aflorar a contradición entre fraccións do capital globalista e antiglobalista. En todo o caso, na ofensiva imperialista o obxectivo da depredación dos recursos de terceiros países fica patente e mesmo expresa nas declaracións públicas de Trump.
4.- A actual forma de proceder diplomaticamente e de tratar politicamente cos seus aliados, por parte da nova administración dos EUA, evidencia, o talante prepotente do imperialismo, que asume, sen enmascaralo, o seu obxectivo de dominio, extorsión ou espolio, para alén da súa displicencia de xefe omnipotente. Dinamarca, Canadá, México, Panamá, foron obxecto dun trato vexatorio, do que non se librou nin sequera o seu máximo lacaio, o presidente ucraíno, desprezado e con ameazas descaradas, no propio despacho oval e ante as cámaras de televisión.
5.- É ilustrativo da submisión da UE aos intereses do imperialismo americano que fose este último feito o que o que provocase a reacción formal de diversos gobernos europeos, cando eses mesmos gobernos mantiveron silencio perante o anuncio de Trump de tomar o control da Faixa de Gaza para, após a limpeza étnica e a expulsión de toda a poboación palestina, convertelo nun resort, e mesmo diante das ameazas de invadir Grenlandia, territorio dun estado da propia UE .
6.- No seu momento opuxémonos á intervención militar rusa en territorio ucraíno, pero non debemos esquecer, en todo caso, que foron os EUA e os seus aliados da UE/OTAN que instigaron hai xa máis de dez anos a Ucraína a se embarcar nunha estratexia dirixida a crear un ambiente social anti-ruso, impulsando un golpe de Estado (Maidán) con violencia nas rúas e contra as institucións; perseguindo a minoría de fala rusa (guerra do Donbás); asinando os acordos de Minsk en 2014 e 2015, non para solucionar o conflito, senón para gañar tempo, -como recoñeceu Ángela Merkel-; favorecendo a presenza da OTAN no país e preparándoo política e militarmente para o conflito. Aliás, aproveitando e alimentando o sentimento pro-occidental de parte da poboación ucraína, e amparando os sectores sociais e políticos máis predispostos a asumir unha estratexia de illamento e provocación contra a Federación Rusa; estratexia complementaria da ampliación da OTAN até as mesmas fronteiras de Rusia, incumprindo os acordos adoptados na altura da reunificación alemá.

7.- Nesta conxuntura, a UE e a Ucraína de Zelenski retrátanse como comparsas, ante a mudanza dos EUA e a dificultade que teñen para se reposicionaren sen ficar moi en evidencia. É ilustrativo que a UE pretenda aparentar dignidade e autonomía asumindo unha estratexia máis belicista e de confrontación. Mais o certo é que nos últimos anos a UE aumentou a súa dependencia dos EUA en todos os ámbitos e agora chaman a obedecer a consigna de Trump dun maior gasto en Defensa dos estados que conforman a OTAN, gasto de que se beneficiaría a industria armamentística e, en especial, o complexo militar-industrial norteamericano.
8.- Ante a actual conxuntura, o noso Partido e o nacionalismo galego defende a vía pacífica, política e diplomática, como sempre fixemos. Apostamos no diálogo para a paz, avogando por acordos que posibiliten a convivencia pacífica e relacións de boa veciñanza de Rusia e Ucraína, mais tamén un novo escenario de desescalada e estabilidade no conxunto de Europa.
9.- Reafirmamos a nosa oposición á OTAN, como organización militar ofensiva comandada polos EUA, e ao aumento do gasto militar no Estado español que xa hoxe se sitúa arredor de 2% do PIB. A brutal campaña propagandística que o sistema está a despregar, que carece de sustento real, busca, precisamente, xustificar ese incremento exorbitado dos recursos destinados a armamento e defensa. Iso é precisamente o que exixe Donald Trump, de modo que os sempre submisos dirixentes europeos farán o que queren os EUA en canto, paradoxalmente, aparentan ser discordantes xustamente no máis aceptábel e necesario: acabar coa guerra na Europa.
10.- A actual situación permite comprobar, máis unha vez, que a UE non existe politicamente, mostrando a súa dependencia práctica do que os EUA decidan, embora pretendan aparentar que toman decisións propias. A súa función continúa sendo xestionar os intereses económicos da oligarquía, xerarquizando os Estados e negando as nacións que non teñen; desempeñando un ridículo e contraproducente papel na política internacional, anulada mesmo para facer unha política de convivencia pacífica en Europa e para impulsar un mundo multipolar.
11.- A deriva militarista non ten só o perigo da imposición dunha nova onda de recortes, detraendo recursos de servizos básicos como sanidade, servizos sociais, etc… para gastalos en armamento, senón que leva aparellada unha maior centralización das decisións en mans de institucións non democráticas, e un avance na militarización das nosas sociedades, inoculando medo na poboación e favorecendo a imposición de medidas lexislativas que recorten as liberdades e repriman a quen discrepe; a represión contra as accións de solidariedade coa loita do pobo palestino, nalgúns estados da UE e o avance dos posicionamentos reaccionarios na sociedade en xeral son exemplos do que nos agarda. Por todo iso, a necesaria mobilización contra a guerra e en defensa das liberdades debe ir acompañada de unha maior dedicación á loita no campo das ideas.
12.- Neste sentido, o lamentábel papel da socialdemocracia europea, que vén pugnando por se colocar á frente da ofensiva belicista e militarista en curso, sacrificando dereitos sociais e o benestar da clase traballadora e das clases populares dos seus estados, convértese en responsábel fundamental de abrir o camiño ao avance da extrema dereita que coa súa retórica populista se presenta como alternativa e pode ser percibida como tal por sectores populares.
13.- Facemos un apelo a erguer un amplo movemento social e político pola paz e contra o imperialismo, un movemento que enfronte esta escalada de militarización das nosas sociedades, que defenda o desarmamento, a disolución da OTAN, a solidariedade internacionalista, a soberanía dos pobos e a solución pacífica dos conflitos.
