Solidariedade con Cataluña. Non hai cárcere capaz de deter a ansia de liberdade dos povos.

O encarceramento do Vicepresidente, Oriol Junqueras, e de máis de metade do Goberno catalán democraticamente elixido, por cumprir o programa electoral con que obtiveron o apoio popular e por traballar pacifica e democraticamente para dar cumprimento ao mandato popular e exercer o dereito de autodeterminación, evidencia o carácter profundamente antidemocrático e represivo do Estado español. A actuación da Audiencia Nacional mostra a face máis autoritaria do rexime español saído da transición que descobre a cada día o seu carácter neofranquista, cunha xustiza desacomplexadamente ao servizo de obxectivos políticos sen se coidar sequera de simular a tan cacarexada independencia ou a separación de poderes.

Máis non se trata de ningunha ‘deriva’ autoritaria, polo menos no sentido de que até este momento vivísemos nunha democracia perfecta que agora se desvía do seu rumbo. Todo o contrario. Como sempre denunciamos, é a Constitución de 1978 a que lexitima esta actuación: a que permite suspender a autonomía -evidenciando de paso que é unha carta outorgada que pode ser retirada por quen previamente a outorgou-; a que nega a existencia de nacións -como Galiza- diferentes da española e por tanto tamén os seus dereitos; a que encarcera representantes do povo por pretenderen xustamente exercer eses dereitos…

O que fixo o proceso de independencia da Cataluña foi sacar á superfície o que sempre estivo aí. Hai, iso si, unha enorme escalada na represión e na violencia do Estado contra o povo catalán e un incremento da virulencia política e mediática contra todo o que soe a nacionalismo. Mais o que se presenta como unha mostra de fortaleza é na realidade unha evidencia da debilidade e da crise política dun rexime que emprega a razón da forza porque sabe que perdeu definitivamente a forza da razón. Precisamente por iso, cabe esperar novas actuacións represivas e mesmo que se estendan directamente ao conxunto das forzas soberanista. Mais tamén por isto, debemos responder con decisión e con contundencia a conculcación dos dereitos democráticos e liberdades públicas, pois é claro que defender hoxe os dereitos do povo catalán é defender os dereitos de tod@s e os nosos propios dereitos como povo.

Aliás, a prisión dos dirixentes políticos cataláns coloca no primeiro plano a constatación da falacia desa xustiza “igual para todos”. En canto os corruptos (perto de 1.000 imputados do Partido Popular e o propio PP xulgado por organización criminal) non van ao cárcere, os demócratas que defenden pacificamente a liberdade para o seu povo, si. O descredito do rexime español é crecente, mais fica moito traballo por facer no noso País até nos situarmos en posición de derrotalo. O realmente importante é que o nacionalismo galego está determinado a facelo e traballa todos os días para conseguilo.

Hoxe, máis do que nunca, fica en evidencia que o Estado español non é reformábel e que a única vía posíbel para as nacións veren garantidos os seus dereitos, democracia e liberdade é exerceren a soberanía e alcanzaren a independencia.  É preciso romper con este rexime cruel e corrupto e con este Estado que o mesmo que conculca dereitos democráticos e liberdades públicas tamén nos nega como nación. Galiza precisa de soberanía. Tod@s precisamos de democracia.

Cataluña está dando pasos firmes xustamente para defender a democracia e os seus dereitos como nación. E, como vemos, os seus dirixentes están dispostos a enfrontar todas as dificultades para manter viva a súa loita. Conta por iso coa nosa admiración e con toda a nosa solidariedade internacionalista. Reclamamos, máis unha vez, o fin da represión e a liberdade de todos os presos políticos. Cataluña vencerá.