Terra e Tempo (1965 a 1969)

Presentamos os 5 primeiros números do Terra e Tempo. Os dous primeiros, numerados como 1 e 5 e ambos datados en 1965, imprimironse en México. Están feitos en “papel biblia”, isto é, papel de moi pouca gramaxe -semellante ao papel cebola- co obxectivo de ser máis doado o seu transporte e a súa introdución clandestina en Galiza. Boa parte da edición do “nº 5″(1965) -debido a unha infiltración policial- non chegou ao seu destino na Galiza, sen embargo si foi espallado por América Latina, razón pola que hai que considerala unha edición oficial do Terra e Tempo. Ese semella ser o motivo de que o seguinte número, editado en Caracas por Celso Emilio Ferreiro, tamén leve o número “5”. Efectivamente, os seguintes números, o 5 (1966) e o 8 (1967) xa foron editados en Venezuela cun tamaño distinto respecto dos mexicanos mais con características comúns entre eles. O seguinte número -que debemos datar no ano 1969- é un número cunha función claramente política entendida como de fixación da bagaxe doutrinal da UPG até a data.