Tributo a Moncho Reboiras no 45 aniversario do seu asasinato

A Unión do Povo Galego (UPG) vai desenvolver como todos os anos, desde fai xa 45 anos, os actos públicos de tributo a Xosé Ramón Reboiras Noia o vindeiro 12 de agosto, cuarta feira, na cidade de Ferrol. Este ano 2020 no contexto sanitario no que nos atopamos por mor da Covid-19 e co obxectivo de priorizar a seguridade de todas as persoas que asistan aos actos de homenaxe, estes actos terán modificacións a respecto do formato no que estaban a desenvolverse nos últimos anos.

De tal xeito que a militancia e simpatizantes ficades convocados directamente ás 19:30h nos Cantóns de Molíns de Ferrol para o acto político. Para garantir os protocolos de seguranza sanitara é preciso que se confirme a asistencia enviando un correo á conta nacional do Partido upg@upg.gal. Previamente ao acto político e dentro dos actos de homenaxe, terá lugar a estrea do documental “Reboiras. Acción e corazón” dirixido por Alberte Mera e producido pola Fundación Terra e Tempo de estudos nacionalistas, será no Cinema Duplex (Travesía Moreno, 3, Ferrol) ás 17 h. e para asistir será preciso que merques a túa entrada na web da propia sala: https://duplexcinema.com/gl/filmes/reboiras-accion-e-corazon. Durante o mes de agosto e sucesivos a longametraxe documental será presentada en Compostela, Ourense, Lugo, Vigo, Ponteareas, Pontevedra…

Así pois o programa deste ano 2020 será o seguinte:

Ás 17 h. Estrea do documental

Cinema Duplex.
“Reboiras. Acción e corazón” dirixido por Alberte Mera e producido pola Fundación Terra e Tempo. Coloquio posterior.

 

Ás 19:30 h.  Intervencións políticas.

Cantón de Molíns.
Iria Carreira. Secretariado da UMG. Deputada no Parlamento Galego.
Ramón Fernández “Mon”. Deputado no Parlamento Galego
Néstor Rego. Secretario Xeral da UPG. Deputado no Congreso.

Contaremos tamén coa actuación musical de Óscar Fojo

Nestes momentos en que é máis necesario que nunca defender un proxecto político nacionalista, recollemos o exemplo do camarada Moncho Reboiras no traballo de autoorganización do povo galego e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza, á que o noso camarada entregou a súa vida, e convidamos o conxunto do povo galego a participar con nós nesta homenaxe.