A UMG rende homenaxe á Revolución de Outubro
101 anos despois da Revolución de Outubro, a Unión da Mocidade Galega rende homenaxe ao acotencemento social máis imporante do século XX e un dos máis importantes da historia da humanidade.
As conquistas da Revolución de outubro son moi numerosas e de indiscutíbel importancia: a eliminación da propiedade privada dos latifundistas, a xornada de traballo de 8 horas, o dereito a vacacións pagadas, avances para a igualdade entre homes e mulleres, a despenalización e respecto ás diversas opcións sexuais, os dereitos de baixa por maternidade, a erradicación do analfabetismo ou o acceso á cultura, sanidade e educación gratuítas son tan só algúns exemplos, moitos dos cales son loitas que seguimos a librar hoxe en día.
A Revolución Soviética tamén supuxo a conquista de dereitos democráticos e o protagonismo da clase obreira na xestión económica e social, mentres espertaba a conciencia do pobo e construían un futuro de progreso e paz, que se plasmou mesmo na creación artística.
Teñamos tamén en conta a dimensión internacional do que a Revolución de outubro supuxo para os demais pobos do mundo, transcendendo todas as fronteiras. No tempo que seguiu á creación do estado socialista, sucedéronse diferentes procesos revolucionarios e progresistas no mundo. A URSS alentou e apoiou a creación de decenas de partidos e organizacións comunistas, así como o desenvolvemento de movementos polos dereitos sociais e laborais e movementos pola liberación nacional de nacións colonizadas. Isto tamén se aplica a países capitalistas, nos que forzou o avance dalgunhas conquistas de dereitos ante o temor de que se estendese o comunismo.
Todas as grandes revolucións do século XX tiveron como referencia a Revolución de outubro, que foi exemplo para moitos pobos que, coma o noso, están inmersos na loita contra o capitalismo e o imperialismo. As conquistas da clase obreira dos países capitalistas, a derrota histórica do sistema colonial e a contención da agresividade do imperialismo ata os anos 90 non se entenden sen a influencia internacional da Revolución de outubro.
Coa caída da URSS quebrouse esta correlación de forzas a nivel internacional, o que conduciu ao cese dos apoios que traía consigo. Supuxo un empeoramento progresivo e continuo da situación da clase traballadora a nivel mundial: a explotación intensificouse, perdéronse dereitos laborais e liberdades individuais e colectivas e sucédense as guerras imperialistas mentres soben as forzas de ultra-dereita xenófobas. A clase obreira de todo o mundo aínda sofre as consecuencias da desaparición do maior estado socialista do mundo, tras o cal o capitalismo puido avanzar máis agresivamente ao non dar coa oposición da forza do bloque socialista.
Anos despois e cada día cun pouco máis de intensidade, vemos con claridade como a crise estrutural do sistema capitalista fai evidente a súa natureza opresora e agresiva, que só pode conducir ao deterioro das condicións de vida da inmensa maioría da poboación mundial. O acontecemento histórico que hoxe conmemoramos é a mostra de que segue a ser posíbel crear unha sociedade sen explotadores nin explotados, avanzada, progresista e democrática, coa súa base na igualdade das nacións. Segue a ser un exemplo a seguir para as que loitamos polos mesmos ideais que inspiraron aquela Revolución de outubro en 1917, ideais non só realizábeis senón tamén necesarios.