“Por un monte galego con futuro” sae á rúa o 20 de outubro

A plataforma “Por un monte galego con futuro”, conformada por máis de 20 organizacións como a CIG, FRUGA ou ADEGA, organiza este domingo 20 de outubro unha manifestación nacional en Compostela, que partirá ás 12 da mañá da Alameda.

Con esta mobilización a plataforma esixe ao goberno galego e estatal que se efectúe unha planificación específica para o monte galego que teña en conta a perda acelerada de biodiversidade do noso monte,  o que aumenta os efectos provocados pola mudanza climática como o incremento do número e extensións dos lumes forestais.

A plataforma cuestiona tanto o borrador da Estratexia Galega contra o Cambio Climático como o Plan Forestal que tramita a Xunta de Galiza, nese sentido o secretario xeral da CIG rexeitou este modelo de “capitalismo voraz” que intensifica, en Galiza, un “espolio de corte colonial” dos noso recursos e materias primas como o que promove, ademais, a chamada Lei de Depredación “sen importarlle o dano social e medio ambiental que produce”. Por iso defendeu un outro modelo que favoreza que nese 94% do noso territorio se poida crear “riqueza social, emprego e industria” baixo parámetros de sustentabilidade e respecto ao medio ambiente.

No que atinxe o Plan Forestal, Belén Rodríguez de ADEGA reclamou que se elabore un novo documento  que siga, como principios reitores, a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de uso, o fomento do arborado autóctono e unha moratoria do eucalipto, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, e a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social.

Dende a UPG chamamos a saír a rúa o vindeiro domingo para impulsar as propostas concretas que permitan a Galiza loitar contra o proceso de mudanza climática e encamiñarse cara unha transición ecolóxica cada día máis urxente.