Por un monte galego con futuro
Poucos meses despois que o PP coa abstención do PSOE tombara no Parlamento Galego a ILP para a protección e racionalización do monte galego, -en liña cos intereses da patronal pasteiro-enerxética-; as organizacións convocantes volven a carga cunha nova ILP por un monte galego con futuro.
Na presentación desta ILP o pasado 8 de xuño participaron ADEGA, Asociación Frouma , Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), Amigos da Terra, Colectivo Agrocuir da Ulloa, Confederación Intersindical Galega (CIG), Comando Ghichas do Valmiñor, Federación Rural Galega (Fruga), Montegal, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e Sindicato Labrego Galego (SLG); ademais de Cousa de Raíces, que agrupa a máis de 60 entidades.
Esta ILP cuestiona o Plan Forestal que está a revisar a Xunta, maila que o exceso de ha de eucaliptos superou ás 300 mil con respecto ao anterior plan, pretenden ocupar 35 mil ha máis dunha especie invasora que xa supón un de cada cinco árbores do País.
Tamén critica as medidas contempladas na Estratexia Galega contra o Cambio Climático, que xustifican a expansión do eucalipto para fixar carbono sen ter en conta que na Galiza a meirande parte acaba convertido en pasta de papel na fábrica de Lourizán, o que provoca que todo o CO2 previamente absorbido polas árbores sexa devolto incrementado á atmosfera, dando como resultado un efecto potenciador do proceso da mudanza climática.
Por iso esta ILP recolle unha serie de propostas que abranguen desde solucións as especies exóticas invasoras coma o eucalipto, a ordenación do monte, o aproveitamento forestal ou a problemática dos lumes forestais, que serán expostas nunha campaña de sensibilización social que terá o seu cumio nunha manifestación nacional a segunda quincena de outubro en Compostela.
Desde a UPG apoiamos esta nova ILP que pretende por fin a destrución do noso monte provocada polo desleixo do Partido Popular, interesado só en protexer os intereses de ENCE a calquera custo.