Por un nacionalismo forte e plural a camiño da soberanía

Posición da UPG diante da XVIII Asemblea Nacional do BNG

A XVIII Asemblea Nacional do BNG debe ser a oportunidade para definir acertadamente as liñas de actuación para superar con éxito un desafío esencial: una frente nacionalista máis ampla, máis forte, máis plural e con máis presenza e capacidade de influencia social que permita atinxir a hexemonía social, paso imprescindíbel no camiño da soberanía.

Coa mesma coherencia e xenerosidade con que viñemos actuando nos nosos sesenta anos de historia, a militancia da UPG quere contribuír para este debate na convicción de que é a intelixencia colectiva -e, por tanto, a decisión asemblear de todas as persoas que conformamos o BNG- a que logrará que o nacionalismo galego continúe a avanzar.

Somos moi conscientes da importancia no momento actual da comunicación e dunha acertada estratexia neste ámbito. Mais tamén sabemos que unha forza que traballa contra o poder e todos os seus medios non pode avanzar apenas con marketing e accións performativas ou de imaxe. Polo contrario, é precisa unha aposta decidida no traballo organizativo, social, institucional e na batalla das ideas. O necesario coidado e perfeccionamento da comunicación política debe operar sobre o activo labor na sociedade e sobre un discurso decididamente soberanista.

Por tanto, apostamos en centrar o esforzo colectivo en alargar o BNG, incorporando a cada vez máis persoas, estendendo e fortalecendo a organización en todos os concellos ao longo e largo do País e fornecendo formación e espazos de actuación militante a todas as persoas que se incorporaron nos últimos tempos ou que o farán nos próximos anos. Sabemos que a organización foi, é e debe seguir sendo unha das principais fortalezas do nacionalismo. Por iso, este labor non debe ser nunca secundario nin deixado ao discorrer espontáneo, polo contrario, debe ser programado e desenvolvido de forma sistemática coa implicación necesaria de toda a organización, incluídos cargos orgánicos e institucionais.

Apostamos en intensificar o traballo social do BNG, recuperando a súa importancia central frente á tendencia a valorizar apenas o traballo institucional, sen que este deba resentirse. A militancia do BNG debe estar presente en todo tipo de organizacións e colectivos sociais e, con certeza, nos numerosos conflitos que vive o noso País, tentando sempre contribuír para a acertada orientación e fornecemento de alternativas.

Apostamos nun BNG máis sólido nos concellos, para o que será preciso traballar acertadamente desde logo para que nas próximas eleccións municipais o nacionalismo poida dar un salto cuantitativo e cualitativo. Unha rede municipal máis forte e a existencia de gobernos municipais que, para alén de xestionar ben, fagan políticas transformadoras e nacionalistas é a premisa para novos avances políticos e electorais.

Apostamos nun BNG máis activo na batalla das ideas, na xeración de conciencia nacional a partir dunha realidade material do País que continúa tendo no espolio e a dependencia a raíz dos principais problemas, na defensa dos símbolos nacionais e da nosa lingua. Neste ámbito, achamos que o nacionalismo debe manter con firmeza a posición histórica de defensa da plena normalización, só posíbel sobre a base do uso xeral do galego como lingua vehicular no ensino e en todos os ámbitos e do combate ás políticas asimilistas disfrazadas de liberdade de lingua e de bilingüismo, leve este o apelido que levar.

Apostamos no reforzamento do pluralismo e no respecto do carácter e funcionamento frentista do BNG. Achamos, por tanto, necesario impulsar unha dinámica interna máis colectiva e coral, afastada de calquera tentación presidencialista, incompatíbel co carácter asemblear e democrático da Frente. Nesa liña, a nosa presenza na candidatura que agrupa a maioría da anterior dirección debe entenderse como un acto de responsabilidade mais tamén como garantía de que sexa cumprido o compromiso de que a nova dirección funcionará sobre a base do diálogo, a negociación e o consenso e de que será reactivado o papel do Consello Nacional como órgano de dirección do BNG.

Podemos ver a existencia de varias candidaturas como un síntoma de normalidade democrática nunha organización frentista e plural. Mais tamén é evidente que unha listaxe única e unitaria -pola que nós apostamos- tería lanzado unha mensaxe potente dun BNG unido e con capacidade de integrar todas as correntes e sensibilidades, a imaxe dun BNG máis forte e cohesionado. Lamentamos, por tanto, que esa vontade integradora que a UPG defendemos desde o inicio non teña sido suficientemente compartida para dar lugar a unha candidatura máis plural e unitaria. Neste sentido, comprometémonos a impulsar todos os esforzos necesarios e seguirmos a traballar até a propia Asemblea Nacional para lograrmos un acordo final que a faga posíbel.

En todo o caso, animamos toda a militancia nacionalista a que participe activamente na Asemblea Nacional. As grandes decisións que definiron as liñas de traballo do BNG e a súa estratexia foron sempre tomadas colectivamente pola militancia en asemblea. Ese debe seguir sendo o camiño. Temos a convicción de que a XVIII Asemblea servirá para que o nacionalismo continúe o camiño definido que terá de levar a novos éxitos políticos e á conquista do obxectivo final da soberanía da Galiza. Para iso continuaremos traballando.