Un NON ao fascismo, un SI ás liberdades públicas e aos dereitos democráticos de todas e todos

Texto da intervención no Congreso sobre a moción de censura presentada por Vox

Por se alguén aínda non o sabía, vostedes hoxe aquí reafirmaron que son un partido totalitario e fascista. Fixérono coa totalidade dos seus discursos e fíxoo o candidato afirmando, máis unha vez, que este goberno é o peor en 80 anos, asumindo por tanto como positivos o goberno de 40 anos de ditadura criminal fascista, que supuxo non só pobreza, miseria e falta de liberdade senón tamén prisión, tortura e morte para todas as persoas que disentían e que defendían algo tan elemental como a dignidade e a liberdade. Na Galiza, máis de 6.000 persoas asasinadas, a maioría aínda nas cunetas.

Iso é o que estrañan e iso é o que realmente desexan.

Fixo vostede, señor Abascal, un discurso vitimista, salientando os supostos ataques a Vox cando en realidade son vostedes os que atacan todas as forzas políticas que non concordan cos seus parámetros políticos ideolóxicos e especialmente ás forzas soberanistas das nacións que formamos parte do Estado español. Hai apenas un mes vostedes presentaron aquí unha proposición de lei para ilegalizar todas as forzas nacionalistas, soberanistas e independentistas e hoxe voltou a reiterar esa proposta. Esa é a súa concepción da democracia, eliminar politicamente (e con evidentes saudades de cando o facían fisicamente) todas as persoas e todos os partidos que non coincidan con vostedes.

Hoxe deixou vostede claro aquí que son un perigo para a democracia para os dereitos e a liberdades públicas e puxo en evidencia o seu proxecto ultraespañolista, totalitario e excluínte, ao mesmo tempo que reiterou o seu discurso de odio, racista, xenófobo, machista e homófobo.

Vostede insistiu aquí que os deputados e deputadas soberanistas non representamos a soberanía nacional de España, da súa España. E niso ten razón. Eu estou aquí en nome do BNG para representar a miña nación, para defender os intereses do pobo galego, dos traballadores e traballadoras do meu País, para reclamar un dereito democrático fundamental como o dereito de autodeterminación e para defender, esa si, a soberanía nacional da Galiza e un futuro de benestar e de liberdade na nosa República.

Mais estou aquí con toda a lexitimidade -mal que lles pese- porque para iso me elixiron os cidadáns e cidadás galegas, eses mesmos que negaron a vostedes reiteradamente a representación do meu pobo cada vez que houbo eleccións. Porque lembre, Vox na Galiza ten exactamente 0 alcaldes, 0 concelleiros, 0 deputados no Congreso e 0 deputados no Parlamento da Galiza.

Será que o meu país rexeita radicalmente a súa proposta de asimilación política, cultural e lingüística a España, porque quere manter a súa identidade como pobo diferenciado, coa súa lingua, coa súa cultura e con capacidade para decidir libremente o seu propio futuro.

Precisamente porque queremos ser o que somos, Galegos e galegas, que contribuamos a construír desde o noso país e da nosa identidade un mundo mellor, xusto e libre -libre tamén de escoria fascista-, é polo que vostedes nos atacan, é polo que atacan a nosa cultura e a nosa lingua.

Mais igual que fracasaron nas eleccións na Galiza, fracasarán tamén neste obxectivo. Quero lembrar aquí unha frase de Castelao, dese gran dirixente político galego nacionalista que tivo que morrer no exilio como consecuencia da persecución por parte da ditadura criminal franquista que vostedes estrañan.

Dicía Castelao no seu monumental Sempre en Galiza, relatando todos os intentos de asimilación lingüística: “E de que vos valeu? Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencia, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados”.

Pois ben, señoras e señores de Vox, lémbreno máis unha vez: son vostedes uns imperialistas fracasados.

Como mellor exemplo do seu proxecto ultraespañolista, totalitario e excluínte hoxe aquí chamounos renegados. Renegados de que? Eu sería un renegado se renunciase a ser o que son, galego; se renunciase a representar dignamente o meu pobo, pero nunca o farei, porque teño claro cal é a miña patria e a miña lealdade.

Quero traer aquí as palabras cargadas de dignidade e de coherencia do grande dirixente galeguista Alexandre Bóveda, pronunciadas diante do Tribunal Militar que o condenou a morte nun Consello de Guerra montado polos militares sediciosos en agosto de 1936.

“A miña Patria natural é Galiza. Ámoa ferventemente. Xamais a traizoaría, aínda que se me concedesen séculos para vivir. Adóroa até máis alá da miña morte. Se entende o Tribunal que por este amor entrañábel debe de me ser aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrifício máis por ela. Fixen canto puiden por Galiza e máis faría se puidese. Se non podo, até gostaría de morrer pola miña Patria. Baixo a sua bandeira desexo ser enterrado.”

Dous días despois foi fusilado polos seus predecesores políticos e ideolóxicos que vostedes hoxe reivindican.

Nós somos da estirpe de Castelao, de Bóveda, de Moncho Reboiras -dirixente da Unión do Povo Galego, asasinado pola policía franquista en 1975- e de todos os loitadores e loitadoras pola liberdade. Por iso hoxe o BNG, en defensa da Galiza e da democracia, vai dicir NON á moción de censura. Un NON ao fascismo, un SI ás liberdades públicas e aos dereitos democráticos de todas e todos.

 

Tes máis videos relacionados na nosa canle de Youtube