Por un novo futuro para a lingua. Manifestación nacional de Queremos Galego o 17 de maio

A Plataforma Social “Queremos Galego”, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país, anuncia que o 17 de maio sairán ás rúas de Compostela para “evidenciar que a situación do galego non é irreversível” e “que hai alternativas e vontade colectiva para mudar a tendencia negativa para a lingua”. A manifestación sairá ás 12h da Alameda de Compostela a terza feira 17 de maio, Día das Letras Galegas.A plataforma reclama a posibilidade de vivir en galego agora e sempre e denuncia que o ensino e unha limitadísima oferta audiovisual en galego botan abaixo os esforzos das familias por garantiren a transmisión da lingua. A sociedade galega propón solucións, como a Iniciativa Xabarín, a Iniciativa polo audiovisual galego ou as bases para a normalización da lingua elaboradas pola maioría da representación sindical do profesorado, das anpas, dos movementos de renovación pedagóxica e pola Mesa, mais dende Queremos Galego recordan que para que que estas solucións frutifiquen cómpre que os gobernos galego e español abandonen o desprezo pola lingua galega e garantan a súa presenza e dispoñibilidade “en todo e para todo”.

É por iso que fan un chamamento ao pobo galego, ao que como Partido nos sumamos, a participar na Manifestación Nacional do 17 de maio.

Na súa páxina web tes información máis detallada así como horarios dos autobuses postos a disposición para poder asistir á mobilización.

Tamén puxeron en marcha unha  recollida de sinaturas para o Manifesto “En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua” ao que te animamos a asinar.