Unha intervención militar estranxeira en Níxer pode incendiar o Sahel
Diante da complexa situación en Níxer, consecuencia do golpe que hai uns días derrocou ao goberno corrupto e pro-occidental de Mohamed Bazoum, a UPG manifesta a súa grande preocupación polas declaracións e actuacións de Francia, EUA e a Unión Europea, anunciando sancións e promovendo unha actuación militar por parte de países veciños membros da Comunidade Económica de Estados da África Occidental (CEEAO); unha actuación dese tipo suporía un baño de sangue de consecuencias impredicíbeis en unha rexión tan sensíbel como o Sahel.
A preocupación que ten Francia non é pola democracia, nin polo futuro de unha poboación nixerina, que vive nun 42% por baixo da liña de pobreza; a súa preocupación é polo anuncio dos militares nixerinos de exercer a soberanía real sobre as súas materias primas, pois de concretarse ese anuncio a antiga potencia colonizadora perderá o control sobre a explotación de unhas das minas de uranio de maior calidade do planeta. E no caso dos EUA, a preocupación é por contar en Níxer coa base de drons máis importante que ten fóra das súas fronteiras.
Os acontecementos de Níxer teñen unha grande importancia xeopolítica, dado que nos últimos tempos producíronse importantes movementos, novas alianzas e cambios políticos na rexión. Outros tres estados Mali, Burkina Faso e Guiné, téñense rebelado con anterioridade contra unha presenza francesa e estadounidense, que non ten mellorado as condicións de vida de unha poboación, que sofre a presión de grupos jihaidistas cada vez máis activos, como consecuencia directa da guerra imperialista que destruíu Libia. E álzanse cada vez máis voces que reivindican novas alianzas, e sobre todo unha unión para alcanzar a verdadeira independencia fronte ás practicas neocoloniais, unha independencia que pasa polo dereito a explotar as súas propias riquezas en función dos intereses e das necesidades dos seus pobos.
A denuncia feita onte polos militares nixerinos de que Francia levou a cabo unha operación militar ilegal no seu territorio e liberou a 16 líderes de grupos terroristas debemos acollela con prudencia, pero non podemos esquecer que existen importantes precedentes. A creación e o apoio a grupos terroristas ten sido práctica común da OTAN e dos países imperialistas, co obxectivo de crear o caos en estados que non se pregaban aos seus intereses, como en Afganistan, Iraq ou Siria.
Diante da actual situación a UPG condena calquera tipo de intervención estranxeira que busque perpetuar o saqueo das riquezas dos países africanos, ao tempo que denunciamos as ameazas de Francia e dos EUA, e o anuncio por parte do estado español de suspender a cooperación con Níxer.
Facemos un chamamento a todas as forzas amantes da paz a alzar a súa voz en solidariedade cos pobos de África, contra as guerras, pola soberanía, pola democracia e pola xustiza social.
Compostela; 10 de agosto de 2023
Secretaría de Relacións Internacionais
Unión do Povo Galego