A UPG asina o “Manifesto galego pola integridade de Palestina”

Máis de 40 organizacións políticas, sindicais e sociais do noso país veñen de facer público un manifesto de apoio ao pobo palestino, denunciando a actitude do estado español e da Unión Europea, que coa súa inacción son cómplices da actuación xenocida do estado de Israel.

O texto é o seguinte:

Manifesto galego pola integridade da Palestina

2020 será lembrado na historia como o ano da COVID-19. Mais a enorme traxedia das vítimas desta pandemia, por mais próxima que nos resulte, non é a única que afecta millóns, nin a única que conmove o máis elemental sentido da xustiza.

Nas terras de Palestina, o sionismo, o racismo, o apartheid, que levan décadas a avanzar reptando sobre as vítimas que sementan, pretenden agora dar un grande salto para a fronte e entrar na fase definitiva da desaparición física e política da Palestina.

Dentro da lóxica do supremacismo israelita, dentro da lóxica do seu funcionamento como punta de lanza do imperialismo contra os pobos árabes, a entidade sionista anunciou un plano que sempre estivo aí: a ocupación completa da Palestina, a seguir agora por Cisxordania. A luz verde a asentamentos e colonatos, que, na realidade, nunca se detiveron, é o piar fundamental dunha estratexia de substitución étnica que se acelera agora, coa benzón das potencias occidentais, e que se traduce en destrución de vivendas e infraestruturas palestinas, secuestro de activistas e de calquera que se opoña, roubo de terras e destrución de cultivos, bloqueo marítimo, construción de muros, multiplicación de check-points e millares de persoas expulsadas das súas vilas, das súas casas, á total intemperie, máis dura e descarnada precisamente agora que o mundo padece esta pandemia.

Mais os novos colonatos non son a única vía. O traslado de facto da capital sionista para Xerusalén, coa transferencia das embaixadas dos Estados Unidos e dos países teledirixidos desde Washington e co beneplácito dunha Unión Europea cuxo único xesto é dicir que está «moi preocupada», é a fórmula para revestir toda a operación dunha pretendida lexitimidade internacional. A anulación de Gaza, bloqueada, embargada e mantida como un xigantesco campo de concentración para dous millóns de persoas é a prefiguración do que Israel promete ao pobo palestiniano se consegue imporse nesta guerra ás caladas.

A ocupación da Palestina, que comezou formalmente en 1947 e que avanza desde entón, ano a ano, metro a metro, é un crime con todas as letras. Un crime contra o pobo, imposto pola forza militar que tanto serve para facer efectiva a propia ocupación como para deixar en papel mollado as innúmeras condenas internacionais, na ONU e noutros espazos, que o sionismo colecciona cinicamente como trofeos de guerra.

A ocupación da Palestina é un crime contra a humanidade. Ten uns responsábeis directos que, ademais, non se esconden nin pretenden pasar desapercibidos. E por iso exixe un posicionamento claro e rotundo. Unha condena concreta e frontal.

As organizacións e entidades que asinamos este Manifesto Galego pola Integridade da Palestina

  • Afirmamos a integridade da Palestina e exiximos o fin da presenza israelita nos Territorios Ocupados, o fin do bloqueo contra Gaza e o recoñecemento real e efectivo de Xerusalén / al-Aqsa como capital da Palestina;
  • Repudiamos o chamado «Acordo do Século» que o imperialismo asinou consigo mesmo e con máis ninguén, e negamos calquera recoñecemento á extensión das zonas controladas polo réxime sionista;
  • Exiximos o fin dos asentamentos e colonatos israelitas en Cisxordania, ilegais á luz de todo o dereito internacional;
  • Condenamos as políticas de apartheid e violencia, tanto física como simbólica, psicolóxica e económica, do estado de Israel contra a poboación árabe da Palestina;
  • Condenamos a persecución sistemática contra calquera oposición e, en consecuencia, exiximos a liberación dos millares de presos e presas políticas palestinianas e o fin da arbitraria política de detencións administrativas;
  • Afirmamos a nosa adhesión completa aos principios da campaña internacional de boicot, desinvestimentos e sancións (BDS) contra o estado de Israel;
  • Denunciamos a complicidade e o apoio do Estado español e da Unión Europea aos abusos israelitas;
  • Afirmamos o noso compromiso co pobo palestiniano e co seu dereito á resistencia.

 

O pobo da Palestina non está só no mundo.
Galiza coa Palestina!
Palestina vencerá!