A UPG celebra o seu XV Congreso

A Unión do Povo Galego desenvolveu o seu XV Congreso o pasado 16 de febrerio no Pazo de Congresos de Compostela, no que se escolleu ao camarada Néstor Rego como Secretario Xeral da UPG.

No Congreso, sob o lema “Autodeterminación para a Galiza existir e avanzar”, debatíronse ao longo do día os textos que marcaran o rumbo do Partido nos vindeiros anos.

Nas teses, a UPG reafírmase na loita pola emancipación de clase, que no caso galego, vai parello á loita nacional; a autodeterminación é unha condición imprescindíbel para estabelecer un modelo económico e social favorábel ás maiorías sociais e avanzar cara o socialismo.

Nestas teses, considéranse fundamentais as reivindicacións feministas e as mobilizacións ecoloxistas polo futuro do planeta, e salientan que “a decisión de manter, fronte a todas as dificultades, o principio e a práctica da autoorganización, tamén no plano electoral (…) foi unha decisión absolutamente acertada, mesmo vital para a continuidade dun nacionalismo actuante socialmente e capaz de ir gañando apoios sociais e electorais”.

As teses tamén inciden no fortalecemento do Partido “organizativamente, mais tamén política e ideoloxicamente” e chama a activar o conxunto da militancia para impulsar a súa participación no traballo nos movementos sociais e agrandar a presenza social do nacionalismo.

No Congreso renovouse o Comité Central e o Secretariado Político do Partido.