A UPG lembra a Moncho Reboiras e o seu compromiso militante

Coma cada 12 de agosto desde hai 43 anos, rendemos homenaxe o noso camarada Xosé Ramón Reboiras Noia, asasinado en 1975 pola policía española no número 27 da Rúa da Terra, en Ferrol.

A homenaxe comezou as 12 da mañá no cemiterio de San Xoán de Laiño, en Imo (Dodro), coas intervencións de Xoán Bautista Mariño, concelleiro do BNG en Dodro, e Xosé Manel Casal, secretario de organización da UPG, que lembraron o compromiso do camarada Moncho Reboiras, e depositaron unha coroa de flores na súa memoria.

Despois do xantar na SCRD Agarimo de Sillobre -Fene- Pilar García Negro impartiu a palestra “Lingua galega: todo pasa por ela”. Pouco despois, ás 19:00 comezou a concentración na Praza Armas en Ferrol, dirixíndose ó 27 da Rúa da Terra, onde se fixo unha ofrenda floral e se cantou a Internacional.

Ás 19:30 comezou o acto central no Cantón coa intervención de Alberte Mera, director da primeira longametraxe sobre Moncho Reboiras, producida pola Fundación Terra e Tempo e que se atopa nun proceso de micromecenado para conseguir o financiamento preciso.

Seguiuno Mercedes Tobío, responsábel do BNG na comarca de Ferrolterra, que deu a benvida ás asistentes a cidade de Ferrol; e Pablo Ríos “Kai”, Secretario Xeral da Unión da Mocidade Galega, que percorreu a traxectoria exemplar de Moncho Reboiras antes de presentar a Néstor Rego, Secretario Xeral da UPG.

“O tempo veu constatar que as nosas análises eran e continúan a ser acertadas. Ou hai autoorganización ou hai sucursalismo, que só reforza a españolización da Galiza. E o traballo realizado con coherencia e confianza no noso povo acaba por dar resultados” proclamou o noso Secretario Xeral, que fixo énfase na importancia da autoorganización, “a única garantía de podermos decidir, de maneira libre, en función dos propios intereses como nación”.

Máis un ano, desde a UPG recollemos o exemplo de Moncho Reboiras e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza, á que o noso camarada entregou a súa vida.

Galería de fotos da homenaxe a Moncho Reboiras