A UPG no III Congreso de Comunistes de Catalunya
O noso Partido participou no 3º Congreso de Comunistes de Catalunya, e na conmemoración dos dez anos da súa fundación, os días 13 e 14 de decembro en Barcelona.
Neste 3º Congreso, celebrado baixo o lema “Defensar la vida, construir socialisme” a militancia de Comunistes aprobou as liñas de actuación para o vindeiro período; recollendo nos documentos a reafirmación na importancia e na centralidade do partido para dar resposta á necesidades da clase traballadora e do conxunto das clases populares. Apostando tamén polo exercicio do dereito de autodeterminación que permita construír unha República Catalana, que para Comunistes debe ser a primeira pedra para dar inicio á vía catalá ao socialismo.
No referido ao ámbito internacional consideran que estamos nun momento de transición cara unha nova orde multilateral, da que non sabemos cales será as súas características; sendo a resistencia do imperialismo a perder a súa hexemonía a que provoca unha grande inestabilidade, e o risco de escalada dos conflitos.
O Congreso elixiu un novo Comité Central, que na súa primeira reunión reelixiu por unanimidade a Hector Sànchez Mira como Secretario Xeral, que continuará formando tándem na dirección con Nora Sánchez Oussedik, que ocupou a Secretaria de Organización no anterior período.
O Congreso contou coa presenza de 36 partidos comunistas e organizacións revolucionarias de todo o mundo, entre eles o BNG e a UPG. O noso partido estivo representando polo Secretario de Relacións Internacionais, Duarte Correa, que tivo oportunidade de manter diversas reunións bilaterais; reunións que permitiron no caso de algúns partidos seguir estreitando relacións, e noutros establecer un primeiro contacto e dar a coñecer a realidade política de Galiza e o papel do nacionalismo galego.
O Congreso rematou con unha emotivo acto no que, ademais de mostrar a solidariedade cos pobos palestino, sirio e libanés, e parabenizar ao pobo uruguaio polo recente triunfo electoral, conmemoraron os dez anos da fundación do partido. No mesmo acto renderon unha sentida homenaxe a Neus Catalâ, histórica militante comunista e feminista catalá, que se incorporou á loita contra o nazismo, sobreviviu aos campos de concentración nazis e foi militante do PCC, e posteriormente de Comunistes de Catalunya até o seu falecemento en 2019.
O representante da UPG trasladou á nova dirección de Comunistes o desexo de seguir afondando na relación de amizade que mantemos desde hai tempo, relación que ten permitido a colaboración entre ambos partidos en diversos ámbitos.