O partido da patria e do socialismo
A Unión do Povo Galego (UPG) é un partido comunista e patriótico, fundado en 1964, que defende os intereses da clase traballadora e do conxunto das clases populares galegas. A UPG asume a loita de liberación nacional na perspectiva da instauración dun Estado galego democrático e popular como única maneira de acabar coa colonización que padece o noso País e como paso indispensábel para a construción do socialismo na Galiza.
Como forza patriótica, a UPG entende que é preciso reforzar a cada día a autoorganización do povo galego e agrupar todos os esforzos posíbeis nunha alternativa nacionalista e popular de defensa da soberanía nacional da Galiza. É por iso que, desde 1982, a UPG está integrada na frente patriótica Bloque Nacionalista Galego (BNG), de modo que todas as mulleres e homes que militan no Partido son tamén militantes do BNG.
No último Congreso, realizado en maio de 2016, a UPG reafirma a idea de que a única vía para mudar de forma radical a actual situación da Galiza é “a ruptura democrática co réxime español e a asunción da soberanía por medio dun proceso constituínte propio. Non se trata, por tanto, só de que como Partido reafirmemos o obxectivo estratéxico da independencia nacional como paso previo para podermos construír na Galiza unha sociedade socialista. Trátase de que mesmo na actuación política do presente a perspectiva da ruptura é a máis coherente coas nosas posicións”.
Nese XIV Congreso tamén de reafirmou a aposta na autoorganización do povo galego a partir da premisa de que “actuar con absoluta independencia de criterio é a condición imprescindíbel para colocar sempre no primeiro plano os intereses da nosa nación e das clases traballadoras galegas”. Aliás, o Partido confirmou o apoio ao BNG como organización nacionalista, democrática e plural, capaz de facer avanzar o povo galego a camiño da soberanía.